Ovario (botánica)
En botánica, o ovario é unha parte do xineceo, que contén os óvulos a seren fecundados, constituíndo a súa parte inferior. O ovário está formado por unha ou máis follas modificadas que reciben o nome de carpelos que representan os macrosporófilos, que poderán ser libres ou fundidos.
Dentro do ovario hai unha ou máis cavidades denominadas "lóculos" que conteñen os óvulos en espera para seren fecundados e así transformárense en sementes; o ovário está destinado a transformarse en froito. Os óvulos insérense dentro do ovario nunha zona da placenta.
Dentro dos óvulos (que representan aos macrosporanxios) desenvólvese a macróspora (n) da cal por mitoses sucesivas formarase o gametófito feminino (óvulo).
Debaixo do ovario posiciónanse os estiletes e os estigmas.
Unha das terminoloxías de descrición do ovario refírese ao punto de inserción sobre o receptáculo (onde as outras partes florais (perianto e androceo) se unen e se fixan á superficie do ovario, como abaixo:
- Ovario súpero: o ovario atópase sobre o receptáculo e sobre o punto de inserción das outras partes florais. É un receptáculo cónico ou convexo, onde o ovario será a parte alta da flor. Os sépalos, pétalos e os estames inseriranse na base do ovario. Neste caso a flor dise hipóxina. Os froitos derivados dun ovario súpero poden ser, por exemplo, Hypericum calycinum, drupas...
- Ovario ínfero: atópase abaixo dos outros verticilos sobre un receptáculo ben cóncavo, onde os sépalos, pétalos, e estames están inseridos por enriba do ovario. Unha flor con ovario ínfero dise epíxena. Os ovarios ínferos orixinan falsos froitos (ex. pomo, Fuchsia) onde o receptáculo é outra parte floral participando na constitución do froito.
- Ovario semi-ínfero: localízase en posición media máis ou menos circundando o receptáculo.
O receptáculo será plano e, sépalos, pétalos, e estames están inseridos na base do hipanto. Son flores períxinas. Nalgunhas clasificacións esta tipoloxía non se recoñece, existindo moitas posicións intermedias entre súpero e ínfero.
A posición do ovario é determinante no desenvolvemento subsequente do froito: se o ovario se une coa parede interna do receptáculo, defínese "ínfero"; se non dise "súpero". No primeiro caso desenvolverase un falso froito derivado do crecemento do ovario e do receptáculo; no segundo desenvólvese un froito propiamente dito, na súa formación non participa o receptáculo.