Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica
- Para outros artigos de entidades numismáticas coa palabra "gabinete", véxanse as páxinas de homónimos Gabinete, e Gabinete de Medallas e Gabinete numismático.
Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica –– Cabinet des Médailles de la Bibliothèque Royale de Belgique –– Koninklijke Bibliotheek van België Penningkabinet | |
---|---|
Coordenadas | 50°50′36″N 4°21′22″L / 50.843344166667, 4.3560788888889 |
País | Bélxica |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica (en francés: Cabinet des Médailles de la Bibliothèque Royale de Belgique; en neerlandés: Koninklijke Bibliotheek van België Penningkabinet) é un gabinete numismático dependente desa institución belga, que ten a súa orixe no antigo Gabinete de Medallas da Bruxelas, unha colección pública de numismática estabelecida o 8 de agosto 1835 como parte do Museo de Armas Antigas, Armaduras, Obxectos de Arte e Numismática.[1][2]
A colección numismática do Gabinete componse de máis de 220.000 obxectos, entre moedas, medallas, billetes, fichas comerciais, pesos monetarios, balanzas, condecoracións e outras pezas.[3]
O Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica comparte a súa sede coa Sociedade Real de Numismática de Bélxica, no edificio da Biblioteca Real de Bélxica.[4]
Historia
[editar | editar a fonte]Polo Real decreto do 8 de agosto de 1835, instituíase en Bruxelas o Museo de Armas Antigas, Armaduras, Obxectos de Arte e Numismática. Naquela época, o Estado belga non posuía aínda colección ningunha de moedas nin medallas, polo que se concedeu un crédito para a adquisición de dúas coleccións. A compra encomendóuselle ao gravador da Casa da Moeda Real de Bélxica Joseph-P. Braemt, quen se encargou de mercar as pezas en varias poxas numismáticas. Braemt adquiriu 3.570 pezas e entregoullas en 1840 á Biblioteca Real, á que finalmente se lle adxudicara a colección de medallas do Estado, polo Real decreto do 2 de agosto de 1838.[1][2][5]
O historiador e numismático polaco (1786-1861) Joachim Lelewel elaborou en 1842 un detallado catálogo da colección, que se conserva manuscrito no Gabinete de Medallas.[1][2]
A partir de 1851 o Gabinete de Medallas abriuse ao público e en 1875 pasou a ser unha sección propia dentro da Biblioteca Real, que tivo a Camille Picqué como primeiro conservador.[2]
A primeira intención era construír unha colección importante de moedas dos Países Baixos, aínda que se foi enriquecendo tamén con moitas moedas clásicas e de diferentes países europeos. O seu número de pezas medrou axiña grazas á sucesiva adquisición de diversas coleccións especializadas, por iniciativa do propio Picqué e de Frédéric Alvin, quen o sucedeu como conservador en 1902. Neste sentido, en 1889 producíronse a adquisición e a doazón máis importantes de todas as que enriqueceron os fondos do Gabinete de Medallas: a colección Albéric du Chastel e a colección Lucien de Hirsch.[6][7] Esta última, doada ao Estado belga pola nai do coleccionista á súa morte (1899), entrou na colección da Biblioteca Real en 1900 e destaca sobre todo polo exemplar único do tetradracma de Etna, cuñado por Hiéron de Siracusa (476-461 a. de C.), a peza máis senlleira da colección do Gabinete.[1][2][8][9][10]
Ademais, en 1971 o Banco Nacional de Bélxica encomendoulle ao Gabinete Numismático da Biblioteca Real a custodia do "tesouro de Liberchies", consistente en varios centenares de áureos romanos.[1]
Adquisicións de coleccións salientables
[editar | editar a fonte]Á parte das periódicas adquisicións de moedas concretas e de pequenos lotes, ao longo da súa historia o Gabinete foise nutrindo mediante a adquisición de importantes coleccións numismáticas, procedentes tanto de particulares como de tesouros aparecidos en Bélxica. Estas son algunhas das coleccións máis salientables das adquiridas polo Gabinete de Medallas:[1][2]
