Saltar ao contido

Anittas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Anittas, fillo de Pithanas, foi un rei semilexendario dos hititas en Kusar (Kuššar) ou Kushara (Kuššara), unha cidade que aínda non foi identificada. Tiña o título de rei de Kusar e despois de grande rubaum. O seu rabi simmiltim (xefe da corte) foi Peruwa-kammaliya, que aparece tamén mencionado simplemente como Peruwa pero que seguramente eran a mesma persoa, e foi probabelmente o seu fillo e sucesor. Foi contemporáneo de Samsiadad I de Asiria (sobre -1800).

Anittas reinou a finais do século -XVIII e crese que foi ascendente de Hattusilis I, o primeiro gran rei hitita de Hattusa, no chamado texto Anittas (CTH 1.A, editado en StBoT 18, 1974)[1][Ligazón morta], o texto máis antigo coñecido da lingua hitita ao mesmo tempo que o texto indoeuropeo máis antigo coñecido. O texto alenta a especulación de que tanto Anittas como Pithanas, eran de orixe hatti e ofrece unha lista de cidades saqueadas por Pithanas, e detalla os seus feitos. No seu tempo os indoeuropeos aínda se estaban establecendo na rexión e un nativo, Piyusti de Kanis, apoderouse de Nesa ou Neša (hitita Hattusa).

No seu primeiro ano como rei atacou Hattusa ou Hattuša (probabelmente para reconquistar a cidade ocupada polos hatti nativos, diferentes dos hititas indoeuropeos) que estaba agora gobernada por Piyusti de Kanish pero se ben gañou a batalla, non foi suficiente para acabar con Piyusti. Naquel momento a cidade non se chamaba Hattuša senón que o seu nome era Nesa (Neša) e é a moderna Bogazköy (agora Bogazkale).

O segundo ano chegou na costa do mar Negro (Zalpuwa). Refuxiados os restos dos inimigos en Hattusas, Anittas preferiu cortar as liñas de abastecemento da cidade e rendela por fame. Logo de informarse por espías que xa non quedaban guerreiros en Hattusas que puidesen empuñar as armas, tomouna de noite. Como mostra do seu poderío, Anittas encheu a cidade de maldicións sagradas, e sementouna con zahheli, unha planta espiñenta. As riquezas que Anittas saqueou en Hattusas servíronlle para construírse un gran palacio en Nesa. Ao mesmo tempo, foi o primeiro monarca hitita en tomar o título de Gran Rei.

Despois volveu a atacar a Piyušti e librou unha segunda batalla na cidade de Šalampa, na que triunfou; Piyusti retirouse e fortificou Hattuša, que Anittas cercou; na cidade comezou a fame e, xa debilitada, Anittas tomouna unha noite por asalto e destruíuna. Anittas impuxo un anatema "o que despois de min for rei e restaurar Hattuša que o deus das tormentas e do ceo o vote fóra". A lingua nativa (o "hatili") seguiuse usando pero a lingua da clase dirixente foi o hitita. Kanish ou Kanis aparece pouco despois baixo o rei Zuzzu.

Tamén conquistou Zalpa e Purushanda. O rei desta última foi á corte de Anittas pero a súa posición non deixaba lugar a dúbidas en canto a que el estaba sometido, como o mesmo Anittas explica no texto mencionado.

Talvez o sucedeu o seu fillo Peruwa ou Peruwa-kammaliya que era o seu rabi simmiltim en vida do rei, pero non está acreditado que chegase a ser rei, xa que das inscricións encontradas, en ningunha porta o título real.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]