Casa de Orange-Nassau
Casa de Orange-Nassau | |
---|---|
Casa materna | Casa de Nassau |
Títulos | Conde de Nassau-Dillenburg, Príncipe de Orange, Estatúder de varias provincias das Provincias Unidas, Rei de Inglaterra, Escocia e Irlanda, Conde Principesco de Nassau-Dietz, Fürst de Nassau-Orange, Fürst de Nassau-Orange-Fulda, Rei ou Raíña dos Países Baixos Ducado de Limburgo, Gran Duque de Luxemburgo (1815-1890) |
Fundador | Guillerme I de Orange-Nassau |
Xefe actual | Guillerme Alexandre dos Países Baixos |
Fundación | 1544 |
Disolución | En 1962 se extingue a liña agnática orixinal |
A casa de Orange-Nassau (en neerlandés: 'Huis van Oranje-Nassau', é unha póla da casa de Nassau que xogou un papel central na historia dos Países Baixos, e en ocasións na historia de Europa desde Guillerme I de Orange-Nassau (tamén coñecido como "Guillerme o Taciturno" e "Pai da Patria"), que organizou a revolta dos holandeses contra o dominio español e que tras máis de oitenta anos de guerra levou á creación dun estado independente coñecido como as Provincias Unidas.
Varios membros da casa de Orange-Nassau participaron durante este período de guerra e posteriormente durante a independencia como "gobernadores" ou "estatúderes" (do holandés stadhouder). Con todo, en 1815, logo dun longo período como unha república (teórica), os Países Baixos convertéronse nunha monarquía gobernada polos membros da casa.
A dinastía Orange-Nassau estableceuse como resultado do matrimonio entre Henrique III de Nassau-Breda do Sacro Imperio Romano Xermánico e Claudia de Châlon, procedente da Borgoña francesa. O seu fillo René de Châlon foi o que primeiro adoptou o novo apelido familiar de "Orange-Nassau". Guillerme I o Taciturno foi o seu sobriño e sucesor.
A finais do século XVII, un membro da familia tamén se converteu en rei de Inglaterra como Guillerme III, como resultado da Revolución Gloriosa que expulsou a Xacobe II. Aínda hoxe celébranse en varios lugares do mundo as súas vitorias militares e os progresos constitucionais do seu reinado, principalmente a "Bill of Rights" de 1689, motivo de celebración dun controvertido festival coñecido como "The Twelfth".
A Casa de Nassau
[editar | editar a fonte]A primeira persoa que tivo o título de conde de Nassau foi Henrique I, que viviu na primeira metade do século XIII. A familia Nassau contraeu matrimonio cos seus veciños, os condes de Arnstein (actualmente Kloster Arnstein). Os fillos do conde Henrique, Walram e Otto dividíronse as posesións familiares. Os descendentes de Walram serían coñecidos liñaxe de Walram, que se converterían na casa de Nassau-Weilburg ou duques de Nassau e en 1890 en Arquiduques de Luxemburgo. Os descendentes de Otto serían coñecidos como a liñaxe otoniana ou liñaxe de Otón, que herdou propiedades no condado de Nassau, Francia e os Países Baixos.
A casa de Orange-Nassau descende da liñaxe otoniana. Engelberto I, que ofreceu os seus servizos ao Duque de Borgoña casou cunha nobre holandesa e herdou terras nos Países Baixos, entre as que estaba a baronía de Breda. Engelberto e os seus sucesores adquiriron así o apelido Nassau-Breda.
