Irmáns Montgolfier
Biografía | |
---|---|
Grupo | dúo de irmáns equipo |
Jacques-Étienne Montgolfier (Davézieux, 6 de xaneiro de 1745 - París, 1 de agosto de 1799). Inventor Joseph-Michel Montgolfier (Davézieux, 26 de agosto de 1740 - Balaruc-les-Bains, 26 de xuño de 1810). Industrial | |
Actividade | |
Membro de | |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Novo Dicionario Enciclopédico, 1911-1916 |
Os Irmáns Montgolfier, Joseph-Michel (nado en Annonay, o 26 de agosto de 1740 e finado en Balaruc-les-Bains o 26 de xuño de 1810) e Jacques-Étienne (nado en Annonay o 6 de xaneiro de 1745 e finado en Serrières o 2 de agosto de 1799), foron dous irmáns inventores franceses, que construíron o primeiro globo tripulado do mundo, que elevou a Étienne ao ceo en 5 de xuño de 1783.[1][2]
Debido a ese feito, en decembro de 1783, o pai deles, Pierre, foi elevado á nobreza con brasón propio e o sobrenome de Montgolfier pasou a ser hereditario, por decreto do rei Lois XVI.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Os irmáns eran fillos dun fabricante de papel (a fábrica Canson, que continúa a ser unha das compañías máis tradicionais e modernas do mundo) de Annonay, ao sur de Lión, Francia. Segundo consta, cando os irmáns xogaban cun saco de papel aberto invertido sobre o lume, repararon que o saco frotaba. En 1777 iniciaron a construción de modelos, que foron evolucionando ata o ano 1782, cando Joseph fixo un experimento definitivo; mentres residía na cidade de Aviñón e contemplaba unha fogueira, imaxinou un asalto á fortaleza de Xibraltar (inexpugnábel por terra e polo mar), con tropas erguidas pola mesma forza que elevaban as brasas da fogueira.[3][4] Todos aqueles experimentos e observacións reforzaron a idea de que poderían finalmente realizar o gran soño da humanidade, o de voar. Pasaron entón a facer diversos experimentos con varios materiais ata construíren un globo práctico.
Como resultado desas pescudas iniciais, Joseph iniciou a construción dunha cámara en formato de caixa cunha estrutura de madeira fina recoberta de tafetán que medía 1×1×1,3 m. Amasou e queimou algúns papeis baixo o modelo, que inmediatamente alzou o voo e chegou ao teito. Despois diso, Joseph e Jacques iniciaron o proxecto de construción dun modelo máis grande (27 veces maior en termos de volume). No primeiro voo dese modelo maior, realizado o 14 de decembro de 1782, a forza de sustentación foi tan grande que perderon o control do dispositivo, que voou preto de dous quilómetros e foi destruído despois de pousarse.[5]
Decididos a facer unha demostración pública para reivindicar a autoría do invento, os irmáns Montgolfier construíron un globo en forma de esfera feito de arpilleira con tres capas de papel no interior, con capacidade de 790 m³ de aire que pesaba 225 kg, constituído por catro partes (o cumio e tres laterais máis) aseguradas por 1800 botóns e unha rede de pesca reforzada. O día 5 de xuño de 1783, fixeron a súa demostración pública do globo en Annonay na presenza dun grupo de dignitarios do États particuliers. O seu voo estendeuse por 2 km, durou preto de 10 minutos e acadou unha altitude estimada de 1600 a 2000 m. As noticias dese éxito chegaron rapidamente a París. Étienne foi á capital para facer máis demostracións e solidificar a reivindicación da "invención do voo".[6]
En colaboración co fabricante de papel de parede, Jean-Baptiste Réveillon, Étienne construíu un globo aínda maior, con 1060 m³ de capacidade de aire, feito de tafetán vernizado con alume (que ten propiedades antichamas). O globo era azul, decorado con flores douradas, signos do zodíaco e soles. A proba seguinte tivo lugar en 11 de setembro de 1783 en terras próximas á casa de Réveillon. A semana seguinte, o 19 de setembro de 1783, fronte ao Palacio de Versalles perante un público en que estaban o rei Lois XVI e a raíña María Antonieta, o Aérostat Réveillon voou cos primeiros seres vivos a bordo: unha ovella, un pato e un galo (a pesar de que o rei propuxese enviar dous criminais).[7] Este voo durou preto de oito minutos, estendeuse por 3 km chegando a case 460 m de altitude e pousándose en terra con seguranza.
