De catro a catro
De catro a catro | |
---|---|
![]() Portada interior da primeira edición de 1928 | |
Título orixinal | De catro a catro. Follas sin data dun diario d'abordo |
Autor/a | Manuel Antonio |
Ilustrador/a | Carlos Maside |
Orixe | Galiza |
Lingua | galego |
Xénero(s) | Poesía |
Editorial | Editorial Nós |
Data de pub. | Marzo de 1928 |
Páxinas | 49 |
[ editar datos en Wikidata ] |
De catro a catro. Follas sin data d'un diario d'abordo é un libro de poesía de Manuel Antonio publicado en marzo de 1928 pola Editorial Nós. É a única obra que o autor publicou en vida, e está considerado a súa obra por excelencia. Son 19 poemas que reflicten unha travesía marítima, desde Intencións ata Adeus, dominada polo estatismo e a quietude, sen avance temporal nin espacial. Na paisaxe predominan os astros e o horizonte nun ambiente nocturno, negativo. A estética é vangardista, creacionista, e o vocabulario é mariñeiro e técnico-culto. O tema central é a soidade do eu, moi ben expresada en Sos, o poema central deste libro considerado o poemario capital da vangarda galega.[1]
“ | D. AUGUSTO LUSTRES RIVAS C'a lembranza d'as navegacións feitas ao par |
” |
— dedicatoria |
Características
[editar | editar a fonte]
De catro a catro é o primeiro poemario integramente vangardista, en concreto creacionista, da literatura galega. Por mor disto, De catro a catro converteuse nun fito literario pois achega unha poética diferente daqueloutra que consagraba as formas e contidos tradicionais, marcando un antes e un despois na historia da literatura galega.
Desde a propia perspectiva das vangardas, véñense citando no libro as influencias de autores como Vicente Huidobro ou Pierre Reverdy. En boa medida, é posible subliñar a presenza dun texto fundamental nas concepcións poéticas de Manuel Antonio: trátase do libro titulado La poésie d´aujourd´hui, un nouvel état d´intelligence (1921), de Jean Epstein, que o poeta rianxeiro traduciu —ou comezou a traducir— ao galego. A procura do "novo" —para alén de toda estética—, o traballo intelectual por parte do lector, a ruptura da lóxica e a supresión da secuencia espazo-temporal son elementos definidos por Epstein e que Manuel Antonio soubo incorporar no seu traballo.
Doutra parte, De catro a catro mostra igualmente un proceso de traballo da linguaxe excepcional: a capacidade por incorporar o léxico mariñeiro —mesmo dialectal— a un discurso onde, ao tempo, figuran anglicismos, xermanismos... a presenza dunha linguaxe técnica, infrecuente na arte poética, dan boa medida do afán de preocupación formal por parte de Manuel Antonio.
Estrutura
[editar | editar a fonte]O libro consta de dezanove poemas que foron escritos nos anos 1926 e 1927 cando o rianxeiro, embarcado no pailebote Constantino Candeira,[2] percorreu as augas do mar Mediterráneo e presenta, polo mesmo, un fío común experiencial que se fai patente no subtítulo Follas sen data dun diario de abordo e na estrutura da obra, xa que os poemas están circunscritos a un ámbito que se abre mediante o primeiro texto, "Intencións" (en que Manuel Antonio soña co que acontecerá nas futuras singraduras), e un último, "Adeus", en que se despide do Constantino Candeira. Esta idea veríase reforzada por unha serie de poemas que marcarían os puntos da travesía: Travesía, Recala, Navy Bar, Garda de 12 a 4.
Tema
[editar | editar a fonte]O tema central sería a soidade do suxeito[3] (o “eu” e o “nós”), unha soidade no espazo (o mar) e no tempo (eternizado e repetido). O actor suxeito abandona o mundo coñecido e protector da beiramar, ao que volverá ao rematar a navegación, a travesía achégalle un conxunto de experiencias nun mundo novo que debe descifrar[4].
O suxeito tenta saír desa situación pero nunca o dá conseguido. Este aspecto repítese en diferentes motivos: a nostalxia, a saudade, a despedida, o abandono, a carencia, o fracaso, o suicidio, a morte.
As palabras clave no libro son Mar - aparece 20 veces-, vela/s -15 veces-, mesmo/a -14-, sol -11-, estrela/s -11-, ronsel- 9-, mariñeiro -7-, barco -7-, adeus -7-, sempre -5-, velamio -4-, naufraxo -4-[5].
O barco é o “eu” do poeta, identifícase con el, é o símbolo nuclear e pode deixar paso á tripulación, o “nós”. A navegación, a travesía, a singradura son a vida que avanza. Ademais na maioría dos poemas está a noite coa contemplación do seu mundo astral: a Lúa e as estrelas. Falta o Sol, que é a vida e o dinamismo; e aboia a frustración, a soidade, o estatismo, o naufraxio nocturno.
Tamén é importante o vento, se está presente move as velas e hai dinamismo, se está ausente predominan a quietude e o estatismo.
Tempo e espazo
[editar | editar a fonte]Tempo e espazo van sempre xuntos nos poemas, constrúense sobre a negación da travesía e do avance temporal, 14 veces se repite a palabra mesmo.
