Bungarus multicinctus
Bungarus multicinctus | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Distribución de B. multicinctus
|
Bungarus multicinctus é unha especie de serpe elápida moi velenosa que se pode encontrar en gran parte do centro e sur da República Popular Chinesa, Taiwán e zonas do sueste asiático. A especie foi descrita por primeira vez polo científico Edward Blyth en 1861. Esta especie ten dúas subespecies, a nominal, Bungarus multicinctus multicinctus, e Bungarus multicinctus wanghaotingi.[4] Vive principalmente en zonas de marisma e pantanosas, pero tamén se pode encontrar noutros tipos de hábitats.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Ten o mesmo nome binomial que o que se lle puxo na descrición da especie que fixo o zoólogo e farmacéutico Edward Blyth en 1861,[2][5] Bungarus multicinctus. O nome do xénero, Bungarus, é unha latinización da palabra da lingua telugu da India baṅgāru, co que se denominaban alí este tipo de serpes.[6] O nome específico, multicinctus, deriva do latín multi-,derivado de multus, 'moito',[7] e cinctus, participio pasado de cingere, 'rodear en círculo', como formando unha banda,[8] polo que nome completo significa de moitas bandas.[9]
Taxonomía e evolución
[editar | editar a fonte]As Bungarus pertencen á familia Elapidae. O xénero é endémico do continente asiático. Son morfoloxicamente moi semellantes, formando unha unidade moi cohesionada. O xénero ten 12 ou 13 especies, que son morfoloxicamente distintas do xénero Naja e dos afro-elápidos segundo McDowell (1987). McDowell afirmou que "a diversidade de especies maior está en África, pero as Bungarus e Ophiophagus asiáticas son tan peculiares en anatomía que isto suxire unha diverxencia antiga".[10] Outros, incluíndo Slowinski, crían que as Bungarus, forman parte dun clado que se agrupa cun grupo no que están incluídas a cobra real (Ophiophagus hannah) e sorprendentemente as mambas africanas (Dendroaspis) na árbore filoxenética máis parsimoniosa ou ben con Elapsoidea na árbore de máxima verosimilitude. Este resultado pon en cuestión a monofilia das naias e subliña a incerteza de que haxa homoloxía no comportamento de despregar as costelas na zona do pescozo das naias e mambas. As relacións de Dendroaspis, Ophiophagus e Bungarus difiren entre as análises de parsimonia e verosimilitude, o que indica que cómpren máis traballos para resolver as relacións deste taxon tan problemático.[11] Os descubrimentos de McDowell en canto ao grupo irmán de Bungarus e a familia das serpes mariñas (Hydrophiinae), propón que as Bungarus poderían ser un clado permutable entre os elápidos "erectores palatinos" e os hydrophiinae "arrastradores palatinos". Dous xéneros en particular dentro da subfamilia Hydrophiinae, apoian a hipótese de McDowell. Eses dous xéneros son Salomonelaps e Loveridgelaps debido a moitas características compartidas.[12] Mao et al. (1983) mostraron que esta especie, Bungarus multicinctus, era lixeiramente distinta dos outros membros do seu xénero e era inmunoloxicamente máis similar a Laticauda, que son elápidos terestres australianos, e ás verdadeiras serpes mariñas que a Elapsoidea sundevalli, Naja naja ou dúas especies de Micrurus (serpes de coral americanas).[13] Minton (1981), Schwaner et al. e Cadle & Gorman (1981) suxeriron ideas similares ás de Mao et al. (1983) baseándose en datos inmunolóxicos. A especie Bungarus multicinctus era máis similar aos elápidos australianos Laticauda e ás verdadeiras serpes mariñas do que o era aos numerosos elápidos cos que foi comparada.[14]
Descrición
[editar | editar a fonte]B. multicinctus é unha serpe de tamaño medio a grande, como media dunha lonxitude de 1 a 1,5 m, con loxitudes máximas de 1,85 m. O seu corpo é máis delgado e moderadamente comprimido. As escamas desta especie son lisas e brillantes, cunha clara crista vertebral. A cor da serpe é de negra a azul escura-negra con aproximadamente de 21 a 30 bandas transversais brancas ou cor crema ao longo de toda a súa lonxitude pola parte superior. Os exemplares maiores que a media teñen máis bandas. A cola é curta e bicuda e tamén é negra con bandas transversais brancas alternadas en número de 7 a 11. A barriga é xeralmente branca, pero pode ser de cor branca crúa ou crema.[15] A cabeza é principalmente negra, é ancha e de forma oval, pero plana e pouco diferenciada do corpo. Os ollos son pequenos e negros. As pupilas son tamén negras, polo que é difícil diferencialas do resto dos ollos. Ten grandes orificios nasais. Os cairos son pequenos, fixados e localizados na parte anterior da mandíbula superior. Os xoves desta especie xeralmente teñen manchas abrancazadas no lado inferior da cabeza.[16][17]
Escamas