Despois da demostración con éxito en Versailles, e novamente coa axuda de Réveillon, Étienne iniciou a construción doutro globo, desta vez con 1700 m³ de capacidade de aire, co obxectivo de transportar seres humanos. Este novo globo tiña preto de 23 m de altura e 15 m de diámetro, e estaba ricamente decorado con temas e cores fornecidos por Réveillon, que incluían o rostro de Lois XVI entrelazado co monograma real. Polo que se sabe, Étienne Montgolfier foi o primeiro ser humano que levantou o voo do solo, facendo como mínimo un voo asegurado por cordas no patio do taller de Réveillon en Faubourg Saint-Antoine, suburbio de París, probabelmente o 15 de outubro de 1783. Máis tarde aquel mesmo día, Pilâtre de Rozier converteuse no segundo ser humano que voou nun globo atinxindo preto de 24 m de altitude, que era a lonxitude da corda.[1][2]
En 21 de novembro de 1783, ocorreu o primeiro voo libre con seres humanos nun globo, executado por Pilâtre xuntamente co oficial do exército, marqués d'Arlandes.[8] O voo partiu das terras do castelo de la Muette, preto Bois de Boulogne, ao oeste de París. Voaron por 9 km a preto de 910 m por riba da cidade; despois de 25 minutos, o aparello pousouse entre os muíños de Butte-aux-Cailles, despois de que o voo fose abreviado por un principio de incendio no tecido que recubría o globo.
Eses primeiros voos foron moi celebrados, e fixéronse varios gravados, esculturas e outros tipos de artesanía nos que se retrataban os globos.
No inicio de 1784, un globo, entón bautizado como Flesselles, en homenaxe á Jacques de Flesselles fixo unha aterraxe forzada coa súa tripulación. En xuño de 1784, o globo bautizado de La Gustave levou como pasaxeira a aeronauta cantante, Élisabeth Thible.
Legado
[editar | editar a fonte]En 1799, Etienne de Montgolfier faleceu de camiño entre Lión e Annonay.[9] O seu xenro, Barthélémy Barou de la Lombardière de Canson (1774–1859), sucedeuno como xefe da empresa polo seu matrimonio con Alexandrine de Montgolfier. A compañía converteuse en "Montgolfier et Canson" en 1801, e en "Canson-Montgolfier" en 1807. A compañía aínda existe en Annonay co nome Canson. Produce papel para belas artes e escolar e papel fotográfico que vende en 150 países.[10]
En 1983, os irmáns Montgolfier foron incluídos no International Air & Space Hall of Fame do San Diego Air & Space Museum.[11]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Primeiro voo de demostración pública en Annonay, 4 de xuño de 1783.
-
Manuscrito dos Montgolfier describindo a súa invención, 1784.
-
Modelo do Globo Montgolfier no museo de Bruxelas.
-
Globo Montgolfier en "voo con amarras".
-
Brasón da familia Montgolfier.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Davis Crouch, Tom (2009). Lighter Than Air. pp. 28, 178.
- ↑ 2,0 2,1 Gillispie, Charles (1983). The Montgolfier Brothers, and the Invention of Aviation. pp. 45, 46, 178, 179, 183–185.
- ↑ C.C. Gillispie, The Montgolfier brothers and the invention of aviation 1783-1784, p. 15.
- ↑ C.C. Gillispie, p. 16.
- ↑ C.C. Gillispie, p. 21.
- ↑ S. Schama (1989) Citizens. A Chronicle of the French Revolution, p. 125.
- ↑ C.C. Gillispie, pp. 92–3.
- ↑ "U.S. Centennial of Flight Commission: Early Balloon Flight in Europe". Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2008. Consultado o 2008-06-04.
- ↑ "Joseph-Michel and Jacques-Étienne Montgolfier". Encyclopædia Britannica. Consultado o 28-09-2017.
- ↑ Our Values Canson, n.d., 2 de xullo de 2017
- ↑ Sprekelmeyer, Linda, editor. These We Honor: The International Aerospace Hall of Fame. Donning Co. Publishers, 2006. ISBN 978-1-57864-397-4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Irmáns Montgolfier |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pierre-Louis Clément, Les Montgolfières : Leur invention, leur évolution du XVIIIe á nos jours, 1982, París.
- Marie-Hélène Reynaud, Les Frères Montgolfier et leurs étonnantes machines, 1983, ed. Plein Vent, Vals-les-Bains.
- Charles Coulston Gillispie, Les Frères Montgolfier et l'invention de l'aéronautique, traducido por Marc Rolland e Bernadette Hou, Arles, Actes Sud, 1989, 328 p., ill. ISBN 2-86869-442-X
- Joseph Girard, Évocation du Vieil Avignon, Les Éditions de Minuit, París, 2000, ISBN 270731353X