Libro de Malaquías
O Libro de Malaquías, é un libro profético da Biblia, o máis breve de todos e que se sitúa, como norma no último lugar dos libros proféticos, posto que estes se ordenan por tamaño. Contén as profecías do que se denomina a si mesmo Malaquías, que destacan pola forte crítica ao Templo de Xerusalén e á casta sacerdotal dominante.
Época de composición
[editar | editar a fonte]A época de composición hai que situala despois da volta do desterro, co Templo xa reconstruído. Doutra banda, os vicios que denuncia Malaquías deben situar o libro antes da reforma de Esdras e Nehemías. Polo tanto, a data de composición debería situarse a primeiros do século V antes de Cristo.
Autor
[editar | editar a fonte]O propio nome do autor xa fai de advertencia: Malaquías deriva de malaq, que significa mensaxeiro ou, en senso máis estrito, anxo. Así que máis parece que estamos ante un título que se atribúe o autor e non un nome propio, mesmo podería ser un pseudónimo útil para agrupar unha serie de profecías.
Ademais é certo que, contra o que sucede con outros profetas, nin o libro nin outros libros da Biblia aportan datos biográficos do posible autor.
Con todo, hai opinións máis minoritarias que intentan identificar ao autor con algún persoeiro da Biblia: o targum e, máis tarde, San Xerome, identifican a este profeta con Esdras. Incluso existe a hipótese de que o "mensaxeiro" do que se fala en Malaquías 3,1 é o propio Esdras e que o autor sería un seu axudante que colaborou con el na reforma[1].
Contido do libro
[editar | editar a fonte]A división máis aceptada presenta un libro dividido en seis seccións, máis introdución e apéndice:
- Malaquías 1,1. Introdución: presentación e xustificación como profeta.
- 1,2-5. Deus mantense fiel ás súas promesas e na súa protección ao pobo escolleito.
- 1,6-2,9. Crítica aos sacerdotes, pola descuido no culto do Templo.
- 2,10-16. Condena dos matrimonios mixtos e do repudio.
- 2,17-3,5. Crítica aos que dubidan da retribución divina. Fala do xa próximo xuízo e da chegada do mensaxeiro.
- 3,6-12. As pragas e as malas colleitas son castigos por non pagar os décimo (imposto)|décimos].
- 3,13-21. Volta sobre o tema do xuízo.
- 3,22-24. Apéndice. Necesario cumprir coa lei pois xa chega Elías, o mensaxeiro de Deus.
Uso no Novo Testamento
[editar | editar a fonte]En proporción ao seu tamaño, este libro é dos máis citados no Novo Testamento, sinaladamente os fragmentos que falan do futuro mensaxeiro: 3,1 e 3,23.
3,1 "Eu envío o meu mensaxeiro para que limpe o camiño diante de min. Nun momento entrará no seu santuario o Señor a quen vós estades buscando, o mensaxeiro da Alianza, a quen vós lle tedes amor...", citado por Marcos 1,2; Lucas 1,17.76; 7,19.27 e Xoán 3,28.
3,23 "Vouvos mandar ao profeta Elías antes de que chegue o día do Señor grande e temible.", citado por Mateo 17,10-11; Marcos 9,11-12; Lucas 1,17.
En ámbolos dous casos, o mensaxeiro é identificado como Xoán o Bautista e o seor que está por chegar, con Xesús, o Cristo.
Tamén se cita a referencia que fai 1,2-3 á historia de Esaú e Xacob en Romanos 9,13.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Alonso Shöel, L. e Sicre Díaz J. L., Profetas (Comentario) (parte 1), Madrid, Cristiandad, pax. 1205
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Libro de Malaquías |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Libro de Malaquías |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- A Biblia. Santiago de Compostela, SEPT. 1989. ISBN 84-7337-036-8.
- Alonso Shöel, L. e Sicre Díaz J. L. (1980). Profetas (Comentario) (parte 1). Madrid, Cristiandad. ISBN 84-7057-273-3.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Libro anterior: Zacarías |
Malaquías (Libros proféticos) |
Libro seguinte: derradeiro libro profético |