Ao observar os tempos verbais vese que hai unha mestura de tempos, o que provoca que non haxa progresión nin cronoloxía. Tampouco abundan os adverbios temporais que sinalen o avance. É de día ou de noite, predomina o ambiente nocturno que recalca o abandono e a soidade. Son diferentes momentos que se repiten, circulares.
O espazo é o Mar (en maiúsculas, a palabra tema) e tamén o barco, máis concretamente a mar aberto, lonxe da terra. Nalgún momento achégase a terra, o que tampouco trae nada novo, é outra ilusión fanada. En 1928 escribiu Xosé Otero Espasandín na revista Nós:
De catro a catro é a rebelión dun mar non visto aínda por ninguén. Un mar puro sen ribeiras nin costas, perdido entre as constelacións.
En 1975 Ricardo Carballo Calero escribía[6]
O tema é o mar, un mar visto cunha óptica desrealizadora que o fantasmagoriza. É un mar preferentemente noiturno, sobre o que paira un ceo escintilante de estrelas. Mais estas mariñas intertrocan olas e nubes, mastros e astros, nunha anxélica confusión.
Este mar que pretende mostrar o autor está lonxe da contemplación tranquila da paisaxe mareira [7]. É un espazo á vez infinito e pechado en si mesmo porque os termos que indican luz e a mobilidade están coutados polos verbos: fenestras pechadas, puntos cardinais desviados, arroaces desorientados. Ademais os adxectivos negativos reforzan esta idea: frustrado, desarborada, abolidos, defraudados.
Mar e terra opóñense entre si. A terra é estatismo, seguridade e protección materna [8]. O mar é dinamismo, aventura, singradura. O poeta parte no primeiro poema (“intencións”) e regresa no último (“adeus”). Mais sen espazo e sen tempo todo quedou en silencio e soidade (cada un dentro da súa alta mar) e a travesía non foi máis ca un continuo naufraxio.
Vangardismo
[editar | editar a fonte]A principal pegada vangardista no libro é o creacionismo. Tamén hai algúns trazos que o apartan do vangardismo: restos de rima nalgúns poemas, presenza do suxeito poético anulando o distanciamento entre o obxecto poético e o suxeito lírico, e a paisaxe que reflicte os sentimentos do autor.[9]
As imaxes son o principal elemento vangardista, imaxes creacionistas que" crean" unha nova realidade e baseadas ás veces na prosopopea. A continua xustaposición de imaxes aséntase na ruptura da orde cronolóxica presentando a realidade desde diferentes puntos de vista e fragmentando a perspectiva.
Tamén é vangardista a disposición gráfica con espazos en branco, trazos e sangrías. Outro dos elementos modernos e rompedores é o léxico utilizado nos poemas: estranxeirismos, léxico culto técnico, léxico específico dos mariñeiros. O mesmo podemos dicir dunha das armas destrutivas das vangardas, a ironía, que Manuel Antonio emprega en varios poemas. E o máis importante, a supresión da secuencia espazo-temporal e a cadea lóxica.[10]
De catro a catro converteuse no poemario máis emblemático da vangarda galega polo que supuña naquel momento de renovación poética e de asimilación do espírito vangardista aínda que o individualismo de Manuel Antonio o encamiña cara a unha lectura humanizadora.[11]
Análise
[editar | editar a fonte]
O profesor Manuel Castelao explicou amplamente todos os poemas deste libro[13].
- Título
De catro a catro pode interpretarse como calquera destas tres opcións ou mesmo como as tres á vez:
- 4 é o número dos puntos cardeais, das mareas, das estacións do ano (que teñen que ver co mar)
- Pode ser o horario das gardas mariñas de 12 horas de traballo e 12 de lecer (sempre igual, monotonía): de 4 a 4
- De 4 a 4, sempre o mesmo, idea circular, inmóbil
- Subtítulo
Follas sen data dun diario de abordo: unha bitácora, un diario de navegación. Mais os poemas están moi lonxe de seren unha tradicional bitácora que recolle as incidencias da travesía, da navegación. Non está recollida a vida do mariñeiro nin os seus traballos, nin a singradura —só unha vez aparece Vigo—.
Cada poema é unha sucesión de imaxes vangardistas partindo da paisaxe e elementos do mar, dun mar que ten que ser interpretado polo lector.
Son follas soltas, sen datar, repetidas, que valen para calquera día. Ao longo do libro repite varias veces a palabra “follas” porque son escritos, literatura.

- Intencións
O poema é un resumo do libro, as intencións e as ilusións que a travesía marítima lle deparan ao poeta. Por iso os verbos dos primeiros versos de cada estrofa están en futuro.
O ton xeral do poema é ambiguo, pode interpretarse como ilusionante (o que depara o futuro) ou decepcionante. O ambiente é nocturno como na maioría do libro e predomina a adxectivación negativa.
Nesta travesía, os poemas do libro, o atormentado corazón do poeta tentará agarrarse á ilusión:
E cazarémo-la vela
sobre o torso rebelde das tormentas
pra trincar a escota dunha ilusión.
Achégase á vangarda na xustaposición de imaxes, na técnica creacionista, no léxico extrapoético, mariñeiro e técnico; na ausencia de ritmo, no ton prosaico, a ausencia de signos de puntuación e a disposición gráfica. Achégase á tradición poética na presenza do suxeito poético, nos restos de rima, nas imaxes ligadas á realidade.
