Núcleo terrestre
O núcleo terrestre, ou núcleo da Terra, é a súa esfera central, a máis interna das que constitúen a estrutura da Terra.
Está formado principalmente por ferro e níquel. Ten un raio de cerca de 3 500 km, maior que o do planeta Marte. A presión no seu interior é varios millóns de veces á existente na superficie, e a súa temperatura pode superar os 6 700 °C.[1]
Divídese en núcleo externo, líquido, e núcleo interno sólido, separados pola descontinuidade de Lehmann.
Antigamente coñecíase co nome de Nife debido ao seu alto contido en níquel e, sobre todo, en ferro.
Formación
[editar | editar a fonte]Durante a súa formación, hai uns 6 000 millóns de anos, a Terra pasou por unha etapa de fusión, o que permitiu que, debido á acción da gravidade, os materiais máis densos afundiran cara ao centro, mentres que os mái lixeiros subiron cara á codia, un proceso denominado diferenciación planetaria. A causa disto, o núcleo terrestre está composto na súa maior parte por ferro (máis do 70 %), xunto con níquel, iridio e outros elementos pesados; outros elementos químicos densos, como o chumbo ou o uranio, ou son moi raros na Terra, ou son propensos a combinarse quimicamente con elementos máis lixeros, e por tanto permanecen na superficie.
Os metais que conforman o núcleo da Terra fixeron unha aliaxe cando o planeta aínda estaba incandescente, formando así unha estrutura extraordinariamente densa e dura, polo que o noso planeta é o máis denso do sistema solar.
Orixe da calor interna da Terra
[editar | editar a fonte]A temperatura da Terra aumenta coa profundidade, fenómeno coñecido como gradiente xeotérmico, e o seu centro estímase que pode superar os 6 700 °C, temoeratura máis elevada que a da superficie do Sol. Suponse que os tres factores que contribuíron á calor interna da Terra foron os seguintes:[1]
- A calor liberada pola colisión de partículas durante a formación da Terra.
- A calor emitida cando o ferro cristalizou para formar o núcleo interno sólido.
- A calor emitida pola desintegración radiaoctiva dos elementos, en especial os isótopos radiaoctivos de uranio, torio e potasio.
Só o terceiro factor permanece activo, e é moito menos intenso que no pasado; a Terra irradia ao espazo máis calor da que se xera no seu interior, polo que arrefría lenta, pero continuamente.
Características
[editar | editar a fonte]A densidade media da Terra é de 5 515 kg/m3 (5,515 g/cm3), a maior do sistema solar.[2] Dado que a densidade media dos materiais da superficie oscila entre 2 600 - 3.500 kg/m3 (2,6 e 3,5 g/cm3), deben existir materiais moito máis densos no núcleo do noso planeta. A sismoloxía proporxciona outras evidencias da alta densidade do núcleo. Calcúlase que a densidade media do núcleo é de 11 000 kg/m3 (11,00 g/cm3.[1]
Os meteoritos achegan datos sobre a composición do núcleo, xa que se cre que son restos do material a partir do cal se formou a Terra. Hai meteoritos rochosos formados por rochas similares ás peridotitas, e meteoritos metálicos compostos por ferro e níquel; os primeiros considéranse similares ás rochas que forman o manto, mentres que os segundos suponse que son representativos da composición do núcleo. Segundo os últimos datos, o núcleo componse de ferro con 5-10 % de níquel e menores cantidades de elementos máis lixeiros, talvez xofre e oxíxeno.[1]
Subdivisións do núcleo
[editar | editar a fonte]Os datos sísmicos mostran que o núcleo está dividido en dúas partes, un núcleo externo líquido, de aproximadamente 2 270 km de grosor, e un núcleo interno sólido cun raio duns 1 220 km; ambos están separados pola descontinuidade de Lehmann.
Núcleo externo
[editar | editar a fonte]Crese que o núcleo externo é líquido e que está composto por ferro mesturado con níquel e poucos rastros de elementos máis lixeiros. A maioría dos científicos cre que a convección do núcleo externo, combinada coa rotación de dito núcleo causada pola rotación da Terra (efecto de Coriolis), causan o campo magnético terrestre a través dun proceso explicado pola hipótese da dínamo.
