Dialecto suletino
O suletino ou zuberera é un dialecto da lingua éuscara particular que se fala en Sola (Zuberoa, Xiberoa ou Soule, a máis pequena das sete provincias vascas históricas, situada ao nordeste do histórico País Vasco, en Francia). Ten varias particularidades lingüísticas e fonéticas que o fan singular. A súa fonética estivo marcadamente influenciada polo gascón. Por exemplo, o e pronúnciase i e o o, u cando preceden a unha vogal. O ü (acentuado) pronúnciase como o u francés, aínda que se pode converter en i por disimilación vocálica (ex: gaü, 'noite' > gaia, 'a noite'). Este ü é característica única da fonética suletina con respecto do resto das variedades. Tamén posúe sibilantes sonoras, característica compartida co antigo dialecto roncalés, xa extinto.
O suletino tamén ten particularidades léxicas e na declinación.
Algunhas particularidades lingüísticas suletinas | |||
Lingua galega | Éuscaro batua | Suletino | |
---|---|---|---|
Adverbios | nunca | sekulan | sekülan |
a miúdo | maiz, usu | üsü | |
Adxectivos | ben | ongi | hunki, ontsa |
bonito | polit | eijer | |
Verbos | suceder | gertatu | agitü |
haber | ukan | üken | |
terminar | bukatu | ürrentü | |
vir | etorri | jin | |
Nomes | cociña | sukalde | sükalte |
flor | lore | lili | |
lugar | alde, leku | atze, lekü | |
montaña | mendi | bortü, borthü | |
choiva | euri | ebi | |
poeta | bertsolari | koblakari | |
sol | eguzki/eki | eki, ekhi | |
saída | irteera, atera | elki | |
Soa | Zuberoa | Xiberoa |
Actualmente, máis do 60 % dos 16.000 suletinos son vascófonos, pero a diminución do número dos que o falan entre os mozos e a falta de empregos poden ser a longo prazo un risco para o mantemento da lingua en Zuberoa. Con todo, o traballo efectuado polas asociacións culturais nas que moitos mozos están implicados permite que o dialecto se manteña a pesar da estandarización da lingua co batua, que non parece estar influíndo na desaparición do suletino. A arraigada tradición do teatro popular utilizouse nestes últimos anos como unha forma de cohesionar ás comunidades (pastorais e mascaradas), que sofren un preocupante descenso demográfico. As obras represéntanse en éuscaro e convértense en actos de reafirmación da identidade suletina.
Seguen a publicarse obras na forma literaria desta variedade, sendo os escritores mais soados Itxaro Borda e o académico e dramaturgo Jean Louis Davant. Os músicos Niko Etxart e o grupo Guk, entre moitos outros, cantan en éuscaro suletino. Posúe unha rica tradición lírica de gran prestixio entre os vascos, recompilada e dada a coñecer no País Vasco español a partir dos anos 60 e 70.