Rugby Football Union
A Rugby Football Union (RFU) é a autoridade que regula a práctica do rugby masculino en Inglaterra. Entre as súas competencias están a organización dos partidos internacionais da Selección de rugby de Inglaterra, a promoción do rugby en Inglaterra e a formación de xogadores e árbitros. O Twickenham Stadium é da súa propiedade e nel están as súas oficinas. Ten 2'5 millóns de xogadores federados.
A RFU foi fundada en Londres o 26 de xaneiro de 1871 por 21 clubs: Richmond, Ravenscourt Park, West Kent, Marlborough Nomads, Wimbledon Hornets, Gipsies, Civil Service, The Law Club, Wellington College, Guy’s Hospital, Flamingoes, Clapham Rovers, Harlequins, King's College Hospital, St Paul's, Queen’s House, Lausanne, Addison, Mohicans, Blackheath e Belsize Park. En 1886 fundouse a International Rugby Football Board por parte de Gales, Escocia e Irlanda. Inglaterra uniuse en 1890. Ata ese momento, a RFU foi a máxima autoridade do rugby mundial.
O empeño por parte da RFU de non crear un campionato de liga e de que no rugby o profesionalismo estivese prohibido, supuxo que en 1895 un grupo de 22 clubs do norte de Inglaterra proclamasen a súa secesión e fundasen a Northern Rugby Football Union que daría lugar á creación de normas novas, a novas competicións e finalmente a un deporte novo, o rugby a 13. Dende entón o rugby tradicional coñécese como rugby union para distinguilo do novo rugby league.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Web oficial da RFU (en inglés)