Anna Keichline
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de maio de 1889 Bellefonte, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 5 de febreiro de 1943 (53 anos) |
Educación | Cornell University College of Architecture, Art, and Planning (en) |
Actividade | |
Ocupación | arquitecta, inventora |
Anna Wagner Keichline, nada en Bellefonte (Pensilvania) , o 24 de maio de 1889 e finada en 1943, foi unha arquitecta e inventora estadounidense, coñecida por ser a primeira muller rexistrada como arquitecta en Pensilvania e por inventar o «K brick».
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Con catorce anos xa gañou un premio polo deseño dunha mesa de naipes en madeira de carballo e un baúl en nogueira.[1] Graduouse en 1906 na Bellefonte High School, e estudou Enxeñaría Mecánica en Pennsylvania State College. Un ano máis tarde ingresou na Universidade Cornell para estudar arquitectura. En 1911 converteuse na quinta muller que conseguía o título de arquitectura en Cornell.[2]
No ano 1912 patentou o seu primeiro deseño: a combinación dunha pica cun escurridor pregable. O mesmo ano fixo o proxecto arquitectónico dun Centro Escolar en Milesburg. En 1915 deseñou a Igrexa Presbiteriana Bald Eagle & Nittany Valley, en Mill Hall. Catro anos máis tarde fixo os proxectos do Garaxe e os Apartamentos Cadillac en Bellefonte e a casa G. Biblia. En 1919, o Estado de Pensilvania estableceu uns exames de arquitectura para regular o exercicio da profesión e en 1920, Anna foi a primeira muller en superar estes exames.
En 1924 patentou os detalles construtivos dunha cociña onde introduciu elementos que axudaban a manter a orde, a limpeza e a seguridade dos usuarios: mostradores inclinados, armarios con portas de vidro, etc. En 1925 a arquitecta deseña o Teatro Praza en Bellefonte. En 1927 deseña o Club de Campo The Juniata e patenta outra das súas invencións relacionadas coa integración das actividades dos nenos na vida dos adultos: un biombo portable e pregable, que converte calquera parede ou recuncho nunha área de xogos. O mesmo ano, obtén a patente dun novo material de construción, coñecido como «K-brick»: Un ladrillo máis económico e lixeiro que o tradicional de arxila, e con propiedades térmicas, acústicas e ignífugas superiores. En 1929 e en 1931 patenta dous novos inventos: unha cama pregable e un sistema de circulación de aire comprimido para auga quente e calefacción. Entre 1931 e 1940 deseña numerosas residencias e apartamentos, ata que comeza a ter problemas de saúde e morre en febreiro de 1943.[1]
En 1913 Anna Wagner Keichline liderou a marcha de sufraxistas en Bellefonte. Durante a primeira guerra mundial, en 1918, ofreceuse voluntaria, e foi aceptada como Axente Especial da División Militar de Intelixencia en Washington DC, para tarefas de investigación e preparación de informes, até o final da guerra.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Un día. Una arquitecta, ed. (6 de abril de 2015). "Anna Wagner Keichline 1889–1943". Consultado o 4 de marzo de 2017.
- ↑ Latorre Casellas, Maria Lluïsa (2011). Dones invisibles: 50 retrats de dones que han canviat la historia sense que la història ho reconegui (en catalán). Barcelona: Viena. p. 237.
- ↑ Universitat Rovira i Virgili (ed.). "Anna Keichline" (en catalán). Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 4 de marzo de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Uve, Sandra (2018). Supermujeres, superinventoras: Ideas brillantes que transformaron nuestra vida. Madrid: Planeta S.A. ISBN 978-84-16890-97-2.