Merk
1/4 thistle merk de Xacobe VI | |
---|---|
IACOBVS • D• G • R • SCOTORVM, escudo de armas coroado. | REGEM • IOVA • PROTEGIT • 1602, cardo coroado. |
Thistle merk. 1602. AG. 21 mm. 1,60 g. [1] |
O merk foi unha moeda escocesa de prata que circulou desde finais do século XVI ao século XVII, inicialmente co valor de 13 xilins e 4 peniques escoceses (2/3 da libra escocesa ou medio dólar escocés), aínda que posteriormente adquiriu o valor de 14 xilins.[2][3][4][5]
Historia
[editar | editar a fonte]½ merk (noble) de Xacobe VI (1567-1603) | |
---|---|
IACOBVS · 6 · DEI · GRATIA · REX ·SCOTORVM ·. Armas reais coroadas. 6 (xilins) e 8 (peniques) aos lados. | · SALVVM · FAC · POPVLVM · TVVM ·DNE ·. Cruz adornada con estrela no centro. |
½ merk (noble). 1577. AG. 32 mm. 6,57 g. [6] |
Merk de Carlos II (1660-1685) | |
---|---|
CAROLVS · II · DEI : GRA ·; busto real cara á dereita. | : MAG BRI · FRA ET · HIB REX ·; armas dispostas en cruz e valor no centro. |
Merk. 1671. Ceca de Edimburgo. AG. 26 mm. 6,19 g. [7] |
1/4 merk (1/16 dólar) de Carlos II | |
---|---|
· CAROLUS · II · · DEI · GRA ·; busto real laureado cara á esquerda. | SCO · ANG · FRA · ET · HIB · REX ·; cruz de Santo André con coroa no centro. |
1/4 merk (1/16 dólar). 1678. AG. 16 mm. 1,61 g. [8] |
Xacobe VI (1567-1603)
[editar | editar a fonte]No estudo da numismática de Xacobe distínguense adoito dous períodos: o primeiro (1567-1603) é o anterior ao seu ascenso ao trono de Inglaterra e o segundo (1603-1625) é xa co título de Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra (neste segundo período non se cuña o merk nin as súas fraccións). No primeiro período considéranse oito series numismáticas diferentes.[4][9]
Foi na segunda destas series de emisións, en 1572, cando se cuñou por vez primeira unha moeda de prata de medio merk, que recibiu tamén o nome de noble de prata. Nos seus anversos amosaba o escudo de Escocia coroado e, a ambos os lados, a indicación do seu valor: 6 - 8 (seis xilins e 8 peniques), todo iso rodeado pola lenda IACOBVS 6 DEI GRATIA REX SCOTORVM. Nos seus reversos representábase unha cruz cunha estrela no centro, e nos seus cuarteis alternaban dúas coroas e dous cardos (un dos símbolos nacionais escoceses), xunto coa lenda SALVVM FAC POPVLVM TVVM DNE[10] e o ano de cuñaxe. Esta moeda cuñouse entre os anos 1572 e 1577, e en 1580.[6] Simultaneamente cuñouse tamén unha moeda de 1/4 merk, chamada tamén medio noble, coa mesma tipoloxía e as mesmas lendas, aínda que coa metade de peso e valor (indicado como 3 - 4), nos anos 1572-1574, 1576-1577 e 1580.[11]
Aínda na segunda serie, en 1578 introducíronse novos tipos coa figura característica dun gran cardo no reverso. O dobre mark (ou dólar) de Xacobe VI repetía no anverso a lenda do primeiro ½ merk, en torno ao escudo coroado de Escocia; o cardo dos reversos represéntase coroado e con follas, coa lenda NEMO ME IMPVNE LACESSET,[12] que foi suxerida polo humanista e poeta escocés George Buchanan (1506-1582).[3][13] Este dobre merk foi cuñado entre 1578 e 1580, xunto co merk, co que compartía a tipoloxía.[14]
Durante a sexta serie de emisións (1591-1593), en 1591 emitiuse novamente o valor de ½ merk, que retoma para os anversos o escudo escocés co león, en tanto que o novo motivo principal dos reversos é agora unha balanza (polo que se coñece como balance half merk), e detrás unha espada, rodeadas pola lenda HIS DIFFERT REGE TYRANNVS.[13] Xunto con esta moeda emitiuse tamén a de 1/4 merk, cos mesmos tipos. A de medio merk cuñouse en 1591-1593, mentres que a dun cuarto só se cuñou en 1591.[15][16][4]
Xa na oitava serie (1601-1604), produciuse a derradeira cuñaxe do merk, xunto coas fraccións de medio, un cuarto e un oitavo, a nome de Xacobe VI. Nesta serie recuperouse como motivo principal do reverso o cardo (o que lle dá o nome de thistle merk), que nesta ocasión estaba rodeado pola lenda REGEM IOVA PROTEGIT ("Xehová protexe o rei").[3][4][17]
Carlos I (1625-1649)
[editar | editar a fonte]Nun momento en que a Casa da Moeda de Edimburgo comezaba a adaptarse para as primeiras cuñaxes mecanizadas, mediante unha prensa de volante, en 1636 prodúcese unha nova emisión de moedas de medio merk, aínda cuñadas a martelo. Nos seus anversos representábase o busto real cara á esquerda, coa lenda CAROLVS · D · G · SCOT : ANG : FR : & · HIB · R · ("Carlos, pola graza de Deus, rei de Escocia, Inglaterra, Francia e Irlanda") e a marca do valor á dereita do busto, consistente nun monograma composto por VI e 8. No reverso, o escudo real coroado, coas armas de Escocia nos cuarteis I e IV, rodeado pola lenda CHRISTO AUSPICE REGNO ("reino baixo o auspicio de Cristo").[18]