- Texto completo e explicacións[14]
- A fragata vella

No segundo poema o protagonista é o barco veleiro que vai acompañar o poeta na travesía, outra vez se identifica co barco e diríxese a el cun ti apelativo. Mais xa é un barco vello, o tempo que pasa, os “vellos mariñeiros”. Na fragata está todo o pasado, é onde navegan os seus sentimentos.
No poema anterior predominaban os futuros, neste os presentes-pasados-presentes.
Na última estrofa é clara a identificación do poeta co barco:
Nese teu corazón innumerábel
tamén enchen e devalan
as mareas do meu corazón
O poema achégase á vangarda coas imaxes vangardistas xustapostas, o léxico extrapoético, mariñeiro e culto, a ausencia de ritmo, o ton prosaico, a falta de signos de puntuación e a disposición gráfica. Son restos máis tradicionais: a presenza do suxeito poético eu, os restos de rima e as imaxes ligadas á realidade.
- Texto completo e explicacións[15]
- Travesía
Despois das intencións e do veleiro, a protagonista é a travesía, a viaxe marítima do poeta. Esta travesía vaise identificar coa propia vida do poeta e vai ser repetitiva e cíclica porque todos os días son iguais, nada varía e o Mar, a costa son sempre o mesmo e róubannos a posibilidade de evadirnos.
Mais o mar e a costa desapareceron e o barco queda nunha navegación baleira e inédita. Non hai mapa, estamos extraviados: monotonía, estatismo, nada cambia. Aumenta a sensación de soidade porque xa non temos nin o pasado, polo que a desorientación é total: os puntos cardinais a mercé dos ventos, o temoneiro pon proa a ningures.
Desde o principio hai un xogo de tempos: presente, pasado e futuro (toda a travesía).
O poema remata cun pretérito –“asumiu”- para pór un final absoluto á idea de tedio e aburrimento:
O minuteiro
(tic-tac)
asumeu o compás das travesías.
Relacionan o poema coas vangardas as imaxes xustapostas, o léxico extrapoético, mariñeiro, culto e técnico, os estranxeirismos, a ausencia de ritmo, o ton prosaico, a falta de puntuación, a disposición gráfica e outros elementos: parénteses, onomatopeas, ironías. Son máis tradicionais as imaxes ligadas á realidade e a presenza do suxeito poético.
- Texto completo e explicacións[16]
- Os cóbados no varandal
![]() |
No cuarto poema o poeta apóiase na varanda e contempla a inmensidade do Mar, pensa no sol que vai saír, nas estrelas e na lúa, nos paxaros que planean, nas nubes, no ronsel. Estes son os elementos que ve desde a balaustrada e lle van suxerindo as imaxes que outra vez reflicten a súa soidade. O tempo é presente e futuro. Segue o ambiente nocturno, a madrugada, o extravío.
Neste poema o Mar está visto desde unha perspectiva moderna, o mar que é vida convértese nunha gaiola, en falta de liberdade. Na inmensidade do mar é onde un se sente máis só, máis pechado en si mesmo:
E armaremos unha rede de ronseles
pra recobrar as saudades
co seu viaxe feito
polos oucéanos do noso corazón.
Mantense da tradición poética o eu poético, as imaxes ligadas á realidade e algún resto de rima. Ligan o poema coa vangarda as imaxes xustapostas, o léxico extrapoético, a ausencia de ritmo, o ton prosaico, a falta de puntuación, a nota a pé de páxina e a introdución de elementos ensaísticos.
O poema foi musicado por Maite Dono en Corazón de Brief, 1998.
- Texto completo e explicacións[17]
- Sos
![]() | |
![]() |
Está considerado como un dos grandes poemas da literatura galega, á par de Negra sombra. O título indica o argumento, a trama do poema. Todo o texto é como unha longa presentación de diapositivas de fondo marítimo dedicadas á soidade.
A soidade do poeta é progresiva, só o acompañan o Mar (en maiúsculas) e o barco, os símbolos principais do libro, a terra queda lonxe. O suxeito plural, a soidade do poeta faise soidade de todos:
Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós.
O ambiente é nocturno, non hai luz de sol e non hai movemento do barco veleiro pola ausencia de vento.
Todo é unha longa enumeración de abandonos desde as primeiras referencias paisaxísticas, expresión sintética que reforza a idea de soidade absoluta: o título e a última palabra: “sos ... nós” ou “nós sos”:
E ficamos nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós.
Trazos máis vangardistas son as imaxes xustapostas, o léxico extrapoético e mariñeiro, a falta de ritmo, o ton prosaico na segunda parte do poema, a ausencia de signos de puntuación e a disposición gráfica na estrofa final. Trazos da poética máis tradicional son a presenza do suxeito poético, as imaxes ligadas á realidade, os restos de rima, a anáfora e certo ritmo.
- Foi musicado por Emilio Cao e Milladoiro
- Texto completo e explicacións[18]
- ...Ao afogado
O poema fora xa publicado en 1916 como Ao mariñeiro afogado.