Data | Colección | Contido |
---|---|---|
Colección De Coster. | Moedas carolinxias. | |
Colección De Coster. | Moedas de Brabante. | |
Colección Geelhand. | Medallas dos Países Baixos. | |
Colección Renier Chalon. | Moedas de Hainaut. | |
Colección Chestret de Haneffe. | Moedas de Liexa. | |
Colección Geelhand. | Fichas dos Países Baixos. | |
Colección Maurice de Robiano. | Moedas de diversos países europeos. | |
Colección Van den Broeck. | Fichas comerciais de Bruxelas. | |
Colección Albéric du Chastel. | Moedas da Antiga Grecia e da Antiga Roma. | |
Parte do "tesouro de Arras". | 18 moedas de ouro da Antiga Roma. | |
Colección Baudouin de Jonghe. | Moedas galas, merovinxias, carolinxias e dos Países Baixos. | |
Achado de Tell-el Maskhouta
(Exipto). |
Tetradracmas da Antiga Grecia. | |
Colección Dom Grégoire De Clercq. | Condecoracións. |
Doazóns de coleccións salientables
[editar | editar a fonte]Entre as doazóns de coleccións de particulares cabe salientar as seguintes:[1][2]
Data | Colección | Contido |
---|---|---|
Colección Julien Adrian. | Moedas chinesas. | |
Colección Lucien de Hirsch. | Moedas da Antiga Grecia. | |
Colección Charles Van Schoor. | Moedas dos Estados Pontificios. | |
Colección Surmont de Volsberghe. | Composición variada. | |
Colección Eugène Slosse. | Moedas chinesas. | |
Goberno da China. | Moedas chinesas. | |
Colección Giovanni Dattari. | Moedas de bronce da Antiga Roma. | |
Colección Edouard Bernays. | Moedas do ducado de Luxemburgo e do ducado de Namur. | |
Colección Paul Tinchant. | Moedas do Alto Imperio Romano. | |
Colección Pierre Bastien. | Moedas do Baixo Imperio Romano. | |
Colección Paul De Baeck. | Moedas británicas. | |
1998, 1999 | Colección Claude Roelandt. | Milleiros de moedas dos séculos XVIII, XIX e XX. |
Entre 1914 e 1954, os orzamentos do Gabinete de Medallas reducíronse notablemente, e os conservadores que o administraron neste período centraron os seus esforzos en completar os fondos relativos ao obxectivo orixinario da colección: as moedas e medallas dos Países Baixos. De feito, o Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica alberga a colección máis completa do mundo deste xénero.[2]
Logo da segunda guerra mundial, o Gabinete de Medallas comezou a adaptarse á evolución sufrida pola numismática moderna, do mesmo xeito que outras institucións similares en distintos países (Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, etc.). Á medida que a numismática se foi desenvolvendo como ciencia auxiliar da historiografía, os gabinetes numismáticos nacionais deixaron de ser unicamente conservadores de moedas e medallas fermosas ou escasas e convertéronse en centros orientados á posta dos seus fondos ao dispor dos investigadores. Esta nova orientación plasmouse na publicación de estudos en profundidade dos achados de moedas efectuados en Bélxica e, desde o punto de vista das coleccións, na adquisición de series que lles faciliten o traballo aos investigadores, en contacto directo coas pezas do seu interese. O persoal científico do Gabinete de Medallas desenvolve investigacións relativas aos fondos da colección e colabora con especialistas doutras institucións en proxectos de investigación e en coloquios que o Gabinete organiza con regularidade.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Historique du Cabinet des Médailles". Bibliothèque Royale de Belgique.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Lallemand, J. (1969).
- ↑ "La collection". Bibliothèque Royale de Belgique.
- ↑ "Quelques renseignements utiles". No sitio web da Sociedade Real de Numismática de Bélxica.
