Luotuo Xiangzi
Luotuo Xiangzi | |
---|---|
Título orixinal | 駱駝祥子 |
Autor/a | Lao She |
Orixe | República Popular da China |
Lingua | lingua chinesa |
Data de pub. | 1937 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Luotuo Xiangzi (chinés tradicional: 駱駝祥子; chinés simplificado: 骆驼祥子; pinyin: Luòtuo Xiángzi; Wade-Giles: Lo4-t'o Hsiang2-tzu) é a máis coñecida das obras do escritor chinés do século XX Lao She.
Características
[editar | editar a fonte]A obra foi publicada en 1936 e describe os dramas cotiáns dun rapaz que emigra do campo para a cidade, onde vive de guiar unha 'carriña', medio de transporte tradicional do extremo oriente que consiste nunha pequena cabina de pasaxeiros levada por un ser humano a correr diante, como se fose un cabalo. A obra, como moitas desta época de Lao She, está ambientada no Beixín dos anos vinte.
Como declarara Lao She no seu día, este non é un libro sobre camelos, e si sobre Xiangzi, que é o nome do rapaz, e que significa 'afortunado'. Xiangzi ten por todo obxectivo posuír unha carriña de seu. Porén, malia a boa vontade e a laboriosidade do mozo, a guerra e unha sociedade onde o diñeiro é rei acabarán por arrastralo.
Luotuo Xiangzi considérase fito fundamental na literatura chinesa do século XX. Interpretada como unha acusación do antigo réxime, foi incluída nos manuais escolares e na listaxe de lecturas obrigatorias de distintas rexións chinesas para a boa educación das masas proletarias.
Traducións
[editar | editar a fonte]En galego nunca foi traducido, nin total nin parcialmente.
A primeira versión en inglés foi publicada en 1945 e incorpora algunhas mudanzas importantes non autorizadas polo propio Lao She. Entre estas modificacións destaca o final, que coa tradución acabou sendo feliz. O libro, que xa fora un éxito na China, acadou a categoría de best-séller nos Estados Unidos e no Reino Unido nesta tradución libre.
- En alemán: Rikscha-Kuli (1989)
- En inglés: Rickshaw Boy (1945) e Camel Xiangzi (2000).
- En francés: Le Pousse-pousse (1998)
Filmes
[editar | editar a fonte]- Luotuo Xiangzi ("O camelo Xiangzi", 1982), dirixida por Zifeng Ling.