Utilizando o ti apelativo o poeta dialoga co mariñeiro afogado (desdobramento de si mesmo) e vaille enumerando as perdas que a morte achega: a perda da vista, dos ollos que miran ao lonxe e ao fondo (lonxanías e profundidades), ollos devorados polas profundidades —o elemento visual—. Tamén se perdeu a fala, a súa voz como se a levase un remuíño nunha furna —o elemento auditivo— Tampouco queda a vida, os ánimos, a forza —o elemento anímico—. O vento xa non é vida, está asociado á morte, angaza cadáveres no mar.
E remata:
A noiva goleta
enloitada de branco
que cose roitas esquecidas
acena no vento as súas velas
como ese pano das despedidas.
As tres primeiras estrofas son paralelísticas e anafóricas e nelas néganse a vida e o espazo. A soidade non deixa máis remedio que a morte, o suicidio. O vento non trae máis que cadáveres que son despedidos polas velas —noivas enloitadas—.
É o único poema no que non aparece o nós poético.
A tradición poética está presente nas imaxes ligadas á realidade, nos restos de rima, as anáforas e un certo ritmo nalgúns versos. Trazos máis vangardistas son as imaxes polipétalas, o léxico extrapoético e mariñeiro, a ausencia de signos de puntuación e a disposición gráfica.
- Texto completo e explicacións[19]
- Garda de 12 a 4
O título fai referencia á garda do mariñeiro no barco.
A media noite, no comezo da garda (as 12) está agochada na Lúa, que é como un barco con velas:
Envergada nun mastro da Lúa
agárdanos a meia noite
O toque da campá que marca o comezo da garda perdeuse polo mar, a navegación alimenta ausencias, deixa atrás despedidas. Estamos desorientados, perdidos e sos, sen rastro, ata o pasado nos abandonou. As luces dos astros marcan o espazo mariño da travesía, da descuberta. Seguen acompañando o tempo as luces: faro, tormenta, astros. Sen vento o barco queda e o que marchan son as horas.
A estrutura superficial lévanos a unha garda nocturna, na que o tempo empeora e chega a tormenta, rematando en naufraxio. Mais esa garda tampouco aporta ilusións. A noite, a soidade, o paso do tempo nunha viaxe polo universo marcan a garda que remata coa sensación de frustración e desengano: a voz desarbolada, o velame frustrado.
Aspectos que lembran a vangarda: as imaxes vangardistas, o léxico extrapoético mariñeiro e culto, a ausencia de ritmo e de signos de puntuación, a disposición gráfica, a introdución dunha cantiga popular, a introdución de diálogo.
- Texto completo e explicacións[20]
- Recalada

as follas evadidas
d'o almanaque d'os nosos soños.
A recalada é a chegada do barco a un punto da costa, a un porto.
Os soños dos mariñeiros son como follas dun calendario que se perderon e pensamos atopalos ao desembarcar no peirao. As prostitutas (noivas inéditas) que se mostran nas rúas do porto sempre son iguais, non rompen a monotonía, xa coñecen as nosas necesidades e sentimentos. Fumaremos e pasearemos calados e cheos de agresividade calada. Seguiremos bebendo como en calquera porto, rodeados dos mesmos mariñeiros descoñecidos. As nosas cancións nocturnas e somnolentas chegarán ata a madrugada, apagarán os farois da iluminación ou a luz dos astros. Cando mañá espertemos, xa todo pasou e perdemos unha folla máis do noso diario sentimental.
Todo foi artificial, inventado, xogos malabares dos que eramos meros espectadores, non protagonistas. A recalada non chegou a producirse, era unha ilusión:
Eramos os espeutadores
na prestidixitación
dunha hora artificial
Neste poema continúa o ambiente nocturno do libro, agora en terra. Mais a terra non vai supoñer ningunha novidade, non rompe a monotonía xeral, a sensación de repetición e de anulación do tempo, non é máis ca outra ilusión na travesía.
O suxeito poético e as imaxes ligadas á realidade conectan o poema coa tradición. Neste poema non hai léxico mariñeiro, o poeta está en terra. A falta de signos de puntuación, a ausencia de ritmo e as imaxes conectan o poema coas formas vangardistas.
- Texto completo e explicacións[21]
- Navy Bar
O título é un anglicismo, o típico bar de ambiente mariñeiro que abundaba nos peiraos.
Identifica o bar co barco: como el ten balanceos. O poeta está listo para partir dentro del. Agora o licor que bebemos é como a auga do mar, repetido e de moitos sitios: monotonía. O tempo está parado, non pasa e non entendemos nin coñecemos aos estranxeiros que están ao noso lado. Tampouco as cantigas do bar achegan nada novo.
É unha cita nocturna, mais sen estrelas que nos guíen nin vento: desorientados, perdidos, sen rumbo.
Segue o illamento cos mariñeiros descoñecidos e sos. A noite como un salvavidas tentará salvar do naufraxio.
O último vaso que tomemos será un adeus, unha despedida, unha evasión:
No repouso dalgún vaso
tódalas noites naufraga o Bar.
O interior de cada un é como o mar aberto, un lugar inmenso e invadido pola soidade, un lugar afastado de todo no que canto máis se entra máis só se sente. Como no poema anterior, o poeta segue en terra e de noite. Acode ao bar mariñeiro en procura de algo novo e non atopa máis que sensacións xa coñecidas e repetidas, polo que se sente aínda máis só.
