Novum Organum
O Novum Organum (ou Indicacións relativas á interpretación da natureza, publicado en 1620) é a obra principal do filósofo británico Francis Bacon, quen concibía a ciencia como unha técnica, capaz de dar ao ser humano o dominio sobre a natureza.
O Novum Organum trata sobre a lóxica do procedemento técnico-científico, unha lóxica contraposta á aristotélica (cuxo tratado se titulaba, precisamente, Organon), e que, segundo Bacon, resultaba boa só para a disputa verbal.
Bacon pensaba que era necesario que a intelixencia humana se apropiara de instrumentos eficaces para dominar a natureza. Este instrumento serían os experimentos, que interpretan e dan forma aos datos da experiencia sensíbel. Cómpre librarse dos prexuízos que obstaculizan as novas ideas. A estes prexuízos Bacon denominábaos "ídolos", aos que clasificou da seguinte maneira:
- Idola tribus (ídolos da tribo). Aqueles prexuízos comúns ao xénero humano, que ocorren a causa das deficiencias do propio espírito humano e revélanse pola facilidade con que xeneralizamos con base nos casos favorábeis, omitindo os desfavorábeis. Son así chamados porque son inherentes á natureza humana, á propia tribo ou raza humana. Astroloxía, alquimia e cábala son exemplos destas xeneralizacións.
- Idola specus ou ídolos da caverna. Resultan da propia educación e da presión dos costumes e hábitos de cada persoa. Hai, obviamente, unha alusión á alegoría da caverna platónica.
- Idola fori (ídolos da praza pública —ou foro—). Están vinculados ao mal uso que facemos da linguaxe.
- Idola theatri (ídolos do teatro ou da autoridade). Ocorren pola subordinación á autoridade (por exemplo, a de Aristóteles). Os sistemas filosóficos carecían de demostración, e para Bacon eran pura invención, como as pezas de teatro.[1]
A teoría dos prexuízos constitúe a parte crítica e destrutiva (Pars destruens) do tratado.
A parte construtiva (Pars conmstruens) estuda o modo en que debe organizarse a experiencia. É un discurso sobre o método científico. A trabe mestra deste método é a indución. Para organizar e interpretar os datos da experiencia (e para facer experimentos) Bacon propuxo a súa "teoría das tres táboas" (ou tres rexistros):
- Na primeira ("Táboa de presenza") fala dos feitos os fenómenos que se dan na natureza. (por exemplo, os raios do Sol, que producen calor).
- Na segunda ("Táboa de ausencia") menciona os feitos nos que non se dá este fenómeno.(Por exemplo, os raios da Lúa, que non producen calor.)
- Na terceira ("Táboa de graos") sinala os casos nos que a natureza observada aparecen en distintos graos de intensidade. (Feitos en que hai variación).[2]
A partir desta investigación intervé a indución: compáranse os diferentes casos, interprétanse, constrúese unha primeira hipótese e se procede á experimentación. Tras un longo traballo chegarase a unha hipótese crucial que, de verificarse, será a causa e a natureza do fenómeno examinado.
Bacon investigaba a natureza das cosas, a súa substancia e a súa esencia. Porén, a ciencia moderna (a partir de Galileo) non se ocupa tanto da natureza das cousas como das relacións existentes entre elas: sería unha ciencia de relacións lóxico-matemáticas e non de substancias. Nas ciencias naturais é necesaria unha estratexia de observación atenta e paciente. Charles Darwin será debedor de Bacon na súa obra A orixe das especies.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Diccionario de filosofía. Letra "I" en tododeiure.com.ar (en castelán) Consultada o 26/12/2012.
- ↑ Bacon y el comienzo de la filosofía inductiva Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine. en Revistas humanas. (en castelán) Consultada o 26/12/2012.