Saltar ao contido

Elisión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Elisión (do latín elisio, tradución do grego élleipsis) é un tipo de metaplasmo fonolóxico (ou fonético) que consiste na perda dun ou varios fonemas vocálicos (ou sons) no final dunha palabra situada ante outra palabra que empeza por vogal. En métrica este fenómeno denomínase sinalefa e serve para diminuír o cómputo total de sílabas do verso.

No galego común, a agrupación de vogais heterosilábicas (é dicir, pertencentes a distintas sílabas) na cadea sonora do discurso resólvese ás veces mediante unha crase (contracción na escrita) ou cunha sinalefa na cadea falada sen representación á hora de escribir. Poucos son os casos nos que se representa a elisión cun signo gráfico, tamén usado noutras linguas (italiano ou francés), chamado apóstrofo (').

As elisións poden estar lexicalizadas (ó < ao; do <de + o; <ca + o), poden representarse na escrita mediante apóstrofo (segundo as NOMIG, pódese usar nas contraccións das preposicións coas vogais iniciais dos títulos de obras: Falamos d'"A Esmorga" de Blanco Amor) ou mesmo non ter representación escrita: (en queridísimo amigo, o -o final pode formar na pronuncia unha única sílaba xunto co a- inicial, malia non representarse na escrita).

A palabra elisión emprégase tamén algunhas veces no sentido de elipse.