Ale
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Suecia | ||||
Condado | condado de Västra Götaland | ||||
Capital | Nödinge-Nol (pt) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 32.528 (2024) (97,94 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 332,12 km² | ||||
Altitude | 103 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 1 de xaneiro de 1974 | ||||
Organización política | |||||
• Chairman of the municipal board in Ale municipality (en) | Evald Malm (en) (1978–1987) Paula Örn (pt) (2014–2018) | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Sitio web | ale.se | ||||
Ale é un concello sueco (s. kommun) do condado de Västra Götaland.[1] O municipio cobre a meirande parte do anterior härad de Ale e recibe o seu nome deste. A súa capital é a área urbana de Nödinge-Nol. A casa do concello atópase en Alafors, nos casais máis ao norte de Nol, pero boa parte das oficinas do concello leváronas a Nödinge.[2][3]
O municipio está incluído na área metropolitana de Gotemburgo (Storgöteborg).[4]
A meirande parte da poboación vive nas seis comunidades parcialmente fusionadas de Surte, Bohus, Nödinge, Nol, Alafors e Älvängen.
Administración histórica
[editar | editar a fonte]A área do municipio correspóndese ás antigas parroquias (socken) de Hålanda, Kilanda, Nödinge, Skepplanda e Starrkärr. Coa reforma municipal de 1862 formáronse nesas parroquias municipios rurais (landskommun) co nome correspondente.
Coa reforma municipal de 1952 formáronse tres grandes concellos: Skepplanda (a partir dos anteriores Hålanda e Skepplanda) e Starrkärr (a partir de Kilanda e Starrkärr), mentres que o municipio rural de Nödinge permanecía sen cambios.
Ao cabo, o concello de Ale naceu en 1974 tras a reforma municipal de 1971 aos unírense os antigos municipios de Nödinge, Starrkärrs e Skepplanda.[5] Dende a súa formación o concello forma parte do partido xudicial de Alingsås.[6]
O municipio leva o nome do härad de Ale, que ademais das parroquias de Ale incluía tamén as de Sankt Peder e Ale-Skövde do concello de Lilla Edet, e a de Östads no concello de Lerum.
Ale pertenceu ao condado de Älvsborg ata que este deapareceu para incorporarse ao de Västra Götaland o 1 de xaneiro de 1998.
Xeografía
[editar | editar a fonte]O municipio está situado na parte occidental da rexión tradicional (landskap) de Gotia Occidental, e faille de estrema o río Göta polo oeste. Ale limita co concello de Gotemburgo no sur, cos de Lerum e Alingsås no leste, cos de Trollhättan e Lilla Edet no norte, e co concello de Kungälv ao oeste, na outra ribeira xa do río Göta. Unha pequena parte do concello de Ale, a situada máis ao sur, entre as vilas de Bohus e Surte, atopábase na rexión tradicional do condado de Bohus.
Poboamentos e relevo
[editar | editar a fonte]A parte densamente poboada do concello, onde tamén se concentran as industrias, é a que se estende ao longo da ribeira do río Göta, no oeste e sur do concello. É a zona máis próxima a Gotemburgo. Tamén por esa zona pasan a estrada europea E45 e o camiño de ferro chamado liña Noruega-Vänern, que vai cara a Gotemburgo no sur, e cara a Oslo e o norte de Suecia na dirección contraria. No leste e o norte do concello hai áreas agrícolas, e están as aldeas de Starrkärr, Ryd, Kilanda e Hålanda.
O concello ten vastas e escasamente poboadas áreas naturais en Vättlefjäll, Alefjäll e Risveden. Risveden é unha ampla área (20 000 ha.) en mancomún de grande valor natural, histórico e cultural, que se estende por varios concellos. É a área forestal máis grande do oeste de Suecia, e en sentido amplo vai dende o val do Göta ata os lagos Mjörn e Anten no leste, que se atopan nos concellos de Lerum e Alingsås, respectivamente. Vättlefjäll e Alefjäll (de fjäll, que en sueco significa monte ou aba costenta), son áreas naturais que se estenden polo sur e leste do concello, en boa parte protexidas.
O relevo é chan. O punto máis alto de Ale atópase ao norte da lagoa Högsjön, na parte máis setentrional do concello (196 m sobre o nivel do mar).