As imaxes, a falta de puntuación, a falta de ritmo, os estranxeirismos, o léxico mariñeiro e culto, os incisos e as siglas son elementos que relacionan o poema co vangardismo. Os restos de rima, o suxeito poético e as imaxes ligadas á realidade relaciónano coa tradición poética.
- Texto completo e explicacións[22]
- Balada do pailebote branco
O poema ten unha estrutura circular como unha canción, comeza e acaba co mesmo: historia do piloto, gavieiro, rapaz. O barco conta (canta) unha historia pero a del non a sabe ninguén.
Comeza cunha ironía, o vento rise das historias dos tripulantes. Segue unha típica historia mariñeira, unha historia fracasada. O poeta busca unha ilusión, unha historia.
Remata co desengano, como se esa historia non existira nunca:
Escoitábamos o vento
ríndose malévolo
debaixo so seu disfraz
Pero a hestoria do pailebote branco
non a sabía o piloto
nin o gavieiro
nin o rapaz
Os restos de rima, o suxeito poético e un certo argumento relacionan o poema coa tradición. A disposición gráfica, a falta de puntuación e o léxico extrapoético e mariñeiro conectan coa vangarda literaria.
- Texto completo e explicacións[23]
- O cartafol do vento
O caderno de notas do vento comeza cun pasado e despois predomina o presente, un presente inmobilizado no que domina o estatismo, non hai posibilidade de fuxir, non hai vento, non hai alento vital.
Non hai referencias temporais que permitan situar este momento, é un presente atemporal e estático porque o vento está perdido e só nos acompañan os voos das gaivotas. O barco perdeu as velas e agárrase ao pasado, ao ronsel.
Remata cunha imaxe humorística, o sol como alguén parado, aparvallado, sen decisión, ollando para as gaivotas, para o barco:
Ca boca aberta
-caille a baba-
está mirándonos o babión do Sol.
Neste poema non hai ambiente nocturno, pero o Sol está parado debido á ausencia de vento e velas.
As imaxes humorísticas, a ausencia de ritmo e puntuación, a disposición gráfica, o léxico técnico e os incisos relacionan o poema cos formas vangardistas; o suxeito poético, os restos de rima e as imaxes ligadas á realidade coa poética tradicional.
- Foi musicado por Maite Dono en Corazón de Brief, 1998.
- Texto completo e explicacións[24]
- Lied ohne Wörte
Expresión alemá que significa canción sen palabras, tamén é o título dunha composición para piano.
É unha noite sen lúa con mestura de tempos: presente, pasado, futuro. Hai un algo de impulso vital: mastro, proa.

Claudio Rodríguez Fer opina que se trata dunha metáfora múltiple, de lecturas diferentes:
- biográfica: problemas nunha travesía marítima
- existencial: desesperanza nunha noite sen luz
- estética: procura dunha nova expresión
- amorosa: lembranza afastada da amada
Remata cun ton sentimental:
Senteime a proa
fumando a miña pipa
Pero outra noite pensarei en ti.
Son trazos vangardistas a disposición gráfica, a ausencia de puntuación e ritmo, o léxico con estranxeirismos e termos mariñeiros, os incisos e as imaxes humorísticas. Están relacionados coa poética máis tradicional o suxeito poético eu-ti e as imaxes ligadas á realidade.
- Foi musicado por Maite Dono en Corazón de Brief, 1998, e por Emilio Cao en Cartas mariñas
- Texto completo e explicacións[25]
- A estrela descoñecida
Diálogo coa estrela que é testemuña apenada dos naufraxios no mar (noutros poemas aparecía o mariñeiro descoñecido, agora a estrela descoñecida). O ambiente é nocturno. Comeza cunha imaxe vangardista moi plástica: a estrela asomada na fiestra do ceo, apoiada nos cóbados e colgando dunha constelación. Continúan as sensacións negativas: nunca, endexamais, para sempre.
Remata coa chegada do día:
A alba nova sorprendeume
cacheando antre os loceiros
unha despedida que se me perdeu.
O suxeito poético eu/nós, que dialoga cun ti —a estrela— e as imaxes ligadas á realidade están relacionados coa poética máis tradicional. A disposición gráfica, a ausencia de puntuación e ritmo, o léxico con termos mariñeiros, os incisos e as imaxes son trazos máis vangardistas.
- Foi musicado por César Morán en Río de son e vento, 1998
- Texto completo e explicacións[26]
- Calma de 6 a 8
Longo poema, dos máis longos, como longa e aburrida é a calma no mar aberto. Comeza aínda con sol, vén o solpor e tamén a noite. O navío (espello do poeta) está atado, parado porque non hai vento e desfaise do seu pasado. Tamén aquí aparece a idea da morte, do suicidio, do naufraxio existencial.
Nos seguintes versos, identificando elementos sen relación lóxica chégase a unha imaxe visionaria, rompedora na que a gaivota pon o peteiro no berro inmortal dos afogados:
Unha gavota ventrílocua
peteirando no urro inmorredoiro
que os afogados deixaron aboiando
Ao final todo segue exactamente igual que ao principio, é como se fose un soño: “as mesmas estrelas aínda están alí”.
A introdución de diálogo, os incisos, a ausencia de puntuación, a disposición gráfica, o léxico extrapoético e mariñeiro conectan a forma do poema coas vangardas. Pola contra, os restos de rima e a anáfora fano coa poesía tradicional.
