Illas Marquesas
Îles Marquises (fr) | |||||
Epónimo | García Hurtado de Mendoza | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Colectividade | Polinesia Francesa | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 9.478 (2022) (9,51 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 997 km² | ||||
Bañado por | Océano Pacífico | ||||
Altitude | 1.230 m | ||||
Punto máis alto | Monte Oave (1.232 m) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Patrimonio da Humanidade | |||||
Tipo | Patrimonio cultural → Europa-América do Norte | ||||
Data | 2024 (?ª Sesión), Criterios de Patrimonio da Humanidade: (iii), (v), (vii), (ix) e (x) | ||||
Identificador | 1707 | ||||
Candidato a Patrimonio da Humanidade | |||||
Data | 22 de xuño de 2010 | ||||
Identificador | 5564 | ||||
As Illas Marquesas (en francés: Îles Marquises); en marquesano do norte: Te Henua ʻEnana e en marquesano do sur: Te Fenua ʻEnata, ámbalas dúas queren dicir "a terra dos homes") é un arquipélago na Polinesia Francesa. Recibiron o seu nome do español Álvaro de Mendaña que as descubriu en 1595, chamándoas «Illas Marquesas de Mendoza» en honra ao vicerrei do Perú, García Hurtado de Mendoza e Manríquez, marqués de Cañete.
As illas son o maior arquipélago de todos os que forman a Polinesia Francesa, cuns 1.274 km² e uns 8.712 habitantes en 2002. Pero ese número e moi inferior á poboación estimada para as illas no século XVI, cando existían unhas cen mil persoas. A grande caída de poboación entre os anos 1600 e 1900 deveuse a epidemias de varíola. En 1900 o total de habitantes estaba reducido a dúas mil persoas.
Están situadas entre 700 e 1.000 quilómetros ao sur do ecuador e a uns 1.800 quilómetros ao nordés de Tahití. Divídense en dous grupos: o do norte, ao redor da illa de Nuku Hiva e as pequenas Ua Pou e Ua Huka; e o grupo meridional de Tahuata, Moho Tani e Fatu Hiva, que rodean a illa principal de Hiva Oa.
As marquesas foron inspiración de Herman Melville, cuxas experiencias nas illas foron a base das súas novelas Typee e Omoo.
Nas Illas Marquesas fixaron a súa residencia os artistas de orixe francesa Paul Gauguin e Paul Lapín.
Illas
[editar | editar a fonte]Consta de seis illas, seis illotes e algúns bancos de area e escollos, que se dividen en dous grupos diferenciados xeográfica e culturalmente. De norte a sur son (entre paréntese outros nomes históricos):
- Grupo Norte (illas Wáshington, illas Revolución)
- Motu One (Sabre), illa de area deshabitada.
- Hatutu (Chanal, Hancock, Langdon), illote deshabitado
- Eiao (Fremantle, Knox, Masse, Robert), illote deshabitado.
- Motu Iti (Deux-Frères, Hergest´s Rock), illote deshabitado.
- Nuku Hiva (Federal, Baux, Henry Martin, Adams, Madison), coa capital Taiohae.
- Ua Huka (Washington, Riou)
- Ua Pou (Adams, Marchand, Trevenen)
- Grupo Sur (illas de Mendaña)
Historia
[editar | editar a fonte]Os primeiros poboadores das Marquesas foron os polinesios, ao redor do ano 300 dC. Segundo as evidencias etnolóxicas e as relacións lingüísticas, o máis probable é que chegasen desde Samoa.
O primeiro europeo que as visitou foi o español Álvaro de Mendaña en 1595. Na súa viaxe do Perú ás illas Salomón atopou as illas do grupo sur: Magdalena (Fatu Hiva), Dominica (Hiva Oa), Santa Cristina (Tahuata) e San Pedro (Moho Tani).
Pasaron case dous séculos sen máis visitas estranxeiras ata que chegou James Cook en 1774, para quedar máis dun mes repousando logo de explorar a costa da Antártida.
En 1791, o norteamericano Joseph Ingraham, descobre as illas do grupo norte: Wáshington (Ua Huka), Federal (Nuku Hiva) e Adams (Ua Pou).[1] Chama ao grupo illas Wáshington, diferenciándoas das illas de Mendaña. Dous meses máis tarde chega o francés Etienne Marchand na segunda volta ao mundo francesa en plena Revolución. Toma posesión do arquipélago en nome de Francia. Bautiza ao grupo norte illas Revolución e bautiza ás illas cos nomes dos seus oficiais: Marchand (Ua Pou), Baux (Nuku Hiva), Deux Frères (Motu Iti), Masse (Eiao) i Chanal (Hatutu).
En 1813, durante a guerra anglo-americana, o norteamericano David Porter estableceu unha base naval na illa Madison (Nuku Hiva), nome do presidente estadounidense. Pero logo da guerra, os Estados Unidos non ratificaron a toma de posesión.
En 1842, o francés Du Petit-Thouars toma posesión do arquipélago. Un espectador é o escritor Herman Melville que despois escribirá a súa primeira novela, Typee, explicando as súas aventuras. Os franceses utilizaron uns anos as illas como penal e, máis tarde (en 1958), incorpóranas ao territorio da Polinesia Francesa.
