Saltar ao contido

Cinetoplástidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cinetoplástidos

Trypanosoma cruzi parasitos
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Excavata
Filo: Euglenozoa
Clase: Kinetoplastida
Ordes

Trypanosomatida
Bodonida

Os cinetoplástidos ou Kinetoplastida (Kinetoplastea noutras clasificacións) son un grupo de protozoos flaxelados, nos que se inclúen varias especies parasitas responsables de causar graves enfermidades en humanos e outros animais, pero tamén varias formas que se encontran no chan e ambientes acuáticos. Son membros do filo Euglenozoa e a súa principal característica distintiva é a posesión de cinetoplastos, un gránulo que contén ADN localizado dentro da súa única mitocondria, asociado coa base do flaxelo da célula (o corpo basal).

Os cinetoplástidos foron orixinalmente definidos por Honigberg en 1961 como a orde de flaxelados Kinetoplastida.[1] Divídense trradicionalmente en biflaxelados (Bodonidae) e uniflaxelados (Trypanosomatidae); os primeiros parecen ser parafiléticos dos últimos. O grupo dos tripanosomátidos, é notable porque inclúe varios xéneros que son exclusivamente parasitos, como os tripanosomas causantes da enfermidade do sono. O xénero Bodo é típico dos cinetoplástidos e comprende varias especies de vida libre comúns que se alimentan de bacterias. Outros exemplos importantes son Cryptobia e o parasito Leishmania.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

Os cinetoplástidos posúen os orgánulos normais dos eucariotas, como o núcleo, mitocondrias, aparato de Golgi e flaxelo. Ademais teñen outras estruturas que son características deles como os cinetoplastos, un conxunto de microtúbulos subpelicular e o bastón paraflaxelar.

Cinetoplasto

[editar | editar a fonte]

O cinetoplasto, que lle dá o nome ao grupo, contén o xenoma mitocondrial e é un denso gránulo que contén ADN situado dentro da única mitocondria da célula. A estrutura está formada por unha rede concatenada de moléculas de ADN circular e as súas proteínas estruturais asociadas, xunto con ADN polimerases e ARN polimerases. O cinetoplasto encóntrase na base do flaxelo da célula e está asociado ao corpo basal do flaxelo por unha estrutura citoesquelética que os une.

Citoesqueleto

[editar | editar a fonte]

O citoesqueleto dos cinetoplástidos está constituído principalmente por microtúbulos. Estes forman un conxunto moi regular, chamado conxunto subpelicular, que corre paralelamente á superfice da célula xusto por debaixo dela ao longo do eixe da célula. Outros microtúbulos con funcións máis especializadas, como os chamados microtúbulos da raiciña, tamén están presentes. Os cinetoplástidos poden formar microfilamentos de actina pero o seu papel no cirtoesqueleto non está claro. Outras estruturas citoesqueléticas son a unión especializada que hai entre o flaxelo e o cinetoplasto.

Todos os cinetoplástidos son flaxelados, e as especies da orde Trypanosomatida teñen só un e as da orde Bodonida teñen dous. Nos cinetoplástidos con dous flaxelos a maioría das formas teñen un flaxelo anterior e outro posterior, este último pode ou non estar unido á parte lateral da célula. Os flaxelos utilízanse para a locomoción e a adhesión a superficies. A base dos flaxelos está situada nunha estrutura con forma de peto ou bolsa especializada, que é tamén onde está situado o citostoma.

Ciclo de vida

[editar | editar a fonte]

Os cinetoplástidos poden ser de vida libre ou parasitos. A orde Trypanosomatida inclúe xéneros exclusivamente parasitos. Os tripanosomátidos poden ter ciclos de vida simples cun só hóspede ou complexos, que progresan pasando por múltiples estadios de diferenciación en dous hóspedes. Poden presentarse grandes cambios morfolóxicos entre os sucesivos estadios do ciclo de vida. Entre as doenzas causadas por membros dos tripanosomátidos están a enfermidade do sono e a enfermidade de Chagas, causadas por especies do xénero Trypanosoma, e a leishmaníase, causada por especies do xénero Leishmania.

  1. Honigberg, B. M. (1963). "A contribution to systematics of the non-pigmented flagellates.". En Ludvík, J., Lom, J., Vávra, J. (eds.). Progress in Protozoology: proceedings of the first International Congress on protozoology held at Prague. Academic Press. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]