Christopher Reeve
Christopher D'Olier Reeve,[1] nado en Nova York o 25 de setembro de 1952 e finado en Mount Kisco, Nova York, o 10 de outubro de 2004, foi un actor, guionista e director cinematográfico. A súa sona vénlle por ter interpretado en varias ocasións o papel do heroe de DC Comics Superman, comezando polo aclamado título Superman que lle valeu un BAFTA.
Reeve apareceu noutros filmes aclamados pola crítica como Os bostonianos (1984), Street Smart (1987) e O que queda do día (1993). Recibiu un Premio Screen Actors Guild e un nomemento aos Globos de Ouro pola súa interpretación no remake de televisión Rear Window (1998).
O 27 de maio de 1995, Reeve quedou tetrapléxico despois de caer dun cabalo durante unha competición de equitación en Culpeper, Virxinia. Por mor diso usou unha cadeira de rodas e un ventilador portátil polo resto da súa vida. Fixo activismo polas persoas con lesión da medula espiñal e pola investigación con células nai, creando a Fundación Christopher Reeve e cocreando o Centro de Investigación Reeve-Irvine.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Christopher Reeve era fillo do profesor e escritor Franklin Reeve e da xornalista Barbara Johnson. O matrimonio Reeve separouse cando Chistopher contaba con catro anos. Pasou entón a vivir coa súa nai e o seu irmán Benjamin en Princeton (Nova Jersey). Uns anos despois, Barbara Johnson casou de novo. A pesar diso, ambos irmáns medraron tamén nos ambientes frecuentados polo seu pai. F. D. Reeve, como lle gustaba asinar os seus libros e poemas, era un refinado intelectual que ademais ensinaba literatura rusa na universidade. Robert Frost, Robert Penn Warren e Daniel Patrick Moynihan eran algúns dos amigos do F. D. Reeve que estiveron presentes na infancia e na adolescencia de Christopher.
Christopher Reeve estudou na Universidade de Cornell onde se licenciou en arte. Asemade empezou a traballar como actor. Durante o último curso en Cornell, durante 1974, Reeve e máis Robin Williams (outro estudante de Cornell) foron escollidos para estudar na Juilliard School of Performing Arts, unha famosa e elitista escola de interpretación neoiorquina dirixida polo coñecido John Houseman. Foi a grande oportunidade da súa vida.
Antes de ser Superman/Carl Kent, Reeve actuou en teatro e no serial Love of Life. Con apenas 24 anos seleccionárao, entre numerosos aspirantes, para encarnar o papel de Superman (Richard Donner, 1978) na gran pantalla. Repetiría nos sucesivos filmes da saga. Pero a súa carreira non se limitou a este papel de gran popularidade. De feito, debido seguramente á súa formación clásica, Reeve odiaba personaxe deste tipo. Non deixa de ser irónico que Supermán o fixese famoso no mundo enteiro. Probablemente esa mesma fama provocou que a súa carreira sufrise un pequeno parón. Era difícil que o público aceptase a "Supermán" noutros papeis.
Xa en 1980 progatonizou Algures no tempo que non gozou de éxito. Con todo, hoxe aparece coma unha película aclamada por moitos. Curiosamente, Seymour demostrou o seu agarimo cara a Reeve, bautizando a un dos seus fillos co nome do actor.
Paseniñamente a apreciación do seu traballo foi mudando. En 1984 foi aclamado pola crítica grazas ó seu traballo en Os bostonianos (The Bostonians) onde encarnaba a un avogado do Sur. A súa figura na vida pública tamén ía adquirindo certa autonomía respecto do seu rol de Supermán. Así en 1987 viaxou a Chile, aínda naquelora baixo a ditadura de Agusto Pinochet, para mostrar publicamente o seu alento ós actores e escritores perseguidos polo réxime pinochetista.
Durante os seguintes anos continuou traballando nas secuelas de Supermán. Pero tamén participou en filmes como O que queda do día (1993) polo que recibiu moitos aplausos.
