Estación espacial
Unha estación espacial é unha construción artificial deseñada para facer actividades no espazo exterior, con diversos fins. Distínguese doutras naves espaciais tripuladas pola súa carencia dun sistema de propulsión principal (en lugar diso, empréganse outros vehículos como transporte dende e cara á estación), e de medios de aterraxe. Polo seu deseño, as estacións espaciais están destinadas a orbitar a Terra (en órbita terrestre baixa), ou o corpo celeste onde se puxesen en órbita. En decembro de 2020 só hai unha estación espacial operativa en órbita: a Estación Espacial Internacional, que está permanentemente tripulada. As dúas últimas anteriores foron Tiangong-1 da China (reentrada en 2016) e Tiangong-2 (lanzada o 15 de setembro de 2016, mais non permanentemente tripulada).[1][2]
As estacións espaciais son plataformas de investigación, empregadas para estudar os efectos a longo prazo do voo espacial sobre o corpo humano. Así mesmo, serven como plataforma para albergar laboratorios onde se realizan numerosos e prolongados estudos científicos sobre aspectos que poden ser útiles noutros vehículos espaciais, permitindo unha maior duración que noutros tipos de vehículos espaciais. Cada membro da tripulación queda a bordo da estación durante semanas ou meses, rara vez máis dun ano. Dende o incidente do voo do Soiuz 11 ao Saliut 1, todos os récords de voo espacial tripulado establecéronse a bordo de estacións espaciais. A marca de duración para un só voo espacial é de 437,7 días, establecido por Valeriy Polyakov a bordo da Mir de 1994 a 1995. A partir de 2016, catro astronautas completaron misións individuais de arredor dun ano, todas a bordo da Mir.
As estacións espaciais tamén se empregaron para fins militares e civís. A última estación espacial de uso militar foi Saliut 5, que se empregou no programa Almaz da Unión Soviética en 1976 e 1977.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]As estacións espaciais foron previstas cando menos dende 1869, cando o estadounidense Edward Everett Hale escribiu The Brick Luna, onde imaxinaba unha base espacial esférica construída con ladrillos.[4] O primeiro que fixo unha consideración seria sobre as estacións espaciais foi o ruso Konstantin Tsiolkovsky e xa no século XX, aproximadamente dúas décadas máis tarde o alemán Hermann Oberth.[4] En 1929 o esloveno Herman Potočnik foi o primeiro que imaxinou unha estación espacial con forma de "roda xiratoria" para, pola forza centrífuga crear gravidade artificial.
Durante a segunda guerra mundial, os científicos alemáns investigaron o concepto teórico dun arma orbital baseado nunha estación espacial. Seguindo a idea de Oberth dunha arma baseada no espazo, a chamada "arma sol" era un concepto dunha estación espacial en órbita arredor da Terra a unha altura de 8200 quilómetros, cunha arma que ía empregar a enerxía do sol.[5]
En 1951, xa instalado nos Estados Unidos Wernher von Braun publicou o seu deseño para unha estación espacial roda xiratoria, facendo referencia á idea de Potočnik. Porén, estes conceptos nunca deixaron a etapa de idea durante o século XX.[4]
Durante o mesmo tempo en que von Braun seguía as ideas de Potočnik, as axencias de deseño soviético (principalmente a de Vladimir Chelomey) proseguían as ideas de Tsiolkovsky como o proyecto OKB-52. O traballo para concretar a OKB-52 levou conxuntamente ao programa Almaz e á primeira estación espacial: a Saliut 1. O hardware desenvolvido polos soviéticos sentou as bases para as estacións espaciais Saliut e Mir, e aínda hoxe é unha parte considerable da estación espacial ISS.
Na década de 1960 puxéronse en marcha diversos proxectos de investigación para lanzar unha estación espacial, como o proxecto do Manned Orbiting Laboratory estadounidense. Non obstante, a primeira estación non chegou ata 1971, coa soviética Saliut 1. Dentro do programa Saliut, lanzado entre 1971 e 1982, incluíronse cinco estacións espaciais civís do tipo DOS e catro militares do tipo Almaz. Deste segundo tipo, a primeira estación operativa foi a OPS-2 (chamada tamén Saliut 3), lanzada en 1974. A primeira estación estadounidense foi a Skylab, derivada do programa Apollo e lanzada en 1973.
A Saliut 6 marcou un novo récord de permanencia en 1980, coa misión da Soiuz 35, que permaneceu 185 días no espazo e a Saliut 7 en 1984, cunha misión de 237 días de duración. A estación espacial soviética Mir, que comezou a ser construída en 1986, permitiu continuar coa realización de misións de longa duración, conseguindo o cosmonauta Valeri Poliakov a marca de permanencia no espazo nunha soa viaxe, pasando 437 días e 18 horas na estación entre 1994 e 1995.
En 2010, a Estación Espacial Internacional (proxecto internacional comezado en 1988) efectuou o relevo da Mir, como o vehículo espacial que estivo durante máis tempo tripulado ininterrompidamente por seres humanos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Jones, Morris (12 de xullo de 2011). "Time Enough for Tiangong". SpaceDaily. Consultado o 12 de xullo de 2011.
- ↑ Barbosa, Rui. "China launches TianGong-1 to mark next human space flight milestone". NASASpaceflight.com.
- ↑ Russian Space Stations (wikisource)
- ↑ 4,0 4,1 4,2 The First Space Station, Boy's Life,[cómpre nº de páxina] setembro de 1989.
- ↑ "Science: Sun Gun". Time. 9 de xullo de 1945. Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2013. Consultado o 02 de decembro de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estación espacial |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chladek, Jay (2017). Outposts on the Frontier: A Fifty-Year History of Space Stations. University of Nebraska Press. ISBN 978-0-8032-2292-2.
- Haeuplik-Meusburger: Architecture for Astronauts – An Activity based Approach. Springer Praxis Books, 2011, ISBN 978-3-7091-0666-2.
- Ivanovich, Grujica S. (7 de xullo de 2008). Salyut: the first space station: triumph and tragedy. Praxis. p. 426. ISBN 978-0-387-73585-6.
- Neri Vela, Rodolfo (1990). Manned space stations" Their construction, operation and potential application. París: European Space Agency SP-1137. ISBN 978-92-9092-124-0.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Read Congressional Research Service (CRS) Reports regarding Space Stations
- ISS - en TASS (en inglés)
- "Giant Doughnut Purposed as Space Station", Popular Science, outubro de 1951, pp. 120–121.