Núcleo interno
[editar | editar a fonte]O núcleo interno sólido foi descuberto en 1936 por Inge Lehmann e crese que está composto principalmente por ferro, até un 70 %, níquel (20 %) e menores cantidades doutros metais pesados, como iridio, chumbo e titanio; algúns científicos pensan que podería estar na forma dun só cristal de ferro extremadamente duro e pesado que forma unha aliaxe.[3][4] Especulacións recentes suxiren que a parte máis interna do núcleo está arrequecida por elementos moi pesados, de números atómicos por riba de 55, o que incluiría ouro, mercurio e uranio.[5]
O núcleo interno sólido está demasiado quente como para soster un campo magnético permanente [6] pero probabelmente actúa como un estabilizador do campo magnético xerado polo núcleo externo líquido.
Evidencias recentes suxiren que o núcleo interno da Terra podería rotar lixeiramente máis rápido que o resto do planeta.[7] En agosto de 2005 un grupo de xeofísicos anunciou na revista Science que, de acordo cos seus cálculos, o núcleo interno da Terra rota en dirección oeste a leste aproximadamente un grao por ano máis rápido que a rotación da superficie; así, o núcleo fai unha rotación extra aproximadamente cada 400 anos.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Tarbuck, E. J. & Lutgens, F. K. 2005. Ciencias de la Tierra, 8ª edición. Pearson Educación S. A., Madrid. ISBN 84-205-4400-0
- ↑ Densidade dos planetas e do Sol
- ↑ "Cohen, Ronald; Stixrude, Lars. "Cristal no centro da Terra" 5 de febreiro de 2007" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2007. Consultado o 17 de marzo de 2012.
- ↑ Lars Stixrude e R. E. Cohen, "Elasticidade do ferro a alta presión e anistropía do núcleo interno da Terra", Science, 31 de marzo de 1995, Vol. 267, nº 5206, páxs. 1972-1975 (en inglés)
- ↑ Wootton, Anne (2006): "O Fort Knox interno da Terra", Discover 27 (9): páx. 18.
- ↑ Véxase temperatura de Curie.
- ↑ Earth's Core Spins Faster Than the Rest of the Planet - New York Times
- ↑ Kerr, R. A. (2005): "Earth's Inner Core Is Running a Tad Faster Than the Rest of the Planet". [http://www.sciencemag.org/cgi/content/summary/309/5739/1313a Science, 309 (5739): páx.1313 (en inglés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Casquet, César et al. (1981): La Tierra, planeta vivo. Barcelona: Salvat Editores. ISBN 84-345-7853-0
- Clark, Sydney P. (1987): La estructura de la Tierra. Barcelona: Ediciones Orbis. ISBN 84-7634-467-8
- Domínguez, Antonio (1975): La formación de la Tierra. Barcelona: Salvat Editores. ISBN 84-345-7361-X
- Foster, Robert J. (1973): Geología. Barcelona: Editiorial Labor.ISBN 84-335-5523-5
- Kohler, Pierre (1993): Historia de nuestro planeta. Madrid: Alinza Editorial. ISBN 84-206-0644-8
- Lillo Beviá. José et al. (1995): Geología. Paterna, Valencia: Editorial ECIR. ISBN 84-7065-073-4
- Meléndez, Bermudo e José Mª Fuster (1981): Geología, 4ª ed. Madrid: Paraninfo. ISBN 84-283-0956-6
- Takeuchi, H; Uyeda, S. e Kanamori, H. (1986): ¿Qué es la Tierra?. Barcelona: Ediciones Orbis. ISBN 84-7634-560-7
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Descontinuidade de Conrad
- Descontinuidade de Gutenberg
- Descontinuidade de Lehmann
- Descontinuidade de Mohorovičić
- Descontinuidade de Repetti
- Estrutura interna da Terra
- Formación e evolución do sistema solar
- Historia da Terra
- Planeta
- Planeta interior
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Souternet Informacións sobre a estrutura da Terra (con abundante bibliografía) (en francés)
- International Earth and Reference System Service IERS (en inglés)
- Planeta Terra (en francés)
- O planeta Terra (en francés)
- Historia dun misterio: o interior da Terrra Arquivado 16 de agosto de 2012 en Wayback Machine. (en francés)