A vida de Christopher Reeve torceuse o 27 de maio de 1995. Sufriu un golpe por mor dunha caída do seu cabalo Eastern Express durante unha carreira hípica en Culperer (Virxinia, Estados Unidos). Quedou paralítico, incapaz de moverse do pescozo para abaixo e xunguido a unha máquina que lle permitía respirar. Pero Reeve sobrepúxose a esta eiva e empeñouse nunha loita persoal contra as súas limitacións físicas. Mesmo fundou unha asociación para apoiar a investigación médica en col da curación das persoas paralíticas: o Chistopher e Dana Reeve Paralysis Resource Center (Dana é a súa esposa), situado en Short Hills (Nova Jersey, Estados Unidos). Dende esta fundación, Reeve mostrouse coma un fervente defensor da investigación con células nai en contra da política do goberno estadounidense.
Grazas a varias operacións e os seus esforzos logrou recuperar parte da súa mobilidade. Pronto reapareceu no cine con papeis onde interpretaba a personaxes tolleitos en cadeira de rodas, destacando un correcto remake de A ventá indiscreta (Rear Window, Alfred Hitchcock, 1959). Pero, sobre todo, as súas aparicións concentráronse nas TV-movies e nas series para TV. Ademais do remake de A ventá indiscreta que protagonizou en 1998, tamén figurou como episódico na serie Smallville, sobre a adolescencia de Supermán na súa vila natal.
Ademais de actor tamén dirixiu e produciu unhas poucas películas. Como director iniciouse despois do seu accidente e levou á televisión In the Gloaming (1997), acerca dun enfermo de SIDA, e The Brooke Ellison Story (2004) nas que non actuou.
Morreu o 10 de outubro de 2004 en Mount Kisco (Nova York) a causa dun ataque ó corazón. Contaba 52 anos.
Filmografía
[editar | editar a fonte]Cinema
[editar | editar a fonte]Ano | Título | Papel | Notas |
---|---|---|---|
1978 | Gray Lady Down | Tenente JG Phillips | |
Superman | Kal-El / Clark Kent / Superman | ||
1980 | Algures no tempo | Richard Collier | |
Superman II | Clark Kent / Superman | ||
1982 | Deathtrap | Clifford Anderson | |
Monsignor | Padre John Flaherty | ||
1983 | Superman III | Clark Kent / Superman / Evil Superman | |
1984 | Os bostonianos | Basil Ransome | |
1985 | The Aviator | Edgar Anscombe | |
1987 | Street Smart | Jonathan Fisher | |
Superman IV: The Quest for Peace | Clark Kent / Superman | Tamén guionista | |
1988 | Switching Channels | Blaine Bingham | |
1992 | Noises Off | Frederick Dallas / Philip Brent | |
1993 | Morning Glory | Will Parker | |
O que queda do día | Congresista Jack Lewis | ||
1994 | Speechless | Bob 'Baghdad' Freed | |
1995 | Village of the Damned | Dr. Alan Chaffee | |
2006 | Everyone's Hero | Director e produtor executivo, estrea póstuma | |
Superman II: The Richard Donner Cut | Kal-El / Clark Kent / Superman | Imaxes de arquivo; estrea póstuma | |
2007 | Christopher Reeve: Hope in Motion | El mesmo | Estrea póstuma |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Roberts, Gary Boyd. New England Historic Genealogical Society, ed. "#77 Royal Descents, Notable Kin, and Printed Sources: An Assortment of Famous Actors". Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2010. Consultado o 3 de maio de 2011.
- ↑ CNN, ed. (11 de outubro de 2004). "Christopher Reeve dies at 52". Atlanta, Xeorxia. Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2004. Consultado o 3 de novembro de 2006.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Christopher Reeve |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Christopher Reeve na IMDb (en inglés).
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- CapedWonder Superman Imagery, created by Jim Bowers.
- Christopher Reeve Homepage
- Reeve, Christopher Nothing is Impossible, Random House, 2004. ISBN 0-345-47073-7
- Reeve, Christopher. Still Me, Random House, 1998. ISBN 0-679-45235-4