Saltar ao contido

Os Baños, Caldelas de Tui, Tui

Os Baños
ParroquiaCaldelas de Tui
ConcelloTui
Coordenadas42°03′21″N 8°34′06″O / 42.055769695265, -8.5682987806189
Poboación304 hab. (2017)
editar datos en Wikidata ]

Os Baños é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Tiña 284 habitantes no ano 2009, segundo o padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística, dos que 132 eran homes e 152 mulleres, o que representa unha variación dun 1,4 por cento respecto ao ano 2000.

Aspectos de interese

[editar | editar a fonte]

Os Baños é o lugar máis relevante e con máis habitantes de Caldelas de Tui, e nel sitúanse varios dos elementos máis importantes da parroquia, como as augas termais, a estación do tren, o Gran Hotel Balneario, a vella escola unitaria, O Pelouro co seu recoñecido proxecto pedagóxico, o torreiro (denominación habitual na comarca para os campos da festa) e a capela do Carme.

O barrio medrou grazas a dous elementos, a estación do tren, erixida a finais do século XIX, e a sona das súas augas termais, que foron o motivo de que se erixise o Gran Hotel, no mesmo século. Ao seu redor floreceu o sector servizos, principalmente a hostalería, a restauración e o pequeno comercio.

Hotel balneario

[editar | editar a fonte]

Situado fisicamente a medio camiño entre a estación do tren e o balneario en si, o hotel foi promovido en 1889 por Antonio Oliver Rubio, quen chegara a xeneral do exército nos tempos de Afonso XIII, e que tamén era propietario dos baños (nome co que se coñecen as augas termais).

O establecemento viviu épocas de esplendor a comezos do século XX, igual que ocorría noutras localidades galegas, como Caldas de Reis, Cuntis, Mondariz-Balneario ou A Toxa. A sona das augas de Caldelas fixo que o hotel tivese moito éxito e propiciase o crecemento ao seu carón, no mesmo barrio, de numerosos aloxamentos. Nos bos tempos, chegaron a contarse ata sete hoteis, á marxe das fondas.

Esta situación mantívose ata a guerra civil. Daquela comezou un declive que se mantivo ata bastante avanzado o século XX e hoxe vive mellores tempos. Foi un dos escenarios do filme Hotel Danubio de Antonio Giménez-Rico (2003).

O Pelouro

[editar | editar a fonte]

O Pelouro é unha experiencia educativa posta en marcha en 1973 por Teresa Ubeira e Juan Llauder. En 1988 foi declarado pola Xunta "centro singular experimental de innovación psicopedagóxica e integración"[1].

É un proxecto de integración de pequenos normais e outros con discapacidades que ten sido recoñecido con diversos premios e en numerosas investigacións. O seu obxectivo é, segundo contan os responsables, "propiciar a integración saudable de nenos normais con outros con déficits psicosociocognitivos e trastornos xerais do desenvolvemento"[2].

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Caldelas de Tui

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Caldelas de Tui no concello de Tui (Pontevedra)

Os Baños | O Calvario | O Coello | Engarde | O Foxo | Os Gaios | A Igrexa | O Monte | O Monteiro | As Peteiras | O Piñeiro | O Pozón | O Seixal | O Souto de Arriba | O Souto de Engarde | A Telleira

Parroquias de Tui

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Tui

Areas (Santa Mariña) | Baldráns (Santiago) | Caldelas de Tui (San Martiño) | Guillarei (San Mamede) | Malvas (Santiago) | Paramos (San Xoán) | Pazos de Reis (O Sagrario) | Pexegueiro (San Miguel) | Randufe (Santa María da Guía) | Rebordáns (San Bartolomeu) | Ribadelouro (Santa Comba) | Tui (O Sagrario)

  1. Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria (8 de agosto de 1988). "Decreto polo que se declara o centro neuropsicopedagóxico O Pelouro como centro singular experimental de innovación psicopedagóxica e integración". Diario Oficial de Galicia. 
  2. Texto de presentación, na páxina web do centro.[Ligazón morta permanente]