Hidrografía
[editar | editar a fonte]Ademais do río Göta, que como xa se mencionou define o concello de Ale polo leste, o concello de Ale está inzado de lagos e lagoas. Os maiores deles están entre dous ou máis concellos: o Vanderydsvattnet, compartido con Trollhättan e Lilla Edet, e o Tinnsjön, con Alingsås.
División administrativa
[editar | editar a fonte]Como dixemos, ata o ano 2016 o concello estaba dividido nas parroquias de Nödinge, Skepplanda-Hålanda e Starrkärr-Kilanda. A partir dese ano Ale dividiuse de novo en cinco distritos, que se corresponden cos anteriores socknar: Hålanda, Kilanda, Nödinge, Skepplanda e Starrkärr.[7]
Historia
[editar | editar a fonte]Os restos atopados no concello proban que a zona foi habitada dende antigo tempo. Atopáronse machados de pedra, raspadores e puntas de frecha en restos de asentamentos, datados entre o 7000 e 5000 a.n.e.[8]
No ano 1933 atopáronse nun dique ao carón do río Göta en Äskekärr, ao norte da capital, os restos do barco viquingo máis antigo que se conserva en Suecia e un dos exemplares máis antigos de barcos só de vela dos países nórdicos.[9] O barco de Äskekärr (Äskekärrskeppet), é de tipo knarr e o barco contruído con casco trincado (as táboas do forro do casco písanse unhas noutras) máis antigo de Suecia.[10] O barco construíuse ao redor do ano 900 e utilizouse durante uns 100 anos[11]. O barco de Äskekärr atópase no museo de Gotemburgo.
Áreas urbanas
[editar | editar a fonte]Na demarcación urbana de 2020 do Instituto Nacional de Estadística de Suecia había cinco áreas urbanas no concello de Ale.
Nr | Área urbana | Poboación (2020)[12] |
---|---|---|
1 | Nödinge-Nol | 11 476 |
2 | Surte | 6 490 |
3 | Älvängen | 6 163 |
4 | Skepplanda | 1 875 |
5 | Alvhem | 361 |
Economía
[editar | editar a fonte]Industria
[editar | editar a fonte]No leste de Alafors atópanse os edificios da antiga fábica téxtil Ahlafors Spinneri, fundada en 1855 polo industrial Alexander Keiller. A fábrica pechou en 1966.
A fábrica de vidro de Surte foi o máis importante desta pequena localidade dende a súa fundación en 1862 ata o seu peche en 1978. Nas súas instalacións atópase agora o museo Glasbruks, onde se amosa o rol xogaba a fábrica na localidade.[13] O nome de Alexander Samuelson, que traballou na fábrica de Surte antes de emigrar aos Estados Unidos, aparece na patente de 1915 da famosa botella de Coca-Cola.
En Älvängen atopábase a fábrica de cordas da empresa P A Carlmarks, que se trasladou alí en 1917. Era a fábrica de cordas máis antiga e máis grande de Suecia. O museo Repslagar, instalado no que fora o seu edificio, ten unha corda de 270 metros de longo funcional.[14]
Servizos e turismo
[editar | editar a fonte]Ao redor de Ale hai moitos restos antigos, castros, petróglifos, granxas e igrexas antigas que atraen turistas ao municipio. Hai camiños e carreiros que percorren ou atravesan eses lugares. Un deles é o Pilgrimsleden (camiño do peregrino) que se estende dende Gamlestaden, o distrito de Gotemburgo, ata Lödöse e Skara, e que cruza o concello de sur a norte.
O Xardín Viquingo de Ale (Ale Vikingagård) é un asentamento agrícola reconstruído da era viquinga que se atopa na ribeira do río Göta, a uns metros de onde apareceron os restos do barco de Äskekärr.
A vella granxa de Prästalund (o souto do cura) en Starrkärr é un popular destino para celebrar o valborg, o día nacional e midsommar. Entre outras cousas, hai un alpendre de décimos, levantado no século XVIII para gardar os décimos que todos os granxeiros tiñan que pagar como imposto á igrexa, e que pagaban en especie. Porén, o edificio máis antigo é a residencia do coministro da igrexa de Hällebäckahult, construído probablemente ao redor de 1690.
