Óbolo
- Para outros usos deste termo, véxase Óbolo (homónimos).
O óbolo (en grego: ὀϐελός -obelós-; en ático: ὀϐολός -obolós-) foi unha antiga unidade de masa que posteriormente deu lugar a unha moeda da Antiga Grecia, cuñada en prata, divisionaria do dracma.[1][2][3]
Nas idades Media e Moderna, a denominación foi recuperada para diversas moedas europeas de escaso valor, ata quedar no galego actual para designar unha pequena cantidade de diñeiro coa que se contribúe a algún fin.[4][5]
Na Antigüidade
[editar | editar a fonte]Unidade de masa
[editar | editar a fonte]O óbolo foi unha unidade de masa das culturas grega e romana. Na Antiga Grecia correspondíase coa sexta parte dun dracma ou, o que é o mesmo, arredor de 0,72 gramos no sistema actual. Na Antiga Roma, correspondíase coa corenta e oitoava parte da onza romana (0,57 gramos).[6]
Unidade monetaria
[editar | editar a fonte]Aínda que no mundo romano o óbolo se utilizou como moeda de conta, nunca chegou a cuñarse como moeda metálica. Porén, na Grecia antiga, o óbolo foi tamén unha moeda de prata equivalente á sexta parte do dracma, a moeda principal do sistema.
As equivalencias do estatero coas outras moedas do padrón ático é a seguinte:[7]
- 1 talento = 60 minas
- 1 mina = 100 dracmas
- 1 estatero = 2 dracmas
- 1 dracma = 6 óbolos
- 1 óbolo = 8 calcos
Neste padrón monetario ateniense, xa que logo, ao óbolo correspondíalle un peso de prata de 0,72 gramos e dividíase, pola súa vez, en oito calcos. Pola contra, segundo o padrón exinético, usado no Peloponeso, o óbolo pesaba 1,04 gramos e subdividíase en 12 calcos. Inicialmente cuñouse en prata e, máis adiante, a partir do período helenístico, en bronce. Segundo Plutarco, os espartanos utilizaron tamén pezas de ferro.[8]
Na seguinte táboa amósanse as moedas emitidas en diferentes épocas do mundo grego antigo como múltiplos e divisores do óbolo:
Múltiplos e divisores do óbolo | |||
---|---|---|---|
Imaxe | Denominación | Valor | Peso |
Tetróbolo[9] | 4 óbolos | 2,85 g | |
Trióbolo[10] (hemidracma)[11] | 3 óbolos | 2,15 g | |
Dióbolo[12] | 2 óbolos | 1,43 g | |
Trihemióbolo[13] | 1,5 óbolos | 1,08 g | |
Óbolo | 0,72 g | ||
Tritartemorion[14] | 3/4 óbolo | 0,54 g | |
Hemióbolo[15] | 1/2 óbolo | 0,36 g | |
Trihemitartemorion[16] | 3/8 óbolo | 0,27 g | |
Tetartemorion[17] | 1/4 óbolo | 0,18 g | |
Hemitartemorion[18] | 1/8 óbolo (1 calco) | 0,09 g |
Uso funerario
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Óbolo de Caronte.
Segundo o ritual funerario grego, os mortos eran soterrados cunha moeda dun óbolo (tamén coñecido como danake) na boca, de xeito que, cando a sombra do cadáver chegase a Hades, fose quen de lle pagar ao barqueiro Caronte pola súa pasaxe polo río Aqueronte.
