Masacre de Jaragua
O masacre de Jaragua de xullo de 1503 foi o asasinato de nativos taínos nunha aldea no territorio de Jaragua na illa da Española. Foi ordenado polo gobernador español de Santo Domingo, Nicolás de Ovando, e levado a cabo por Alonso de Ojeda durante unha celebración que se deu na vila de "Guava", preto da actual Léogâne en Haití, daquela territorio da cacique Anacaona.[1]
Feitos
[editar | editar a fonte]O cacicado de Jaragua estaba baixo o poder do cacique Bohechío. Despois da morte de Bohechío o territorio paso á súa irmá Anacaona. Ela mediaba entre os nativos de Jaragua e os casteláns. Tiña fama de ser unha administradora eficiente, unha muller fermosa e moi respectada. Naquela época, os casteláns tiñan alianza co cacique de Marién, Guacanagarix. Guacanagarix dixo aos españois que a tribo de Jaragua planeaba unha rebelión. Aínda que Anacaona sempre pagara o seu tributo, Ovando considerouna unha ameaza.
Segundo Bartolomé de las Casas, en 1503, Ovando aconsellou a Anacaona que visitaría a cidade de Jaragua cos seus homes para celebrar o progreso. Durante a celebración Ojeda e os seus homes volvéronse contra os nativos. Anacaona e outros nobres foron arrestados e acusados de conspiración e de tentar iniciar unha rebelión. Ovando fora a Jaragua con 300 homes e moitos nativos da tribo de Marien. En pleno festexo deuse un sinal preestablecido e os casteláns apoderáronse dos caciques e atacáronos. Así, morreron moitos dos indíxenas, entre eles 80 caciques foron queimados vivos e Anacaona foi aforcada.[2] Las Casas recolle que entre os masacrados había nenos. Escribe que os casteláns cortaron as pernas aos rapaces mentres corrían, e que mesmo cando uns casteláns tentaban salvar un neno poñéndoo sobre os seus cabalos, viña outro e "perforaba o neno cunha lanza".[3]
Por mor do masacre, o rei Fernando V depuxo e chamou a Ovando a España en 1509. Ovando morreu dous anos máis tarde, o 29 de maio de 1511.
Segundo las Casas, algúns dos que escaparon da masacre fuxiron á illa de Guanabo, a oito leguas de distancia, pero máis tarde foron detidos e escravizados polos españois. Tamén sinala que unha destas persoas foille entregada como escrava.[3][4]
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Ayuso, Juan José (2003). Editora Manati', ed. En busca del pueblo dominicano (en castelán). p. 184. ISBN 9789993439202.
- Floyd, Troy (1973). The Columbus Dynasty in the Caribbean, 1492-1526 (en inglés). Albuquerque: University of New Mexico Press. ISBN 9780826302830.
- Las Casas, Bartolomé (1971). History of the Indies (en inglés). (trad. Andrée M. Collard). Nova York, Evanston e Londres: Harper & Row. ISBN 9780061315404.