E o ano seguinte iniciouse unha nova serie de emisións no período de Carlos I, para a que xa se xeneralizou o uso da prensa de volante.[19] Con esta nova tecnoloxía de cuñaxe emitiuse novamente a moeda de medio merk, cunha tipoloxía case idéntica á do ano anterior, aínda que cun tamaño algo inferior (24 mm, en lugar dos 28 mm da moeda de 1636).[20]
Carlos II (1660-1685)
[editar | editar a fonte]Logo do período da Commonwealth de Inglaterra (1649-1660), no que non se produciu cuñaxe ningunha en Escocia, as emisións de moeda de prata a nome de Carlos II retomáronse na ceca de Edimburgo en 1664.[21]
Baixo este reinado producíronse dúas series de emisións. Na primeira (1664-1675) cuñáronse moedas dun merk (anualmente) e de medio merk (só en 1675), ambas cunha tipoloxía semellante: no anverso o busto real cara á dereita, rodeado pola lenda CAROLVS · II · DEI : GRA · ("Carlos II, pola graza de Deus"), e no reverso o escudo coas armas dispostas en cruz, coa letra C en cada cuartel e a marca de valor (XIII 4) no centro, coa lenda MAG BRI · FRA ET · HIB REX · ("Rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda").[22]
A segunda serie (1675-1682) veu marcada pola nova denominación de dólar (dollar) para a cantidade de 4 merks. Aínda que non se cuñou a unidade, si que se emitiron moedas fraccionarias de 1/4 dólar (un merk), de 1/8 dólar (medio merk) e de 1/16 dólar (un cuarto de merk).[23]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "¼ Thistle Merk - James VI". Numista.
- ↑ "Merk". En Frey, A. R. (1916). Páxina 148.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Grueber, H. (1899).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Stewart, I. (1955).
- ↑ "Scots Money". Pierre-marteau.com
- ↑ 6,0 6,1 "½ Merk - James VI". Numista.
- ↑ "1 Merk - Charles II". Numista.
- ↑ "1/16 Dollar - Charles II". Numista.
- ↑ Burgess, F. W. (2000). Chats on Old Coins. Asian Educational Services. Nova Deli. Páxina 301.
- ↑ Salvum fac populum tuum domine ("salva o teu pobo, SSeñor) é un verso do himno cristián Te Deum laudamus.
- ↑ "¼ Merk - James VI". Numista.
- ↑ Nemo me impune lacessit ("ninguén pode provocarme impunemente) é o lema da Orde do Cardo.
- ↑ 13,0 13,1 "Merk Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (1915). Páxina 281.
- ↑ "Double merk" e "Thistle dollar". En Frey, A. R. (1916). Páxinas 70 e 241.
- ↑ "Balance ½ Merk - James VI". Numista.
- ↑ "Balance ¼ Merk - James VI". Numista.
- ↑ "Thistle Merk", "1/2", "1/4" e "1/8". Numista.
- ↑ "½ Merk - Charles I 2nd Coinage". Numista.
- ↑ Stewart, I. (1955). Páxinas 105-111.
- ↑ "½ Merk - Charles I 3rd Coinage". Numista.
- ↑ Craig, J. (1953). Páxinas 147-149.
- ↑ "1 merk" e "½ merk". Numista.
- ↑ "1/4 dollar", "1/8 dollar" e "1/16 dollar". Numista.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Merk |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bateson, D, (1987). Scottish Coins. Shire Publications Ltd. ISBN 0-85263-847-7
- Belaubre, J. (1996). Dictionaire de Numismatique médiévale occidentale. París. Léopard d'Or. ISBN 2-86377-121-3
- Burns, E. (1887). The Coinage of Scotland. Volume I, volume II, volume III. Black, Edimburgo.
- Craig, J. (1953). The Mint: A History of the London Mint from A.D. 287 to 1948. Cambridge University Press. ISBN 978-0521170772
- De Cardonnel, A. (1786). Numismata Scotiæ or a series of the scottish coinage, from the reign of William the Lion to the Union. Edimburgo. G. Nicol.
- Frey, A. R. (1916). A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50.
- Grueber, H. (1899). Handbook of the Coins of Great Britain and Ireland in the British Museum. Londres. [Reimpresión en 1970; ISBN 1-4021-1090-1]
- Holmes, N. (1998). Scottish Coins. Edimburgo. NMS Publishing. ISBN 1-901663-02-7
- Martinori, E. (1915). La moneta. Vocabolario generale Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Roma. Istituto italiano di numismatica.
- Mackay, J.; Mussel, J. (2016). Coin Price Guide to British Coins. Token Publishing Ltd.
- Seaby, P.; Purvey, F. (1984). Coins of Scotland Ireland and the Islands. Sanford J. Durst. ISBN 978-0900652646
- Stewart, I. (1955). The Scottish Coinage. Londres. Spink & Son.