- ↑ "Réunion des manuscrits de la bibliothèque dite de Bourgogne, et de la collection des médailles appartenent à l'État". En Namur, P. (1840). Páxinas 265-267.
- ↑ Callataÿ, F.; Van Heesch, J. (1999).
- ↑ Naster, P. (1959).
- ↑ "Tetradrachm of Aetna". Europeana Collections.
- ↑ Leyder, D.; Iammens, S. (2005). "Honderd schatten uit de Koninklijke Bibliotheek van België : een wandeling door de tentoonstelling Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.". En Bibliotheek & archiefgids. Vol. 81. Nº 4. Páxinas 7-13.
- ↑ Callataÿ, F. (1996).
- ↑ "Recherche scientifique". Bibliothèque Royale de Belgique.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Lista de museos numismáticos
- Sociedade Real de Numismática de Bélxica
- Victor Tourneur
- Casa da Moeda Real de Bélxica
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brigault, L. (2003). "Monnaies des nomes au Cabinet des Médailles de la Bibliothèque royale de Belgique". En Revue Belge de Numismatique. 149. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 43-58.
- Callataÿ, F. (1983). "Un trésor de drachmes aux types d'Alexandre le Grand conservé au Cabinet des Médailles à Bruxelles". En Revue Belge de Numismatique. 129. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 23-60
- Callataÿ, F. (1996). "L'importance des collections du Cabinet des Médailles de Bruxelles". En Revue Belge de Numismatique. 142. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 255-267.
- Callataÿ, F. (1996 -b-). "Le développement de la collection de monnaies byzantines du Cabinet des Médailles de la Bibliothèque Royale Albert Ier". En Belgisch Tijdschrift voor Oudheidkunde en Kunstgeschiedenis. 65. Bruxelas. Páxinas 17-26.
- Callataÿ, F.; Van Heesch, J. (1999). Greek and Roman Coins from the Du Chastel Collection: Coin Cabinet of the Royal Library of Belgium. Spink. Londres. ISBN 978-1902040233
- Callataÿ, F. (2002). "Une institution à découvrir : le Cabinet des Médailles de Bruxelles". En Arts Antiques Auctions. 335. Outubro. Páxinas 11-13.
- Callataÿ, F. (2009). "Le Cabinet des Médailles de Bruxelles et les fausses monnaies grecques". En Schweizerische Numismatische Rundschau. 88. Sociedade Suíza de Numismática. Páxinas 289-298
- Callataÿ, F. (2010). "Quarante ans d’acquisitions patrimoniales au Cabinet des Médailles de la Bibliothèque royale de Belgique ". En Revue Belge de Numismatique. 156. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Páxinas 175-188.
- De Jonghe, Baudouin. (1911). "Les monnaies de Térina de la collection de Hirsch au cabinet royal des médailles de Bruxelles". En Revue Belge de Numismatique. 67. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 5-18.
- Lallemand, J. (1969). "Le Cabinet des Médailles". En Bibliothèque Royale. Mémorial 1559-1969. Páxinas 297-309. Bruxelas.
- Landrain, Y. (2002). "Monnaies des Pays-Bas espagnols: nombreuses variétés inédites acquises par le Cabinet des Médailles de Bruxelles". En Revue Belge de Numismatique. 148. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 131-138.
- Lauwers, C. (2013). "Het Penningkabinet van de Koninklijke Bibliotheek van België. Vertrekpunt voor numismatisch, financieel of economisch onderzoek". En Tijd-schrift. Ano 3. Número 1. Páxinas 29-39.
- Namur, P. (1840). Histoire des Bibliothèques Publiques de Bruxelles. Bruxelas.
- Naster, P. (1959). La collection Lucien de Hirsch: catalogue des monnaies grecques. 2 volumes. Bibliothèque royale de Belgique. Cabinet des médailles. Bruxelas.
- Tourneur, V. (1934). "Quelques bulles byzantines du Cabinet des Médailles de la Bibliothèque royale de Belgique". En Revue Belge de Numismatique. 86. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 89-96.