Lavadoiro
Un lavadoiro é un lugar destinado ao lavado da roupa.
Antigamente, o lavadoiro era o lugar dentro ou fóra do fogar no que se lavaba a roupa á man sobre unha táboa ou pedra lisa que tamén recibía este nome, moitas veces no mesmo río ou regueiro.
Cos anos, e especialmente en Galicia, os lavadoiros, que adoitaban ser públicos e de uso colectivo, convertéronse nunha construción popular preto das fontes á que as veciñas do lugar acudían a lavar a roupa no que constituía unha actividade de socialización. Estes lavadoiros públicos consistían nunha canle que traía a auga a un ou varios depósitos de granito ou formigón. Ós lados destes depósitos había lousas inclinadas para lavar á man sobre elas. A miúdo contan cunha cuberta sostida por catro ou seis piares de pedra ou obra a xeito de alpendre. As cubertas adoitan ser a catro augas con dúas tesoiras de madeira.
O número de lavadoiros medrou nas aldeas especialmente no século XX, antes da chegada da lavadora individual.
Unha veciña do Grove, usuaria durante toda a súa vida dun destes lavadoiros tradicionais, relatou o labor de lavar a roupa á man, que foi resumido así:
"Lavar ben a roupa era unha arte, ademais dun traballo delicado e laborioso. As lavandeiras seguían un protocolo rigoroso que comezaba por separar a roupa branca da de cor. A roupa metíase peza a peza no lavadoiro. Empapábase, enxaboábase e fregábanse as manchas difíciles. Despois de enxaboada, a roupa amoreábase no lavadoiro para que fose amolecendo. Peza por peza mergullábase na auga e zapateábase contra o lavadoiro para deixala limpa e aclarada.
Lavar a roupa branca era máis laborioso. Enxaboada e sen torcer, botábase ao clareo. Estendíase ao sol sobre o campo de herba e a luz eliminaba as manchas máis difíciles, recuperando a súa brancura. Aclarada e relucente, quedaba a tender nos toxos dos arredores"Carmen a dos Coupríns
Nun fogar moderno, un lavadoiro está equipado cunha lavadora e unha secadora automáticas, e a miúdo un lavabo grande para lavar á man os artigos delicados, así como unha táboa de pasar o ferro. Moitas veces o lavadoiro áchase no soto das vivendas, mais en moitas casas modernas pódese atopar no piso terreo preto da cociña ou no sobrado preto dos cuartos.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lavadoiro |