Saltar ao contido

Ariete

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Réplica de ariete no castelo dos Baux, Francia.

Un ariete é unha arma de asedio orixinada en épocas antigas, empregada para romper as portas ou as paredes fortificadas. Na súa forma máis simple, un ariete é tan só un tronco grande e pesado, cargado por varias persoas e impulsado con forza contra un obstáculo. O ímpeto do ariete é suficiente para danar o obxectivo. Ás veces levaba incorporada ao tronco a cabeza dun carneiro para aproveitar a súa cornamenta enroscada, o que lle deu o nome (do latín aries, "carneiro").

Ariete moderno

Nos deseños máis sofisticados, os arietes eran impulsados cunha tirafonda e soportados con cordas ou con cadeas dentro dun marco rodante, de xeito que podían ser moito máis grandes e tamén podían pivotarse de forma máis sinxela en contra do seu albo. Nalgunhas ocasións, a punta do ariete ía reforzada cunha cabeza de metal, e as partes vulnerables do ariete reforzábanse con bandas metálicas. Moitos arietes tamén contaban con cubertas protectoras e paredes laterais reforzadas con coiro ou con outros materiais para previr que o ariete fose atacado con lume.

Algúns arietes non eran propulsados con cordas ou cadeas, senón que no seu lugar se apoiaban sobre vigas. Isto daba aos arietes un percorrido moito maior, de xeito que puidesen acadar unha maior velocidade antes de golpear o seu obxectivo, e polo tanto que fosen máis destrutivos. Este tipo de ariete foi usado por Alexandre o Grande e descrito por Marco Vitruvio.

Nos castelos, os defensores trataban de previr os ataques dos arietes lanzando obstáculos fronte a estes, momentos antes de que golpeasen a parede, mediante cordas con ganchos que inmobilizasen o tronco, incendiando o ariete ou saíndo por sorpresa para atacalo.

As variacións do ariete inclúen a barrena, o rato e o arpón de sitio. Estes eran máis pequenos que un ariete tradicional e podían empregarse en espazos máis limitados.

Os arietes continuaron a empregarse en épocas modernas para diversas actividades, algunhas veces montados sobre vehículos. Os equipos SWAT adoitan usar arietes metálicos de dous mangos para abrir as portas trabadas.

Ariete asirio.

A representación máis antiga dun posible ariete aparece na tumba do nobre Khety, da XI Dinastía, onde unha parella de soldados avanza cara a unha fortaleza baixo a protección dunhas estrutura móbil cuberta, levando unha longa barra que pode representar un ariete sinxelo.[1]

O ariete cuberto, máquina desenvolvida no Oriente Próximo durante as campañas do segundo Imperio Asirio, foi o sistema máis empregado para bater os muros dunha cidade. Existiron varios modelos, segundo mostran os relevos dos palacios de Teglatfalasar III en que se representa un ariete de dobre punta actuando baixo a protección de porteiros, e Senaquerib, en que un ariete móbil actúa contra torres e murallas.

Diodoro Sículo[2] indica que o ariete se empregou por primeira vez en Grecia durante o asedio de Samos polos atenienses o ano 440 a.C., sendo o seu inventor Artemon de Clazómenas, enxeñeiro ao servizo de Pericles.[3] Porén, diversas fontes describen en cronoloxías anteriores o emprego de armazóns de madeira para aproximarse ás fortificacións, como no sitio de Elis.[4]

O ariete, protexido por un mantelete ou por unha cuberta reforzada con peles para aumentar o seu espesor ou impedir a expansión de líquidos inflamables, e sobre o que se vertía auga para impedir a combustión, era unha estrutura de balancín, dotada ou non de rodas, que podía golpear repetidamente un punto do muro ata conseguir romper a súa estabilidade.

O exército cartaxinés empregou con profusión os arietes contra Sagunt, conseguindo, segundo os escritores clásicos[5] derrubar boa parte dos muros xa dende os primeiros momentos do asedio, sen conseguir, no entanto, que estes éxitos se visen coroados coa conquista da cidade.

Ao mesmo tempo que os cartaxineses introducían o ariete no Mediterráneo central, desenvolvéronse as técnicas para dificultar o seu emprego e a expugnación dos muros por afundimento.[6] Eneas o Táctico describiu diversos sistemas destinados a impedir que os arietes golpeasen contra os muros,[7] procedementos que non eran, con todo, orixinarios de Grecia, posto que xa estaban representados nos relevos da cidade asiria de Nimrud correspondentes ao reinado de Senaquerib (883-859 a.C.).

Estas técnicas non aparecen reflectidas nas fontes clásicas relativas á Península Ibérica, aínda que si que están as medidas que deben tomarse para paliar o afundimento dunha parte das fortificacións. Por iso, e dado que ambas son complementarias, pode afirmarse tamén que eran coñecidas polos guerreiros iberos as formas de enfrontarse aos arietes dende o alto das murallas.

No momento en que unha sección do muro caía, a acumulación de material de construción que ocupaba o lugar continuaba servindo como base para a defensa da cidade,[8] aínda que o mellor sistema para contrarrestar os danos causados polos arietes era a construción dun novo muro no interior da praza asediada que substituíse o anterior. Esta solución foi a adoptada polos defensores de Sagunto cando as armas de asedio púnicas conseguiron romper o perímetro defensivo da cidade, superando así os danos e prolongando a resistencia.[9] A aplicación dos preceptos de Eneas o Táctico sobre a construción de muros interiores tivo un excelente exemplo no asedio de Platea polos lacedemonios.[10]

  1. "Siege warfare in ancient Egypt". Tour Egypt. Consultado o 23 de maio de 2020. ...we find a pair of Middle Kingdom soldiers advancing towards a fortress under the protection of a mobile roofed structure. They carry a long pole that was perhaps an early battering ram. [Ligazón morta]
  2. Diodoro Sículo, Biblioteca histórica, XII, 28.
  3. Plutarco, Vida de Pericles, XXVII, 3
  4. Xenofonte, Helénicas, III, 1, 7
  5. Tito Livio, Historia de Roma desde su fundación, XXI, 7-8
  6. Marco Vitruvio chegou a afirmar, incorrectamente, que o ariete era unha invención cartaxinesa. De Architectura, X, 13, 1.
  7. Eneas o Táctico, Poliorcética, XXXII, 3-5.
  8. Silio Itálico, Púnica, I, 372-374.
  9. Tito Livio, Historia de Roma desde su fundación, XXII, 11
  10. Tucídides, Historia da Guerra do Peloponeso, II, 86, 3-4.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]