[editar | editar a fonte]As escamas dorsais están dispostas en 15 ringleiras; as escamas ventrais son 200–231 nos machos, 198–227 nas femias; cola curta e apuntada; escamas subcaudais únicas (non divididas), 43–54 delas en machos, 37–55 en femias.[17]
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]Esta especie encóntrase en Taiwán (incluíndo os arquipélagos de Matsu e Kinmen), nas rexións centrals e meridionais da República Popular Chinesa (nas provincias de Hainan, Anhui, Sichuan, Guangdong, Guangxi, Hunan, Hubei, Yunnan, Guizhou, Jiangxi, Zhejiang, e Fujian e na zona especial de Hong Kong), Myanmar, Laos, e norte de Vietnam.[15] Pode encontrarse tamén en Tailandia.[16]
Aínda que pode encontrarse en alturas duns 1500 m,[1] é moito máis común atopalas en áreas baixas húmidas e o máis habitual é observalas en zonas subtropicais, e nas rexións de marisma ou pantanosas da súa área de distribución.[16] Tamén se encontra frecuentemente en zonas de mato, bosques, campos agrícolas e mangleirais, a miúdo preto da auga, como en ríos, regatos, campos de arroz e canles. Pode tamén encontrarse ás veces en aldeas e áreas suburbanas.[15] Pode sobrevivir noutros hábitats tamén.[1]
Comportamento e alimentación
[editar | editar a fonte]É unha serpe nocturna e pode ter un comportamento máis defensivo pola noite. Porén, é unha especie tímida e plácida. Polo día agóchase baixo pedras ou en buratos. Aparece desde abril e retírase para hibernar en novembro. É considerada máis defensiva que a Bungarus fasciatus da India, e enróscase e dá moitas voltas se é collida coas mans.[15]
A diferenza doutras especies de Bungarus, que se alimentan principalmente doutras serpes, a B. multicinctus normalmente come peixes,[18] pero tamén depreda noutras especies de serpes, incluíndo membros da súa propia especie. Esta especie tamén se alimenta de roedores, anguías, ras, e ocasionalmente lagartos.[16]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Hai unha información limitada sobre os seus hábitos reprodutores. Como moitos elápidos, é unha especie ovípara. O apareamento ten lugar entre os meses de agosto e setembro. As femias xeralmente depositan de 3 a 15 ovos, aínda que poden chegar a poñer ata 20 ovos. Os ovos son depositados a finais de primavera ou inicios do verán, xeralmente no mes de xuño. Os ovos normalmente fan eclosión mes e medio despois. As crías saídas do ovo miden uns 25 cm de lonxitude.[15]
Veleno e toxinas
[editar | editar a fonte]O veleno de B. multicinctus consta de varias neurotoxinas pre- e postsinápticas, chamadas bungarotoxinas (α-bungarotoxinas e β-bungarotoxinas, entre outras). En peso, case a metade do contido proteico do veleno está composto de β-bungarotoxinas.[19]
A cantidade de veleno que inxectan por trabada os espécimes das granxas de serpes é duns 4,6 mg—19,4 mg.[15] O veleno é moi tóxico con valores de LD50 de 0,09 mg/kg[15] a 0,108 mg/kg[20][21] por vía subcutánea, 0,113 mg/kg por vía intravenosa e 0,08 mg/kg por vía intraperitoneal en ratos.[20][21] Baseado en varios estudos de LD50, esta especie está entre as serpes terrestres máis velenosas do mundo.[21]
A α-bungarotoxina é importante en estudos de histoloxía neuromuscular, porque pode unirse irreversiblemente a receptores da unión neuromuscular e pode ser etiquetada con proteínas fluorescentes como a proteína fluorescente verde ou a tinguidura rodamina tetrametilrodamina isotiocianato.[22]
Síntomas clínicos
[editar | editar a fonte]Os síntomas locais das vítimas mordidas por esta serpe normalmente non son nin un inchamento grave nin a dor, senón que as vítimas simplemente senten proídos lixeiros e adormecemento. Os síntomas sistémicos aparecen, en xeral, dunha a seis horas despois da trabada. Os síntomas poden ser ptose palpebral bilateral (péchanse as pálpebras), diplopía (visión dobre), malestar no peito, dor xeral, debilidade nos membros, ataxia, glosolise, perda da voz, disfaxia, visión de túnel e dificultade para respirar. En caso dunha mordida grave, pode producirse a suspensión da respiración con resultado de morte.[15] Tamén se pode producir hiponatremia, pero é menos común.[23]
As taxas de mortalidade estimadas asociadas en trabadas non tratadas desta especie varían segundo os estudos entre 25-35%[16] ata 70–100%.[24] Durante a guerra do Vietnam, os soldados americanos denominaban os espécimes desta especie "Charlies de dous pasos", na errada crenza de que o seu veleno era tan letal como para matar unha persoa despois de dar só dous pasos.[25]
A especie suscitou atención mundial cando un individuo xove mordeu e matou o herpetólogo Joe Slowinski o 11 de setembro de 2001 en Myanmar, o cal morreu 29 horas despois de ser mordido.[25]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Ji, X.; Rao, D.-q. & Wang, Y. (2012). Bungarus multicinctus 2012. p. e.T191957A2020937. doi:10.2305/IUCN.UK.2012-1.RLTS.T191957A2020937.en.