- Texto completo e explicacións[27]
- Descuberta
É un poema descritivo no que predominan os termos referentes a sensacións visuais. A desorientación é completa, a soidade total. Xa non hai ilusións, imposibilidade total de reacción, de vitalidade.
O sol é un simple e afastado espectador, non se pode coller:
O Sol era un paxaro triste
que se pousaba no penol.
Todo o poema é sombrizo, cunha atmosfera de frustración e saudade, sen capacidade de loitar contra a adversidade. O Mar está fechado como a vida individual, a soidade. O destino é irremediábel, o Sol ( a vida) foxe.
As imaxes ligadas á realidade, a presenza do suxeito poético teñen que ver coa poética tradicional. As imaxes, o léxico mariñeiro específico, a ausencia de puntuación e ritmo, coa poética vangardista.
- Texto completo e explicacións[28]
- Lecer
O lecer é o tempo de descanso. As gaivotas, os barcos, as velas, a lembranza de Vigo (o porto) marcan as imaxes.
Fuma en pipa e o tempo non pasa:
Unha pipa máis
de vagar
deica ver a hora que dá o reloxe
Predomina o estatismo e a quietude total. O lecer é unha pausa da que non se dá saído.
Son trazos máis tradicionais as imaxes ligadas á realidade e o suxeito poético “nós”. Son trazos máis vangardistas a ausencia de rimo e puntuación, as imaxes e o humor (parénteses).
- Texto completo e explicacións[29]
- S.O.S.
Chamada de socorro, non se debe confundir co titulado “Sos”.
Ambiente nocturno: o faro e as estrelas (os únicos elementos visibles pola luz e que están animados) emiten mensaxes de socorro.
Hai algo de vento e o ceo está cheo de luces:
Na man do Mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada
A estrela dos cabarets
cun cigarro nos beizos
pide lume aos catro puntos cardinaes
Pola Galaxia chea de seixos
un astro vello vai co seu farol
A noite tamén é un engano, parece que hai unha ilusión, hai algo de vento, hai luces dos astros; mais coma sempre, estamos perdidos e desorientados.
Siglas, incisos, humor, ausencia de ritmo e puntuación, imaxes atrevidas, léxico mariñeiro e técnico, son os trazos máis vangardistas. Os restos de rima, as imaxes ligadas á realidade e a presenza do “nós” son influencias da poética máis tradicional.
- Poema cantado por Emilio Cao en Sinbad en Galicia
- Texto completo e explicacións[30]
- Ao reverso da noite
É a outra cara da noite (no poema anterior era a media noite). Predomina a ausencia de movemento e negativismo total. Asistimos á chegada do novo día e á fin da travesía.
Comeza cunha imaxe visual, pictórica, as luces astrais reflíctense no mar de noite:
Loceiros degolados
desángranse de ouro no Mar
Tamén a lúa vai deixando o seu rastro, improdutivo, de luz no mar e follea no libro das velas mentres sonea a mareta. O tempo marcado polo reloxo faise obsesivo e está reflectido nas estrelas. No remate xa chegou o novo día: proceso morrer-renacer, a noite e o día.
Son trazos máis vangardistas as imaxes, a falta de ritmo e puntuación, o ton prosaico, o léxico extrapoético e a disposición gráfica. Están máis ligados á poética tradicional a presenza do “nós”, as imaxes ligadas á realidade, a presenza de certo sentimentalismo (bágoas).
- Texto completo e explicacións[31]
- Adeus
No final da travesía o poeta chega a terra, mira para a baía e bota de menos o veleiro. Despídese del, mais o adeus, a despedida xa aparecía en moitos dos poemas do libro.
Á mañá estamos sen o barco e as súas velas. Xa en terra revive as emocións con diferentes imaxes do porto, da terra: o Sol como serea bébeda dos barcos, un resto de fume, os guindastres. A vila (Rianxo?) aparece como salvadora dun fracaso que xa pasou.
Remata o poema e o libro, non hai un regreso definitivo, hai un eterno retorno, unha peregrinación inacabábel, sempre un está a chegar e outro a partir:
alguén que chora dentro de min
por aquel outro eu
que se vai no veleiro
pra sempre
coma un morto
co peso eterno de tódolos adeuses.
- Foi musicado por Emilio Cao en Cartas mariñas
- Texto completo e explicacións[32]
Lingua
[editar | editar a fonte]Manuel Antonio procura unha lingua culta que lle valla para expresar os máis modernos conceptos sen perder toda a súa forza e expresividade. E vai atopar moitas dificultades porque o galego dos anos vinte non tiña moita tradición como lingua culta. Para conseguilo fuxirá do castelán e usará un galego que aínda sendo ás veces pseudogalego non estea castelanizado, de aí o uso abundante de pseudogaleguismos (violeda, desourentaron, conscente, oucéano, meridián, estrangoado, ausenza, espeutadores) e os escasos castelanismos (singladura, maniobra).
Unha característica que marca o léxico deste libro son os termos específicos dos mariñeiros: pailebote, gavieiro, marusía, desarbolada, xerfa, relinga, mareta, penol. Tamén é concorde coa vangarda o emprego de léxico técnico-culto (ventrílocua, sextante, ortodrómicas, exhausto) e de estranxeirismos (leit-motiws, cock-tail, Navy Bar, gaf-tope, stock).