Infraestruturas
[editar | editar a fonte]As partes occidentais do concello están atravesadas pola E45 e pola liña de ferrocarril Norge/Vänerbanan. O tren de proximidade de Gotemburgo (Alependeln) para en Surte, Bohus, Nödinge, Nol e Älvängen. O tren rexional Västtågen ten paradas en Bohus e Älvängen.
Ale ten transporte público ás cidades máis grandes e centros estratéxicos próximos, como Gotemburgo, Trollhättan, Uddevalla, Vänersborg, Kungälv, Stenungsund, Alingsås e Lerum, e tamén ao núcleos máis pequenos de Lilla Edet, Lödöse, Sjövik e Sollebrunn.
Educación e investigación
[editar | editar a fonte]No concello hai 32 escolas de preescolar. 26 delas son comunais, dúas de cooperativas de pais, dúas están dirixidas pola Igrexa de Suecia, unha é unha escola Montessori e a última está en mans privadas.[15] En Ale hai 12 escolas de primaria e unha escola de primaria especial pertencentes ao concello e unha escola de primaria privada.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Län och kommuner i kodnummerordning". Statistiska centralbyrån. 2017-05-05. Archived from the original on 05 de maio de 2017. Consultado o 2022-08-06.
- ↑ "Ale kommun vill utveckla sina två centralorter - Allmänna nyheter - World In Property". WorldInProperty.se (en sueco). Consultado o 2022-08-06.
- ↑ "Ale i 360 grader - Perspektivsammanställning" (PDF). ale.se. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de decembro de 2021. Consultado o 6 de agosto de 2022.
- ↑ "Storstadsområden med ingående kommuner i alfabetisk ordning" (PDF). Statistiska centralbyrån. Archived from the original on 15 de maio de 2011. Consultado o 2022-08-06.
- ↑ Andersson, Per (1993). Sveriges kommunindelning 1863-1993. Mjölby: Bokförlaget Draking. ISBN 91-87784-05-X. OCLC 33359784.
- ↑ "Elsa Trolle Önnerfors: Domsagohistorik - Alingsås tingsrätt (del av Riksantikvarieämbetets Tings- och rådhusinventeringen 1996-2007)". Consultado o 6 de agosto de 2022.
- ↑ "Svensk författningssamling" (PDF). Regeringskansliets. Consultado o 15 de agosto de 2022.
- ↑ "Ales historia". www.ale.se (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2022. Consultado o 2022-08-15.
- ↑ Nancke-Krogh 1987, p. 13
- ↑ Söderberg 2022, p. 32
- ↑ Nancke-Krogh 1987, p. 27
- ↑ https://www.scb.se/contentassets/2ae651f3169142a7a5812c0aaa4a6070/mi0810_2020a01_tatorter2018_bef_arealer.xlsx
- ↑ "Startsida". Glasbruksmuseet Surte (en sueco). Consultado o 2022-08-18.
- ↑ "Repslagarbanan i Älvängen – Ett levande museum". repslagarbanan.se. Consultado o 2022-08-18.
- ↑ "Ales förskolor". www.ale.se (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2022. Consultado o 2022-10-27.
- ↑ "Grundskola, grundsärskola". www.ale.se (en sueco). Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2022. Consultado o 2022-10-27.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Nancke-Krogh, Sören (1987). ”Båtar och skepp: Bilder och verklighet”. Fynd : tidskrift för Göteborgs arkeologiska museum och Fornminnesföreningen i Göteborg (Göteborg: Göteborgs stadsmuseum och Fornminnesföreningen i Göteborg) (1). ISSN 0282-7301.
- Nancke-Krogh, Sören (1987). ”Omkring Äskekärrsskeppet”. Fynd : tidskrift för Göteborgs arkeologiska museum och Fornminnesföreningen i Göteborg (Göteborg: Göteborgs arkeologiska museum och Fornminnesföreningen i Göteborg) (1). ISSN 0282-7301.
- Nancke-Krogh, Sören (1987). ”Hur daterar man?”. Fynd : tidskrift för Göteborgs arkeologiska museum och Fornminnesföreningen i Göteborg (Göteborg: Göteborgs arkeologiska museum och Fornminnesföreningen i Göteborg) (1). ISSN 0282-7301.
- Söderberg, Angelica (2022). ”De bygger båtarna som blivit världsarv”. Ny teknik (Stockholm: Svenska ingenjörssamfundet och Svenska teknologföreningen) (9). ISSN 0550-8754.