A importancia dos Nassau-Breda incrementouse durante os séculos XV e XVI. Henrique III de Nassau-Breda foi nomeado estatúder de Holanda e Zelandia polo emperador Carlos V a principios do século XVI. Henrique foi sucedido por René de Châlon-Orange en 1538. Cando René morreu de forma prematura no campo de batalla en 1544, as súas posesións pasaron á súa sobriño, Guillerme de Orange, Príncipe de Orange. Desde entón os membros da familia adoptaron o apelido "Orange-Nassau".[1][2]
A rebelión holandesa
[editar | editar a fonte]O emperador Carlos V opoñíase á Reforma protestante, gobernou os territorios dos Países Baixos con moderación e respecto aos costumes locais, e non perseguiu aos seus vasalos protestantes a grande escala, salvo certas restricións e regulacións. O seu fillo Filipe II de España herdou a súa antipatía polos protestantes pero non o seu moderación. Durante o reinado de Filipe II iniciouse unha persecución directa cara aos protestantes, ao mesmo tempo que se producía un incremento dos impostos que os holandeses consideraban desorbitado, o que xerou un gran descontento entre a poboación. Guillerme de Orange, que durante a súa infancia recibira unha educación lixeiramente luterana, apoiou aos protestantes dos Países Baixos, que na súa maioría eran calvinistas. En 1568 estalou unha guerra que se prolongaría durante oitenta anos. Guillerme sufriría varias derrotas ata que en 1572 apoderouse de Brielle, unha cidade costeira do sur de Holanda. Tras esta vitoria moitos holandeses comezaron a apoiar a Guillerme. Aínda que durante varios anos mantívose á defensiva, desde 1580 conseguiu asegurar o seu dominio sobre as cidades do interior de Holanda. O seu enfrontamento coa monarquía española finalmente provocou a súa morte en 1584 a mans dun asasino enviado polo rei Filipe II.[1][2][3]
Guillerme foi sucedido polo seu segundo fillo Mauricio de Nassau, educado no protestantismo e que demostraría ser un excelente estratego militar. As súas habilidades como comandante e a ausencia dun liderado forte en España á morte de Filipe II en 1598 proporcionáronlle a Mauricio unha situación excelente para aumentar os territorios baixo o seu dominio.[1][4]
Mauricio foi nomeado estatúder (comandante militar) da República de Holanda en 1585. Durante os primeiros anos do século XVII houbo algúns enfrontamentos entre o estatúder e a oligarquía holandesa (representada pola figura do gran pensionario), conformada por un grupo de poderosos mercadores liderados por Johan van Oldenbarnevelt, que se opoñían ás pretensións de Mauricio de obter maiores poderes de goberno. Mauricio resultou vencedor neste enfrontamento político mediante o asasinato xudicial de Oldebarnevelt.
Expansión do poder dinástico
[editar | editar a fonte]Mauricio morreu solteiro en 1625 e sen fillos lexítimos. Foi sucedido polo seu medio irmán Frederico Henrique de Orange-Nassau (Frederik Hendrik), o fillo máis novo de Guillerme I. Mauricio aconsellou ao seu sucesor no seu leito de morte que se apresurase a casar tan axiña que como lle fose posíbel. Unhas poucas semanas logo da morte de Mauricio, Frederico Henrique casba con Amalia van Solms-Braunfels.
Frederico Henrique e Amalia tiveron un fillo e varias fillas. As fillas casaron con varias casas nobres destacadas como a casa de Hohenzollern, pero tamén os Nassau de Frisia, que eran os estatúderes desa provincia holandesa. O seu único fillo Guillerme casou con María, a filla máis vella de Carlos I de Inglaterra. Estas manobras dinásticas foron dirixidas por Amalia.[5]
Exilio e rexurdimento
[editar | editar a fonte]Frederico Henrique morreu en 1647 e foi sucedido polo seu fillo. Como acababa de asinarse o tratado de Munster, que poñía fin á Guerra dos Oitenta Anos con España, Guillerme tratou de estender os seus poderes políticos máis aló do exército, para consolidar a súa posición no goberno durante o período de paz, para gran incomodidade dos oligarcas holandeses. Cando os rexentes Andries Bicker, Cornelis e Andries de Graeff de Ámsterdam se negaron a aceptar os alcaldes que nomeara, asediou a cidade. O asedio provocou a ira dos holandeses e desgrazadamente, Guillerme morreu de varíola o 6 de novembro de 1650, deixando un fillo póstumo Guillerme (nacido o 14 de novembro de 1650). Con todo, os opositores ao estatúder decidiron deixar o cargo baleiro e o recentemente nacido Príncipe de Orange foi exiliado coa súa familia.[6] A educación do novo príncipe foi motivo de discusión entre a súa nai María e a súa avoa Amalia. Amalia quería que fose educado para levar á casa de Orange-Nassau de novo ao poder, pero María quería que recibise unha educación exclusivamente inglesa. Os Estados Xerais de Holanda mediaron na discusión e converteron a Guillerme en "fillo do estado holandés", recibindo unha educación dirixida a mantelo apartado do goberno. Guillerme mostrouse moi dócil e conforme coa decisión.
A República de Holanda foi atacada por Francia e Inglaterra en 1672. A posición militar do estatúder era de novo necesaria e co apoio dos seus partidarios, Guillerme recibiu o cargo como Guillerme III, rexeitando con éxito a invasión e adquirindo máis poder que os seus predecesores durante a Guerra dos Oitenta Anos. En 1677 Guillerme casou con María de Inglaterra, filla do futuro rei Xacobe II de Inglaterra. Porén, pronto estalou a guerra en Inglaterra entre os partidarios do rei Xacobe II (que se converteu ao catolicismo) e os seus opositores. En 1688 Guillerme viaxou a Inglaterra, invitado polos parlamentarios ingleses para derrocar ao seu sogro católico e apoderarse do trono. El e a súa esposa foron coroados Rei e Raíña de Inglaterra o 11 de abril de 1689, e desta forma Guillerme converteuse nun dos soberanos máis poderosos de Europa e o único que conseguiu derrotar ao rei Lois XIV de Francia. Morreu sen fillos logo dun accidente ao caerse do cabalo o 8 de marzo de 1702, deixando a casa de Orange-Nassau extinta. Foi sucedido pola raíña Ana I de Gran Bretaña.
