Saltar ao contido

Microfilme

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Microfichas dun volume de 1996 do ICES Journal of Marine Science.

O microfilme é un sistema analóxico e fotográfico para a conservación, xestión e difusión de documentos.[1] Foi inventado en 1859 en París por René Dagron.

A súa produción está sometida a un alto grao de normalización, tanto na súa metodoloxía como nos materiais empregados e un estrito control dos produtos resultantes.[2]

O seu obxectivo é obter unha reprodución exacta do documento orixinal, representado nun grao de redución determinado e coñecido, sobre un soporte fotográfico normalizado e cuxa posición dentro dunha serie documental poida establecerse.

Todo isto fai que cada unha das súas imaxes teña un valor individual e que as institucións e mesmo os gobernos dalgúns países acepten o microfilme como un documento con valor probatorio nos xulgados.[3]

Microficha

[editar | editar a fonte]
Lector de microfichas, en Boston.

A microficha[4] é unha variante plana, que resolve as dificultades de mantemento das bobinas. Ambos formatos tiñan a vantaxe de reproducir unha gran cantidade de información nun pequeno volume. Até a chegada dos métodos dixitais ou electrónicos, era a solución máis empregada para reducir o volume de documentos en papel ou para distribuír documentos raros ou preciosos, dos que a consulta con demasiada frecuencia do orixinal podía contribuír á súa deterioración. Tiñan a desvantaxe de que tanto as bobinas de microfilme como as microfichas estaban suxeitas a un desgaste considerable debido á súa manipulación.

Tamén tiña unha función militar, debido á posibilidade de transportar en segredo unha gran cantidade de información. Antes da aparición de Internet, as microfichas usábanse na industria para poñer a disposición debuxos técnicos e identificar compoñentes. O método permitiu deixar unha copia da Biblia na lúa en só catro centímetros cadrados.[5] A pesar da súa boa fiabilidade, o formato analóxico do soporte non permite procuras automatizadas.

  1. "Dicionario; microfilmar". Real Academia Galega. Consultado o 2023-06-20. 
  2. Véxase a descrición da norma ISO en «ISO 6199:2005: Micrographics - Microfilming of documents on 16 mm and 35 mm silver-gelatin type microfilm - Operating procedures» na web do www.iso.org
  3. "Lector de Microfilm ; Museo de Tecnologías de la Información, Comunicación y Entretenimientos". web.unicen.edu.ar. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2023. Consultado o 2023-06-20. 
  4. "Dicionario ; microficha". Real Academia Galega. Consultado o 2023-06-20. 
  5. Pons, ACN / Cristian. "'Expo Bíblia' mostra un exemplar en microfitxa com el de la Bíblia que es va deixar a la superfície de la lluna - 17 febrer 2008". El Punt Avui (en catalán). Consultado o 2023-06-20. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]