Escola Dominical
A Escola Dominical é unha organización orixinalmente dedicada á instrución relixiosa dos nenos (así continúa na tradición anglicano-metodista), pero ampliada posteriormente a toda a familia (tradición bautista-congregacionalista).
Historia
[editar | editar a fonte]Fundada en 1780 por Robert Raikes, un xornalista británico, natural de Gloucester que sentiu preocupación polo abandono dos nenos nos barrios baixos da súa cidade.
Raikes comezou escribindo artigos sobre a súa preocupación, e pronto, moitos crentes se lle uniron para organizaren en varias igrexas británicas (anglicanas, metodistas, calvinistas e congregacionalistas) un sistema que ensinase a ler e a escribir aos nenos pobres. Cos anos, as escolas dominicais que ensinaban primeiras letras fixéronse innecesarias ante o avance da escolaridade pública. Así, comezaron a dedicarse máis ben á formación relixiosa de cada igrexa para os seus nenos.
Nos Estados Unidos de América, este programa eclesiástico dominical ampliouse para toda a familia, especialmente entre os bautistas, incluíndo cursos bíblicos para todas as idades.
En España, a implantación tardía das Escolas Dominicais veu a partir de 1857 da man dunha organización católica, a Real Asociación de Escolas Dominicais, dirixida fundamentalmente a mozas serventas e obreiras. En 1905, o número de Escolas Dominicais dependentes da asociación sumaban un total de 200 establecementos, ás que asistían un total de 20.000 alumnas.[1]
Situación a comezos do século XXI
[editar | editar a fonte]Habitualmente a Escola Dominical é un departamento ou ministerio dentro das congregacións evanxélicas que ten por obxectivo ensinar dun xeito claro e sinxelo temáticas importantes para o cristián, que se presentan na Biblia. Normalmente está dividida por clases dependendo da idade (a influencia do material impreso pola Casa Bautista de Publicacións para as Escolas Dominicais é grande na clasificación destas clases para o mundo hispano):
- De 0 a 5 anos (Párvulos, Berce ou Preescolares).
- De 6 a 8 anos (Principiantes ou Escolares "A").
- De 9 a 11 anos (Primarios ou Escolares "B").
- De 12 a 15 anos (Intermedios ou Adolescentes).
- De 16 a 18 ó 21 (xeralmente solteiros) (Mozos).
- Maiores e casados (Adultos).
Nalgunhas congregacións as clases varían ademais dependendo da asistencia, por exemplo, é común que os mozos se subdividan en xuvenís, que serían os de menor idade, e mozos que serían os máis grandes. Máis aínda, cada igrexa organiza a súa Escola Dominical como ben lle pareza, cun ou varios grupos, con adultos ou sen adultos, con lactantes ou sen lactantes etc.
As leccións son xeralmente impartidas por un mestre designado e preparado pola igrexa, o mestre pode ter axudantes, que serían aprendices, que logo dun certo período, poderían chegar a seren mestres.
Existen numerosas editoriais cristiás que redactan e publican material escrito de apoio tanto para alumnos como para mestres de Escola Dominical.
O horario da actividade é habitualmente de 10 a 12 A.M. ou de 6 a 8 P.M., o domingo (disto despréndese o nome de Escola "Dominical"), e normalmente faise en paralelo ao servizo principal ou culto (nas igrexas de tradición británica, posto que nas de tradición estadounidense este culto agrégase á Escola Dominical como clase de adultos ou algo similar).
Moitas escolas dominicais comezan cunha apertura xeral, coa participación de todas as clases reunidas no salón principal, e logo distribúense nas súas respectivas salas. Para terminar, vólvense a reunir e comparten textos bíblicos e detalles do aprendido en cada clase.
Na maioría das Igrexas Evanxélicas a administración deste departamento está encabezada polo pastor ou por un superintendente do ministerio, acompañado por outros responsables como tesoureiro, secretario, mestres e axudantes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Delgado, B.; Bartolomé, B. (1994). Historia de la Educación en España y América. Fundación Santamaría
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Vila, Samuel y Santamaría, Darío; Escuela Dominical na Enciclopedia Ilustrada de Historia de la Iglesia, Libros CLIE, Barcelona, España, 1989, p. 318. ISBN 84-7228-447-6
=
Ligazóns externas =
[editar | editar a fonte]- Editorial Buena Tierra Materiais para Escola Dominical Cristiá. (en castelán)
- Editorial Mundo Hispano Novo nome da CBP, material impreso e recursos. (en castelán)
- Editorial Patmos Material impreso (en castelán)
- Editorial Vida Material impreso (en inglés)
- Kid's Sunday School Place Recursos (en castelán)