Saltar ao contido

Asemblea Xeral de Iowa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Asemblea Xeral de Iowa
Tipoparlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo
SedeCapitólio do Estado de Iowa
PaísEstados Unidos de América
Na rede
https://www.legis.iowa.gov e http://www.legis.state.ia.us
editar datos en Wikidata ]
Capitolio de Iowa, sede da Asemblea Xeral en Des Moines

A Asemblea Xeral de Iowa (en inglés, Iowa General Assembly) é o parlamento do estado de Iowa nos Estados Unidos. As súas facultades están determinadas polo artigo 3º da Constitución de Iowa de 1857, que tamén establece a súa división entre unha cámara de representantes e o senado. A súa sede está no Capitolio Estatal de Iowa, en Des Moines.

Composición

[editar | editar a fonte]

A Constitución de Iowa recoñece a separación de poderes e confire o lexislativo á Asemblea Xeral. As súas facultades veñen determinadas polo artigo 3º da carta magna que tamén establece a súa organización:[1]

  • Senado: está conformado por 50 senadores que son elixidos por catro anos de mandato.
  • Cámara de Representantes: o cento de deputados que a compoñen teñen mandatos bianuais.

Os lexisladores son electos por distritos uninomais e deben ter a nacionalidade estadounidense, levar un ano morando no estado así coma levar 60 días residindo na circunscrición pola que se presenta. Existen requisitos de idade, os senadores deben ter, polo menos 25 anos, e os representantes 21. Non hai límites de mandatos para os lexisladores.

Proceso lexislativo

[editar | editar a fonte]
Selo de Iowa

A principal facultade da Asemblea Xeral de Iowa é a de elaborar, debater e aprobar as leis do estado. Un lexislador, sexa senador ou representante, pode iniciar o proceso mediante a elaboración dunha proposta. Antes de rexistrala na cámara á cal pertenza, debe redactala coa axuda da Axencia de Servizos Lexislativos da Asemblea Xeral para garantir que conta cos requisitos técnicos precisos. Logo, rexístrase e a presidencia da cámara á que pertence asgínaa a ao comité correspondente pola súa temática. Nesa fase, un subcomité, normalmente de tres membros, estuda e valora a proposta e presenta as súas conclusións ao comité. Posteriormente o comité presenta un informe á cámara no que pode solicitar a consideración da proposta por parte do plenario, a aceptala con emendas ou pospoñer o trámite indefinidamente. Se a proposta chega ao pleno da cámara, os lexisladores debátena, introducen as emendas e votan a súa aprobación ou non. No caso de ser aprobada, envíase á restante cámara, onde o proxecto seguirá o mesmo procedemento, podendo ser modificada. En tal caso, unha vez rematada o proceso na segunda cámara, volverá a ser votada na cámara orixinal. Se a cámara orixinal rexeita as mudanzas, constitúese un comité conxunto con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado.[2]

O Gobernador de Iowa pode vetar as leis aprobadas pola Asemblea Xeral, pero esta ten a posibilidade de revogar o veto se así votan dos terzos de ambas as dúas cámaras. As leis elaboradas pola Asemblea Xeral son complicadas na publicación Acts of the General Assembly (en galego, Leis da Asemblea Xeral) editada tras cada lexislatura.

  1. "The Constitution of the State of Iowa". publications.iowa.gov. Consultado o 2022-08-28. 
  2. "How a bill becomes a law" (PDF). The Iowa Legislature. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]