Aínda que é común que nestes casos se utilizasen moedas dun óbolo das emisións regulares, tamén era frecuente utilizar pseudomoedas, ás veces en metais nobres, utilizadas en exclusiva para esta finalidade.[19][20]
Nas idades Media e Moderna
[editar | editar a fonte]A denominación de óbolo foi recuperada en época medieval para designar diversas moedas de prata, billón ou cobre equivalentes á metade dun diñeiro, en diversos países da Europa Occidental. En ocasións, estes óbolos adquirían denominacións particulares nas súas diferentes áreas de circulación: mealha en Portugal, maille en Francia, miaja ou meaja en Castela, e malla en Mallorca, Cataluña e Valencia.[21]
Durante moito tempo pensouse que este novo óbolo medieval fora introducido no século XI, pero as investigacións recentes amosaron que xa existía en Francia a finais do período merovinxio e no inicio do acarolinxio. Estes óbolos do século VIII teñen a particularidade de seren unifaces e co motivo do anverso gravado en negativo nos reversos, contrariamente á tradición posterior ao século XI, xa con gravado en ambas as faces e cun diámetro inferior ao do diñeiro.[22]
Óbolos cuñados en Galicia
[editar | editar a fonte]Durante a Idade Media, Afonso X (1252-1284) cuñou na casa da moeda da Coruña moedas de billón tanto dun diñeiro como dun óbolo que amosan un castelo nos seus anversos xunto coa lenda CASTELLE, e un león nos seus reversos rodeado pola lenda LEGIONIS. Como marca da casa da moeda figura baixo o castelo do anverso a tradicional cuncha de vieira.[23]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ ὀβολός. En Liddell, H. G.; Scott, R. A Greek-English Lexicon. Oxford. Clarendon Press, 1940.
- ↑ "Óbolo (2)". En Digalego. Dicionario de galego.
- ↑ "Óbolo (2)". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Glosario de unidades monetarias: Óbolo". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999)
- ↑ "Óbolo (1)". En Digalego. Dicionario de Galego.
- ↑ "The Use of Obeliskoi". En Stecchini, L. A History of Measures (Internet Archive).
- ↑ Renfrew; Wagstaff. 1982. An Island Polity. The archeology of exploitation in Melos. Cambridge University Press. 1982. Páxina 49. ISBN 0521237858. "One Attic talent was the equivalent of 60 minae or 6,000 drachmae..."
- ↑ Plutarco. Vidas paralelas dos homes ilustrados. (Licurgo, IX, 2–4 e Lisandro, XVII, 3–5).
- ↑ "Tetróbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Trióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Hemidracma". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Dióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Trihemióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009)
- ↑ "Tritetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Hemióbolo". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Trihemitetartemorion". En Frey, A. R. (1916).
- ↑ "Tetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ "Hemitetartemorion". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ Stevens, Susan T. (1991). "Charon's Obol and Other Coins in Ancient Funerary Practice". Phoenix 45 (3): 215-229
- ↑ Grinder-Hansen, Keld (1991). "Charon’s Fee in Ancient Greece?". Acta Hyperborea 3.
- ↑ "Óbolo (1)". En Alfaro Asins et al. (2009).
- ↑ M. Dhénin e P. Schiesser. "Oboles mérovingiennes". En Revue Numismatique. 2007. Páxinas 283-313 e láminas LXII-LXIII.
- ↑ "A Real Casa da Moeda da Coruña". En Pita Fernández, Ricardo Luís (1999).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Óbolo |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- Carradice, I.; Price, M. Coinage in the Greek World. Londres, 1988. ISBN 978-0900652820
- Frey, A. R. A Dictionary of Numismatic Names. Nova York, 1917.
- Harl, Kenneth W. Roman Economy. 300 B.C. to A.D. 700. Glossary. The Johns Hopkins University Press. Baltimore/Londres, 1996. ISBN 0-8018-5291-9
- Mateu i Llopis, F. Glosario hispánico de Numismática. Barcelona, 1946.
- Melville Jones, J. R. A Dictionary of Ancient Greek Coins. Londres, 1986. ISBN 978-0900652813
- Melville Jones, J. R. A Dictionary of Ancient Roman Coins. Londres, 1990. ISBN 978-1852640262
- Pita Fernández, Ricardo Luís. Numismática galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela, 1999. ISBN 84-605-9958-2
- Smith, William (ed.). A Dictionary of Greek and Roman Antiquities. Ed. John Murray. Londres, 1890.