Gustav Kirchhoff
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2016.) |
Gustav Robert Kirchhoff, nado en Königsberg o 12 de marzo de 1824 e finado o 17 de outubro de 1887, foi un físico alemán cuxas principais contribucións científicas estiveron no campo dos circuítos eléctricos, a espectroscopia e a emisión de radiación dos corpos negros. Kirchoff propuxo o nome de radiación do corpo negro en 1862. É responsable dos conxuntos de leis fundamentais na teoría clásica de circuítos eléctricos e na emisión térmica. Aínda que ambas se denominan Leis de Kirchhoff, probablemente esta denominación é máis común no caso das Leis de Kirchhoff da enxeñería eléctrica.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Gustav Kirchhoff naceu en Königsberg, Prusia (actualmente Kaliningrado, Rusia). Era fillo de Friedrich Kirchhoff (avogado) e Johanna Henriette. Graduouse na Universidade Albertus de Königsberg en 1847 e casou con Clara Richelot, filla de Friedrich Richelot, un dos seus profesores de matemáticas. Aquel mesmo ano trasladáronse a Berlín, onde permaneceu ata que lle outorgaron unha praza de catedrático en Breslau (na actualidade Wroclaw) onde traballou entre 1850 e 1854 para trasladarse posteriormente á Universidade de Heidelberg e anos máis tarde á Universidade de Berlín. En 1886 o empeoramento da súa saúde obrigouno a retirarse falecendo un ano máis tarde.
Kirchoff formulou a súa lei da voltaxe para a análise de circuítos en 1845 sendo aínda un estudante. Propuxo a súa lei de emisión de radiación térmica en 1859 proporcionando probas dela en 1861. En Breslau colaborou en traballos sobre espectroscopia con Bunsen sendo codescubridor xunto a el dos elementos cesio e rubidio en 1861 estudando a composición química do sol a través do seu espectro.
Máis adiante propuxo as tres leis empíricas que describen a emisión de luz por obxectos incandescentes:
- Un obxecto sólido quente produce luz nun espectro continuo.
- Un gas tenue produce luz con liñas espectrais en lonxitudes de onda discretas que dependen da composición química do gas.
- Un obxecto sólido a alta temperatura rodeado dun gas tenue a temperaturas inferiores produce luz nun espectro continuo con focos en lonxitudes de onda discretas cuxas posicións dependen da composición química do gas.
A existencia destas leis discretas foron explicadas máis tarde por Niels Bohr, contribuíndo decisivamente ao nacemento da mecánica cuántica.