Eurocopter EC145
Eurocopter EC145 | |
---|---|
EC145 ambulancia en Gotland | |
Tipo | helicóptero utilitario lixeiro |
Fabricante | Eurocopter, Airbus Helicopters |
Primeiro voo | 12 de xuño de 1999 |
Introducido | 2002 |
Produción | 1999-presente |
Unidades construídas | Unhas 1 300[1] |
Variantes | Eurocopter UH-72 Lakota |
O Eurocopter EC145 (no presente Airbus Helicopters H145) é un helicóptero utilitario lixeiro de dous motores desenvolvido e fabricado por Eurocopter, que pasaría a chamarse Airbus Helicopters en 2014. Orixinalmente coñecido como o BK 117 C2, o EC145 está baseado no MBB/Kawasaki BK 117 C1, que pasou a formar parte dos modelos de Eurocopter en 1992 coa fusión da división de helicópteros Messerschmitt-Bölkow-Blohm de Daimler-Benz e a división de helicópteros de Aérospatiale-Matra para formar Eurocopter.
O EC145 é un aparello bimotor que pode transportar ata nove pasaxeiros, xunto con dous tripulantes, dependendo da configuración da súa cabina. O helicóptero está comercializado para transporte de pasaxeiros, transporte corporativo, servizos de emerxencia médica, busca e rescate e roles utilitarios. En 2015 o EC145 pasou a chamarse H145. Tamén se fabricaron variantes militares do helicóptero baixo varias designacións, como H145M ou UH-72, sendo usadas para adestramento, loxística, evacuación médica, recoñecemento, ataque lixeiro ou transporte de tropas.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Orixe
[editar | editar a fonte]O EC145 foi unha empresa conxunta entre Eurocopter e Kawasaki Heavy Industries baseándose no seu exitoso anterior produto, o BK 117 C1. En vez de iniciar un deseño completamente novo, adoptouse a cabina de mando e a moderna aviónica do Eurocopter EC135combinados coa sección traseira do BK 117; Flight International describiu o novo helicóptero, orixinalmente designado BK 117 C2, como nun "90% unha combinación deses dous aparellos".[2] Porén, houbo significativas áreas de redeseño, entre as vantaxes que ten o EC145 sobre os seus predecesores inclúense un maior alcance e capacidade de carga, maior espazo na cabina, menos vibracións e emisión de ruído, e medidas para simplificar o seu mantemento e minimizar os custos de operación.[3] A sinatura de ruído do EC145 é un 60% inferior que a do BK 117 C1.[4]
O novo modelo foi certificado como o BK 117 C2; en decembro de 1997 foi seleccionado pola Sécurité Civile para misións de rescate aéreo, 31 EC145 foron pedidos para substituír a súa frota de vellos Aérospatiale Alouette III por un prezo de 170 millóns de dólares.[5][6] O primeiro EC145 realizou o seu voo de estrea o 12 de xuño de 1999 en Donauwörth, Alemaña; Eurocopter realizou un importante evento de publicidade para novo modelo no Salón Internacional da Asociación de Helicópteros dos Estados Unidos en febreiro de 2000.[7] A cerificación de seguridade do EC145 foi outorgada pola alemá Luftfahrt-Bundesamt e a Oficina de Aviación Civil do Xapón en decembro de 2000, e pola Administración Federal de Aviación estadounidense a principios de 2002.
Eurocopter e Kawasaki teñen un acordo baixo o cal ámbalas dúas firmas fabrican e comercializan o helicóptero de forma independente, mentres que traballaban de forma colaborativa no desenvolvemento e actualizacións. Eurocopter ten un 60% do traballo de produción, incluído os rotores, a transmisión intermedia e de cola, sistemas de control, cabina de mando e estrutura da cola; Kawasaki ten o 40% restante, encargándose da fuselaxe, a transmisión principal, e sistemas eléctricos e de combustible.[8] Kawasaki usa a designación BK 117 C2 para o tipo e produce e vende o mercado no mercado asiático; Eurocopter vende o helicóptero en todo o mundo baixo a designación EC145. En novembro de 2004, co final da produción do Mitsubishi MH2000, o BK 117 C2 converteuse no único helicóptero civil fabricado no Xapón.[9] En agosto de 2010 anunciouse que a asociación entre Eurocopter e Kawasaki no desenvolvemento e fabricación do EC145 ampliaríase ata polo menos 2025.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "H145". Airbus. Consultado o 22 de outubro de 2018.
- ↑ Gray 2002, p. 30
- ↑ Gray 2002, p. 30-31
- ↑ "EC 145 bows in quietly". Aviation International News (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de novembro de 2018. Consultado o 2018-11-19.
- ↑ "1979: BK 117, helicopter manufacturer, helicopter - Eurocopter, an EADS company". 2013-09-21. Archived from the original on 21 de setembro de 2013. Consultado o 2018-11-19.
- ↑ Gray 2002, p. 31
- ↑ "Eurocopter/Kawasaki fly EC145". Fight International. Consultado o 2018-11-19.
- ↑ "A marriage that lasted" (PDF). Flight International. Consultado o 2018-11-19.
- ↑ "Low level of interest forces Mitsubishi to halt sales of MH2000". Flight International. Consultado o 2018-11-19.
- ↑ "Eurocopter and Kawasaki extend EC145 partnership". Flightglobal.com (en inglés). 2010-08-02. Consultado o 2018-11-19.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gray, Peter. "Flight test: Eurocopter EC145." Flight International, 11 de febreiro de 2002. pp. 30–34