Acción (finanzas)
Unha acción é cada unha das partes alícuotas nas que se divide o capital social dunha sociedade anónima, é un título de renda variable que confire ao titular o carácter de socio e unha serie de dereitos que deben estar estipulados nos estatutos da sociedade que as emite. Os estatutos determinarán a porcentaxe mínima de capital necesario, tanto para estar representado como para exercer o voto, cabendo a posibilidade de todos os xeitos do agrupamento de accións e accionistas para acadar os mínimos esixidos nos estatutos. Outro dos dereitos que confire a titularidade de accións é o de participar no repartimento de beneficios anuais (ou extraordinarios cando os houber) proporcionalmante ás accións que se posúan.
A diferenza entre unha acción e un bono ou obriga radica en que coa acción se é dono dos activos da empresa, mentres que no caso de posuír un bono ou obriga soamente se adquire parte da débeda da empresa ou entidade emisora. No caso dos bonos ou obrigas, se é un acredor desa empresa, e se ten dereito á devolución da débeda cos seus xuros. Son investimentos en renda fixa. Porén, no caso da acción se é propietario da devandita empresa, con maior risco de perda do investimento se o negocio vai mal, así como maior marxe de ganancia se vai ben.
Clases de accións
[editar | editar a fonte]Existen diversas clases de accións segundo os beneficios e dereitos que incorporan, ou segundo a parte do nominal que se debe desembolsar ou non.
- Accións desembolsadas: son as pagadas totalmente no momento da súa adquisición.
- Accións liberadas (total ou parcialmente): son as que non teñen que ser aboadas polo accionista, xa que a sociedade o fai con cargo á parte de reservas que son, deste xeito, capitalizadas.
- Accións con prima: son as que teñen un valor de emisión superior ao valor nominal.
- Accións en carteira: son as que forman parte dunha emisión pero que non foron subscritas.
- Accións preferentes ou privilexiadas: son aquelas que incorporan algún dereito de tipo económico como, por exemplo, preferencia na subscrición de novas ampliacións de capital, no repartimento de beneficios, ou que incorporan un tanto fixo de retribución.
- Accións de voto limitado: son aquelas que só confiren o dereito a votar en certos asuntos da sociedade, determinados no contrato de subscrición de accións correspondentes, non son máis que unha variante das accións preferentes.
- Accións sindicadas: son as que forman parte dun grupo determinado de accionistas que acordan como bloque co paquete accionarial conxunto.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A acción máis antiga conservada. (en inglés) (en alemán) e (en neerlandés)