Canto á morfosintaxe, o seu galego é excelente, son moi poucos os castelanismos (o seu viaxe, ronseles) e todos eles moi correntes na fala.
A lingua usada ten trazos da fala de Rianxo e Asados como a 3ª persoa do pretérito perfecto dos verbos da 3ª conxugación “-eu” (asumeu, evadeu, ensumeu). Mais está lonxe do galego falado, non hai restos de gheada nin de seseo[33] e son moi escasos os vulgarismos[34].
A lingua do poemario é coidada e enxebre, depurada de vulgarismos e castelanismos, en consonancia coas ideas de Manuel Antonio sobre a poesía galega; e tamén lonxe da lingua da súa prosa máis artificial e afastada da fala [35].
Edicións
[editar | editar a fonte]
- De catro a catro (1928), Ed. Nós, A Coruña.
- De catro a catro: follas sin data d' un diario d' abordo = De cuatro a cuatro: hojas sin fecha de un diario de abordo (1940), edición Bilingüe de Rafael Dieste, Colección Dorna, Emecé, Buenos Aires.[36].
- Manoel Antonio I: Poesías (1972) (ed. de Domingo García-Sabell), Ed. Galaxia, Vigo.
- De catro a catro / De cuatro a cuatro (1979) (prólogo e trad. de M. González Garcés), Rialp.
- De quatre a quatre (1979) (ed. bilingüe galego-catalá), Ediciones Robrenyo, Barcelona.
- Escolma de Manoel Antonio (1981) (ed. de Anjo G. Guerra e J. Ramón Pena), Follas Novas, Santiago de Compostela, ISBN 84-85385-12-8.
- De catro a catro e outros poemas (1982). Biblioteca Básica da Cultura Galega, Ed. Galaxia, Vigo.
- Manuel Antonio (1982) (ed. de X. Ramón Pena e Anxo González), Ediciones Nós, A Coruña, ISBN 84-7540-004-3
- Antología poética (1983) (ed. bilingüe e tradución de César Antonio Molina, Akal, Madrid).
- De catro a catro e outros textos (1989) (ed. de Román Raña, Biblioteca das Letras Galegas, Xerais, Vigo), ISBN 84-7507-380-8.[37]
- De catro a catro, de Manuel Antonio, guía de lectura (1991) (por Carlos L. Bernárdez). Edicións do Cumio, ISBN 84-87126-46-4.
- De catro a catro I e II (1991), nos 41 e 42 da Biblioteca de Autores Galegos de Diario 16 de Galicia.
- Poesía galega completa (1993) (ed. de X. L. Axeitos), Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, ISBN 84-7824-142-6.
- De catro a catro (1993) (ed. de Helena González Fernández), Sotelo Blanco, ISBN 84-7824-175-2.
- De catro a catro (1998) (ed. de Helena González Fernández), Dombate, Galaxia, Vigo, ISBN 84-8288-205-1.[38]
- De catro a catro. Follas d'un diario d'abordo (2001), facsímile da 1ª ed. publicado polo concello de Rianxo.[39]
- De catro a catro (2002). N.º 17 da Biblioteca Galega 120, La Voz de Galicia. ISBN 84-8288-506-5.
- Obra completa II. Poesía (2014) (ed. de Xosé Luís Axeitos), RAG e Fundación Barrié, ISBN 978-84-9752-111-6.[40]
- De catro a catro (2015) (ed. bilingüe, trad. de Luís Rei Núñez), El Patito Editorial. ISBN 978-84-943213-7-5.[41]
- De catro a catro, manuscrito inédito (2016) (ed. de A. Tarrío), Alvarellos, Santiago de Compostela, ISBN 978-84-16460-13-7
- De quatre a quatre i altres textos (2020). Lleonard Muntaner Ed. Trad. de Joan Puigdefabrega.
- De catro a catro (2022). Limiar de Ismael Ramos. Ed. Xerais de Galicia. 88 páxs. ISBN 9788411102261.
Outras traducións
[editar | editar a fonte]- Ao catalán por Joan Barceló i Cullerés co título de De catro a catro/ De quatre a quatre publicado en 1979 nunha edición bilingüe editada por Edicións Robrenyo; Serie Ara i avui[42].
- Ao éuscaro por Íñigo Arambarri e Koldo Izaguirre Urreaga co título de Lauretatik lauretara publicado en 1992 por Trinxerpe[43].
- Ao inglés por John Burns co título de From four to four publicado en 2001 por Puckerbrush Review[44].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ledo Cabido, Bieito, ed. (1999). "De catro a catro". Enciclopedia Galega Universal 7. Ir Indo. p. 83. ISBN 84-7680-295-1.
- ↑ "Carta de Candeira Hermanos a Sanjurjo Badía (8-IX-1906)" Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine. Real Academia Galega.
- ↑ González Fernández, María Xosefa; Manso Seijas, Carme; Salinas, F. (1992). Manuel António. De catro a catro. Curso de Orientación Universitaria. Baía Edicións. ISBN 84-87674-25-9.
- ↑ L. Bernárdez, Carlos (1991). De catro a catro de Manuel Antonio. Edicións do Cumio. p. [cómpre nº de páxina]. ISBN 84-87126-46-4.