- ↑ 2,0 2,1 Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Bungarus' (TSN 700207)" (en inglés).
- ↑ Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Bungarus multicinctus' (TSN 700463)" (en inglés).
- ↑ Sistema Integrado de Información Taxonómica. "'Bungarus multicinctus' (TSN 700463)" (en inglés).
- ↑ Blyth, E. (1860). "Proceedings of the Society. Report of the Curator.". The Journal of the Asiatic Society of Bengal 29 (1): 98. Consultado o 4 January 2014.
- ↑ "Bungarum". Unabridged Dictionary. Merriam-Webster. Consultado o 13 July 2014.
- ↑ Harper, D. "multi-". The American Heritage Dictionary. Chester County Historical Society. Consultado o 5 January 2014.
- ↑ Harper, D. "Cincture". Online Etymology Dictionary. Chester County Historical Society. Consultado o 5 January 2014.
- ↑ "Krait - Bungarus". The American Heritage Dictionary. Houghton Mifflin Harcourt Publishing Company. Consultado o 5 January 2014.
- ↑ McDowell, SB (1987). Siegel. RA; Collins J; Novak SS, eds. Snakes: Ecology and Evolutionary Biology. Toronto: Canada Macmillan Canada, Inc. pp. 3–50. ISBN 978-1-930665-15-6.
- ↑ Slowinski, JB; Knight, A; Rooney, AP (December 1997). "Inferring species trees from gene trees: A phylogenetic analysis of the Elapidae (Serpentes) based on the amino acid sequences of venom proteins". Molecular Phylogenetics and Evolution 8 (3): 349–62. PMID 9417893. doi:10.1006/mpev.1997.0434.
- ↑ McDowell, SB (August 1970). "On the status and relationships of the Solomon Island elapid snakes". Journal of Zoology 161 (2): 145–190. doi:10.1111/j.1469-7998.1970.tb02032.x.
- ↑ Mao, SH; Chen BY; Yin FY; Guo YW (1983). "Immunotaxonomic relationships of sea snakes to terrestrial elapids". Comparative Biochemistry and Physiology A 74 (4): 869–872. doi:10.1016/0300-9629(83)90360-2.
- ↑ Cadle, JE.; Gorman, GC. (31 July 1981). "Albumin Immunological Evidence and the Relationships of Sea Snakes". Journal of Herpetology 15 (3): 329–334. JSTOR 1563437. doi:10.2307/1563437.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 15,7 Gopalkrishnakone ; Chou, P; LM (1996). Snakes of Medical Importance (Asia-Pacific Region). Singapore: National University of Singapore. ISBN 978-9971-62-217-6.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 "Bungarus multicinctus". Clinical Resource Toxinology. University of Adelaide. Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2016. Consultado o 6 January 2014.
- ↑ 17,0 17,1 Pope, CH. (1935). The reptiles of China : turtles, crocodilians, snakes, lizards. New York: American Museum of Natural History. p. 335. LCCN 35008277.
- ↑ Greene, WH. (2000). Snakes: The Evolution of Mystery in Nature. University of California Press. p. 221. ISBN 978-0-520-22487-2.
- ↑ Ziganshin, RH; Kovalchuk, SI; Arapidi, GP; Starkov, VG; Hoang, AN; et al. (December 2015). "Quantitative proteomic analysis of Vietnamese krait venoms: Neurotoxins are the major components in Bungarus multicinctus and phospholipases A2 in Bungarus fasciatus". Toxicon 107 (Part B): 197–209. PMID 26341420. doi:10.1016/j.toxicon.2015.08.026.
- ↑ 20,0 20,1 Fry, BG. "LD50 menu (Archived)". Arquivado dende o orixinal o 13 de abril de 2012. Consultado o 26 de decembro de 2019.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 Séan T. & Eugene G. – Dec 1999. "LD50 (Archived)". Arquivado dende o orixinal o 2012-02-01.
- ↑ Anderson, MJ; Cohen, MW (March 1974). "Fluorescent staining of acetylcholine receptors in vertebrate skeletal muscle.". The Journal of Physiology 237 (2): 385–400. PMC 1350889. PMID 4133039. doi:10.1113/jphysiol.1974.sp010487.
- ↑ Hung, HT; Höjer, J; Du, NT (May 2009). "Clinical features of 60 consecutive ICU-treated patients envenomed by Bungarus multicinctus.". Southeast Asian J Trop Med Public Health 40 (3): 518–24. PMID 19842438.
- ↑ White; Meier, J;J (1995). Handbook of clinical toxicology of animal venoms and poisons. CRC Press. pp. 493–588. ISBN 978-0-8493-4489-3.
- ↑ 25,0 25,1 James, J. (2008). The Snake Charmer: A Life and Death in Pursuit of Knowledge. Hyperion. ISBN 978-1-4013-0995-4.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Bungarus multicinctus |