Meirol, Mondariz
Meirol | |
---|---|
Igrexa de Santo André de Meirol. | |
Concello | Mondariz[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°12′48″N 8°25′02″O / 42.213258022856, -8.4170981408271 |
Área | 4,23 km² |
Poboación | 198 hab. (2013) |
Densidade | 46,81 hab./km² |
Entidades de poboación | 6[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santo André de Meirol é unha parroquia que se localiza no concello de Mondariz. Segundo o IGE en 2013 tiña 198 habitantes (96 homes e 102 mulleres), distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 246 habitantes.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Os seus montes principais son Penalta, Picoto, Mouriz e Coto de Castro e está bañada polo río Xabriña.
Historia
[editar | editar a fonte]En tempos antigos, a parroquia de Meirol era unha anexión á actual parroquia de Mouriscados; pero o 15 de decembro de 1924 consolidouse como parroquia independente grazas a unha investigación levada a cabo no século XVIII (1752), na que declararon ante o bispado varios veciños desta entidade, alegando para a súa independencia (xa reclamada neste século) a antiga tradición que proviña do mandato do marqués de Sobroso, o cal consideraba Meirol como un "marquesado" do que obtiña abundantes beneficios cobrados en forma de décimo.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]A igrexa de Meirol presenta portada adintelada recercada por molduras acodadas. Sobre a portada, unha fornela e remate de pináculos laterais con espadana central de dobre van. Os muros laterais levan tres contrafortes. A ábsida sobresae en altura, cuberta a catro augas. A sancristía esta adherida ó lado sur do templo.
O cruceiro do adro está situado diante da igrexa, preto do muro que limita o adro. Ten varal octogonal fincada directamente no chan empedrado. O capitel é esférico con ecuador ben marcado a xeito de corda trenzada sobre o que se erixe unha cruz octogonal.
O cruceiro e peto de ánimas do Couto está situado nunha praza no barrio do Couto á esquerda da estrada local de Meirol a Mondariz. Constitúen unha unidade e comparten base. O cruceiro aséntase sobre un tronco de pirámide mediante unha vara estriada cilíndrica. O capitel é cadrado e forma un tronco de pirámide invertido labrado. Cruz rectangular con figura dun Cristo.
O peto de ánimas está sobre a pesa, por diante do cruceiro. O tellado ten forma de arco con dous pináculos modernos ós lados. Susténtase en dúas columnas con estrías ó longo nos laterais do fornelo protexido cun cristal e unha reixa.
O retablo é de azulexos de cerámica con representación do arcanxo san Miguel coa espada na man dereita e a balanza na esquerda sobre un dragón que sobrevoa as lapas do inferno.
Descoñécese ano de construción, aínda que figura unha epígrafe de reconstrución de 1967.
No cumio dun muro en Campados atópanse os restos dun cruceiro. O muro pecha o eido que na antigüidade pertenceu a un cura. Posúe capitel e cruz, aínda que está a carón da cruz e non por baixo deste ó non estar montado sobre vara senón pousados sobre o muro. Hai tamén un reloxo de sol de pedra.
Cruz rectangular lisa con figuras a ambos lados. Cristo no anverso, de tres cravos, mirando á fronte, cos brazos paralelos ó chan. Ten as mans abertas, nó do pano ó lado dereito e pé dereito por riba do esquerdo. No reverso, a Virxe das Angustias collendo o fillo. O capitel e cuadrangular, cos lados curvos e cabezas de anxo con ás en cada cara.
O Peto do Outeiro é un peto de ánimas situado nunha encrucillada no barrio do Outeiro. Trátase dun peto de tipo pechado e pouca altura, antigamente coroado por cruz desaparecida na actualidade. Tellado chan, coa pedra partida. Fornelo arqueado coroado por cruz en relevo. Dous pináculos laterais esculpidos tamén en relevo. O retablo é de madeira, pintado en branco. En relevo figuras de Cristo sobre tres ánimas entre lapas.
O Peto de Penalonga é outro peto de ánimas situado no muro dunha casa datada no ano 1892, en Amil, Penalonga. Ocupa unha posición de tránsito. Carece de ornamentación. Ten unha pedra que sobresae lixeiramente na parte inferior facendo de mesa e reixa protectora. Sen retablo.
O Peto da Goleta está situado no lugar da Goleta, no barrio de Campados. Fornelo de forma rectangular adornado con pináculos en relevo ós lados. Ten porta de ferro con reixa protectora e caixa das esmolas no interior. Carece de retablo.
O Peto de santo Antón, situado á beira da estrada que discorre dende a igrexa de Meirol cara a Lougares, ocupa unha posición de tránsito. Trátase dun peto pechado, coroado por unha cruz cadrada coas arestas rebaixadas e dous pináculos os lados, grandes e sinxelos. Amosa na parte dianteira unha placa de mármore con epígrafe do ano de restauración (1970). Ten reixa protectora e caixón de esmolas metálico situado sobre a mesa, no interior do fornelo. Este é arqueado cun reborde en forma de cordón que remata cunha cruz na parte superior. No interior do fornelo hai unha figura de santo Antón.
Finalmente, o Peto de san Xosé está situado na beira da estrada que discorre dende a igrexa de Meirol cara a Lougares, en posición de tránsito. Trátase dun peto de tipo pechado, situado enriba dun valado de delimitación dunha propiedade agrícola. O tellado é chan, coroado por unha cruz rectangular, de sección cadrada coas arestas rebaixadas. O fornelo arqueado, protexido con porta metálica e como único adorno un reborde ancho de cor branca arredor do fornelo. No interior do fornelo hai unha estatua de san Xosé.
Festas
[editar | editar a fonte]En Meirol celébranse tres festas importantes:
- San Brais: celébrase o 3 de febreiro. Esta romaría é unha das máis importantes da comarca, xa que atrae a numerosos fieis debido a que dita celebración conta cunha gran peculiaridade: cando o sacerdote remata a misa en honra a San Brais, disponse a bendicir unhas bolas de pan de centeo que cada fregués leva para a súa casa no caso de que el ou algún familiar seu teña problemas de saúde relacionadas co aparello dixestivo; este pan suponse que ten propiedades curativas e que se conserva en bo estado sen estragarse.
- San Bartolomé: lévase a cabo o 24 de agosto.
- Santo André: celébrase o 30 de novembro.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Muíño do río Xabriña.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Meirol
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Meirol no concello de Mondariz (Pontevedra) | |
---|---|
Os Campados | Filgueiras | A Goleta | Meirol | Outeiro | Penalonga |