Saltar ao contido

Quinto Regimiento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Emblema e icona do Quinto Regimiento

O 5º Rexemento de Milicias Populares, coñecido como Quinto Regimiento (en galego Quinto Rexemento), foi un corpo militar de voluntarios da II República Española durante os primeiros meses da guerra civil española. Foi un corpo de elite do exército republicano conformado unicamente por milicias que se forxou por iniciativa do Partido Comunista de España e mais das Juventudes Socialistas Unificadas.

A súa orixe remóntase ás Milicias Antifascistas Obreras y Campesinas (MAOC), creadas polo PCE e que servían como protección a dirixentes socialistas e comunistas, compostas sobre todo por militantes das JSU, e que tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 dos xenerais José Sanjurjo Sacanell e Emilio Mola formáronse en cinco batallóns de milicias que tomaron parte activamente na defensa de Madrid. A quinta destas columnas constituíuse de forma autónoma como 5º Rexemento de Milicias Populares. Entre os seus fundadores figuraban Enrique Castro Delgado, o primeiro xefe militar, e o italiano Vittorio Vidali, que chegou a ser o primeiro comisario político.

O Quinto Rexemento participou na toma do Cuartel de la Montaña o 23 de xullo de 1936, e ocupou o colexio-convento dos Salesianos como base de operacións e de instrución militar para obreiros e campesiños, polo que acadou sona debido á súa alta capacitación de instrución militar e cohesión dos integrantes ante un mando que non daba opción ao cuestionamento das súas ordes. O número de alistados axiña creceu segundo se foron desenvolvendo as accións bélicas en torno á capital, pasando de 6.000 a 20.000 milicianos entre agosto e novembro de 1936[1].

Interveu, case sempre en vangarda, nas principais accións do comezo da guerra civil española para evitar a caída da capital republicana, Madrid, participando nas batallas de Somosierra, Guadarrama, Talavera e Toledo, ademais da evacuación dos fondos do Museo do Prado a València

Non só foi un corpo militar, xa que as súas actividades abranguían outras áreas, desenvolvendo unha importante labor social e cultural, impulsando o desenvolvemento da educación e a cultura entre as clases baixas para loitar contra o analfabetismo. Foron coñecidos os seus carteis e murais, as bibliotecas circulantes e as "guerrillas teatrais" que levou ás rúas e á fronte[2].

No Quinto Rexemento estiveron alistados ou relacionados con el coñecidos poetas e escritores comunistas, como Rafael Alberti, César Arconada, Pedro Garfias, Miguel Hernández,[3] José Herrera Petere, María Teresa León ou Juan Rejano.

Tamén estiveron enxeñeiros e arquitectos, como Luis Lacasa Navarro ou Manuel Sánchez Arcas, médicos como Juan Planelles Ripoll, profesores como José Renau, Wenceslao Roces ou Alberto Sánchez, e pintores como Alberto Sánchez Pérez.

O Quinto Rexemento converteuse no xermolo do Exército Popular Republicano, e os seus milicianos pasaron a conformar as primeiras brigadas mixtas. Dela saíron xefes destacados do Exército Popular Republicano, como Juan Modesto, Enrique Líster, Valentín González "El Campesino" e Etelvino Vega Martínez. Deixou de funcionar definitivamente o 22 de xaneiro de 1937. Vittorio Vidali, un dos seus comandantes, proclamou ese día: "¡El Quinto Regimiento ha muerto! ¡Viva el ejército popular!".

A 11ª División de Enrique Líster, coñecida como Batallón de Líster, naceu da integración do Quinto Rexemento no Exército Popular Republicano.

Estrutura e fama

[editar | editar a fonte]

Aínda que fora creado polo PCE, no Quinto Rexemento alistáronse defensores da República de todas as ideoloxías, incluídos antigos militares leais á República. Os soldados podían elixir os seus sarxentos e oficiais de menor rango, pero despois non podían discutir as ordes (como ocorría decote noutras unidades republicanas) e tiñan que acatalas sen cuestionalas. A súa boa organización e instrución e o feito de que moitos dos seus membros soubesen polo menos algo do manexo do fusil fixo que axiña se convertese en corpo de elite.

Debido á súa sona no bando republicano dedicáronselle algunhas cancións populares. O seu voceiro era a publicación Milicia Popular.

  1. De Miguel, J. e Sánchez, A.: "Batalla de Madrid", en Historia Ilustrada de la Guerra Civil Española, 2006, p. 197.
  2. "El madrileño distrito de Tetuán homenajea al Quinto Regimiento" Arquivado 10 de decembro de 2011 en Wayback Machine., artigo en www.larepublica.es (en castelán).
  3. "La Batalla por Madrid" Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine., en http://butarque.es Arquivado 09 de abril de 2010 en Wayback Machine. (en castelán).