Xeografía
[editar | editar a fonte]A superficie total é de 1.274 km². A illa máis grande é Nuku Hiva, a segunda máis grande da Polinesia Francesa logo de Tahití.
Coa excepción de Motu One, todas as illas Marquesas son de orixe volcánica cun relevo escarpado e sen arrecifes de coral que protexan a costa. Desde as cimas e altiplanos a máis de 1.100 m de altitude baixan directamente os cantís ata o fondo do mar, atacados e erosionados constantemente pola corrente sur-ecuatoriana do Pacífico. A costa ten aspecto de muralla con profundas covas, cortada nunhas poucas baías, e case sen chairas litorais. As cadeas montañosas están cortadas por algúns vales estreitos e illados.
Esta orografía con alicerces de rocas basálticas queda reflectida na toponimia: Hiva Oa, 'longa crista'; Nuku Hiva, 'crista do cantil'; Fatu Iva, 'nove rocas'; Fatu Huku, 'anaco de pedra'; Ua Pou, 'dous picos', e a sorprendente baía das Vergas que os misioneiros cambiaron a Virxes.
O réxime de choivas é moi variable entre illas e dun ano para outro. Os ventos alisios moderan a temperatura e achegan choiva. A precipitación é máis abundante nas costas occidentais a sotavento, e as costas orientais a barlovento son máis peladas e máis inhóspitas.
Flora e fauna
[editar | editar a fonte]O ecosistema das Marquesas está marcado pola gran distancia a terras continentais que fai que as especies endémicas sexan escasas. Ademais, foi devastado nalgunhas áreas pola actividade humana, a gandería e a introdución de especies foráneas. As illas teñen unha fauna mariña diversa, unha fauna terrestre endémica bastante limitada, e unha flora diversa cun alto grao de endemismo.
As quenllas abundan nas augas profundas. A fauna terrestre endémica limítase a aves, insectos, bolboretas, arañas e unha especie de morcego.
Os primeiros navegantes polinesios levaron cans e porcos. O contacto con europeos trouxo a introdución de cabalos, cabras, ovellas e ratos, e tamén insectos como mosquitos e escorpións.
Hai árbores do pan e cocos. As exportacións principais son copra, tabaco, algodón e vainilla.
Demografía
[editar | editar a fonte]O contacto cos navegantes trouxo novas enfermidades reducindo drasticamente a poboación das illas. No século XVI estímase que había unha poboación de 100.000 habitantes aproximadamente. A principios do século XX reduciuse a un mínimo de 2.000.
Durante o século XX a poboación foise recuperando. No censo do 2002 contábanse 8.712 habitantes.
Comunicacións
[editar | editar a fonte]Nas Marquesas hai catro aeroportos, situados nas illas de Nuku Hiva, Ua Pou, Ua Huka e Hiva Oa.
Cultura
[editar | editar a fonte]As illas Marquesas foron un importante centro da civilización da Polinesia oriental. Debido á orografía das illas, cada val constituía unha unidade tribal co seu propio sistema social dirixido polas xenealoxías dos xefe e dos sacerdotes. O illamento dos vales provocaba interminables guerras tribais marcando o carácter guerreiro dos marquesanos. Practicaban o canibalismo ritual cos inimigos prisioneiros.
As épocas de fame eran frecuentes logo de períodos de seca, pero tamén eran provocadas polas prácticas vingativas nas guerras onde se destruían os cocos e as árbores do pan nos vales inimigos.
Aínda que a práctica de tatuarse é común en toda a Polinesia, nas Marquesas chegou a un alto grao de sofisticación. Os homes tatuábanse totalmente da cabeza aos pés, adquirindo unha cor azulado e feroz.
Aínda que as Marquesas foron das primeiras illas que descubriron os europeos na Polinesia, durante dous séculos quedaron fóra das rutas de exploración e da influencia cultural occidental. A cultura nativa marquesana quedou devastada logo da chegada dos exploradores europeos. Ademais da actividade dos misioneiros cristiáns, hai que atribuír o colapso cultural aos efectos catastróficos das enfermidades importadas. Pero o seu redescubrimento relativamente tardío impresionou.
A partir da experiencia de Herman Melville como tripulante dun baleeiro, e como desertor nas Marquesas, escribiu a súa primeira novela, Typee, considerada como a primeira do xénero da literatura dos mares do sur.
Robert Louis Stevenson e Jack London seguiron os pasos de Melville, e as súas viaxes tamén quedaron reflectidos nos seus libros.
O famoso pintor francés Paul Gauguin e o cantante belga Jacques Brel pasaron os últimos anos da súa vida nas Marquesas onde están enterrados. Brel compuxo aquí a canción Lles Marquises.
O investigador e aventureiro Thor Heyerdahl escribiu o seu libro Fatu Hiva logo de estar un longo ano nesta illa. Foi a base das súas teorías e investigacións sobre as migracións mariñas prehistóricas.
Hoxe en día a cultura marquesana é unha mestura do rexurdimento da antiga cultura, con fortes influencias da cultura tahitiana, e da politicamente importante cultura francesa.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Documents de Joseph Ingraham, 1790-1792: Journal du voyage de la brigantine "Hope" de Boston à la côte nord-ouest de l'Amérique". World Digital Library. 1790-1800. Consultado o 2013-06-08.