- ↑ "De catro a catro". ogalego.eu. Consultado o 14/11/2017.
- ↑ Carballo Calero, Ricardo (1975). Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. ISBN 84-7154-227-7.
- ↑ Pena, Xosé Ramón (1996). De catro a catro de Manuel Antonio. Ed. Xerais. ISBN 84-8302-059-9.
- ↑ González, Helena (1993). De catro a catro. Manuel António. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-175-2.
- ↑ L. Bernárdez, Carlos; Insua, Emilio X.; Millán Otero, Xosé M.; Rei Romeu, Manuel; Tato Fontaíña, Laura (2001). Literatura galega. Século XX. Baía Edicións. ISBN 84-95350-33-5.
- ↑ Pena 2016, p. [cómpre nº de páxina].
- ↑ Vilavedra 2000, p. 129-130.
- ↑ Saa González, Ignacio (2014/11/10). Constantino Candeira. Porto de Camposancos (Río Miño).
- ↑ Castelao, Manuel (2010). Manoel-Antonio. De catro a catro. Laiovento. ISBN 978-84-8487-183-5.
- ↑ "Intencións".
- ↑ "A fragata vella".
- ↑ "Travesía".
- ↑ "Os cóbados no varandal".
- ↑ "Sos".
- ↑ "Ao afogado".
- ↑ "Garda de 12 a 4".
- ↑ "Recalada".
- ↑ "Navy Bar".
- ↑ "Balada do pailebote branco".
- ↑ "O cartafol do vento".
- ↑ "Lied ohne Wörte".
- ↑ "A estrela descoñecida".
- ↑ "Calma de 6 a 8".
- ↑ "Descuberta".
- ↑ "Lecer".
- ↑ "S.O.S.".
- ↑ "Ao reverso da noite".
- ↑ "Adeus".
- ↑ García Rodríguez 1974, p. 21.
- ↑ González Guerra, Anxo (1981). O idioma galego na poesía de Manuel Antonio. Edicións do Castro. ISBN 84-7492-076-0.
- ↑ González, Anxo; Pena, X. Ramón (1982). Manuel Antonio. Ediciones Nós. ISBN 84-7540-004-3.
- ↑ Portal de datos bibliográficos da Biblioteca Nacional de España
- ↑ De catro a catro e outros textos, Biblioteca das Letras Galegas, Xerais imaxe da portada.
- ↑ De catro a catro (1998) (ed. de Helena González Fernández) en Google Books.
- ↑ De catro a catro na Biblioteca Virtual Galega.
- ↑ Manuel Antonio. Obra completa. II: Poesía Fundación Barrié.
- ↑ De catro a catro ilustrado por Pablo Otero na páxina web de El Patito Editorial, Santiago de Compostela.
- ↑ Ficha Arquivado 18 de abril de 2018 en Wayback Machine. na Biblioteca de tradución galega.
- ↑ Ficha Arquivado 18 de abril de 2018 en Wayback Machine. na Biblioteca de tradución galega.
- ↑ Ficha Arquivado 18 de abril de 2018 en Wayback Machine. na Biblioteca de tradución galega.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "De catro a catro". Diccionario enciclopédico galego universal 20. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 65. ISBN 84-7680-429-6.
- Axeitos Agrelo, Xosé Luís (1993). A poética de Manuel Antonio. Criterio. Edicións do Cumio. ISBN 978-84-87126-67-3. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2020. Consultado o 05 de maio de 2020.
- Castelao, Manuel (2010). Manoel-Antonio. De catro a catro. Ensaio. Laiovento. ISBN 978-84-8487-183-5.
- Fernández Rei, Francisco (1999). Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar de Arousa. RAG. ISBN 84-87987-18-4.
- García López, Xosé Anxo (2007). "La travesía marítima de Manuel Antonio: Notas sobre la traducción de "De catro a catro" realizada por Rafael Dieste". Literatura de viajes y traducción (en castelán). Comares. pp. 175–186. ISBN 978-84-9836-308-1.
- García Rodríguez, M.ª do Carme (1974). "Ausencia de seseo e gheada en «De catro a catro» de Manuel Antonio". Boletín de la Real Academia Gallega (356): 21–23. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2020. Consultado o 01 de maio de 2020.
- March, Kathleen (1979). "As invariantes creacionistas na obra de Manuel Antonio". Grial (Galaxia) (63): 1–17.
- ——— (1980). "Espacialidade e temporalidade na poesía de Manuel Antonio". Grial (Galaxia) (68): 129–143.
- Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da literatura galega. III. De 1916 a 1936. Xerais. ISBN 978-84-9121-107-5.
- Vieira, Patricia (2006). "O Mar como imagem galega e universal em De Catro a Catro de Manoel Antonio". Estudios portugueses: revista de filología portuguesa (en portugués) (6): 171–185. ISSN 1579-6825.
- Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da literatura galega. Obras III. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 129–132. ISBN 84-8288-365-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]![]() |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: De catro a catro |
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: De catro a catro ![]() |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Textos de De catro a catro comentados Ogalego.eu
- De catro a catro na Biblioteca Virtual Galega. UdC e Deputación da Coruña.
- Iglesias, Xabier (25/7/2015). "De catro a catro". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com.
- "O vangardismo: Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro. De catro a catro" Asociación Socio-Pedagóxica Galega.