O segundo período sen estatúder
[editar | editar a fonte]Os opositores de Guillerme III, que sufriran baixo o seu poderoso liderado, declararon que o cargo de estatúder volvía quedar vacante. Esta decisión foi permitida polo enfrontamento polo título de Príncipe de Orange entre Xoán Guillerme Friso, dos Nassau de Frisia, e o rei de Prusia, emparentado cos Orange-Nassau por matrimonios previos. Ambos eran descendentes de Frederico Henrique. O rei de Prusia Frederico I era o seu neto por vía materna, xa que era fillo de Luísa Henriqueta de Orange-Nassau. No seu testamento Frederico Henrique deixara establecido que a liñaxe de Luisa sería a súa sucesora no caso de que a súa liña directa se extinguise. Xoán Guillerme Friso era bisneto de Frederico Henrique e fora nomeado herdeiro no testamento de Guillerme III. Tratouse de chegar a un acordo permitindo que ambos os pretendentes levasen o título de Príncipe de Orange. O problema das terras resolveuse en 1713 cando o principado hereditario de Orange foi conquistado por Lois XIV de Francia. Xoán Guillerme Friso afogou preto de Moerdijk en 1711, deixando un fillo póstumo, Guillerme IV de Orange-Nassau. Foi proclamado estatúder de Güelders, Overijssel, Drenthe e Utrecht en 1722. Cando se produciu a invasión francesa de 1747 Guillerme IV foi restaurado como estatúder de toda a República de Holanda, hereditaria por vía masculina e feminina.
O fin da república
[editar | editar a fonte]Guillerme IV morreu en 1751, deixando a Guillerme V de Orange-Nassau, de tres anos, como estatúder. Mentres Guillerme V era menor de idade, os rexentes holandeses gobernaron no seu nome. Por desgraza, os rexentes decidiron unha vez máis debilitar o poder do estatúder, educándoo até convertelo nunha persoa tímida e de carácter débil, que arrastraría durante toda a súa vida. O seu matrimonio con Guillermina de Prusia foi exemplo da súa debilidade. A súa incapacidade para gobernar provocou a ruína da República de Holanda, que quedou en mans dos corruptos rexentes. En 1787 conseguiu sobrevivir ao golpe de Estado da facción dos "patriotas" (revolucionarios demócratas), que trataban de reformar a República, só grazas á intervención de Prusia no seu favor. Cando os franceses invadiron Holanda en 1795 Guillerme V viuse obrigado a fuxir, e non regresou ao seu país.
Logo de 1795 a casa de Orange-Nassau enfrontouse a un período difícil, sobrevivindo no exilio noutras cortes europeas, especialmente as de Prusia e Inglaterra. Guillerme V morreu en 1806.
A monarquía (desde 1815)
[editar | editar a fonte]Un novo espírito: O Reino Unido dos Países Baixos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Reino Unido dos Países Baixos.
Os rebeldes holandeses expulsaron os franceses, que impuxeran a Lois Bonaparte como rei. Aceptouse que o novo goberno tería que ser dirixido por Guillerme Frederico, príncipe de Orange e fillo de Guillerme V. Tamén se decidiu que consolidaría a súa posición se os propios holandeses lle outorgaban ese poder.
A instancias dun goberno provisional, o Príncipe de Orange regresou aos Países Baixos o 30 de novembro de 1813. Esta manobra foi apoiada por Inglaterra, que trataba de fortalecer os Países Baixos e dificultar posíbeis ataques futuros por parte de Francia. O 6 de decembro Guillerme foi proclamado príncipe soberano hereditario (rexeitara o título de rei). En 1814 os Países Baixos austríacos (a actual Bélxica) foron engadidos aos seus dominios. O 15 de marzo de 1815, debido ao regreso de Napoleón Bonaparte a Francia e co apoio dos países representados no Congreso de Viena, Guillerme proclamouse rei Guillerme I dos Países Baixos. Tamén recibiu o título de Gran Duque de Luxemburgo. Ambos os países permaneceron separados malia compartir un monarca común.
Como rei do Reino Unido dos Países Baixos, Guillerme tratou de establecer unha cultura común, fomentando a educación en neerlandés e o predominio da relixión calvinista, o que provocou a resistencia dos territorios do sur do país (que estiveran separados do resto dos Países Baixos desde 1581), maioritariamente católicos e francófonos. O rei Guillerme I considerábase un déspota ilustrado e non terminaba de comprender as ideas liberais que se estaban estendendo por Europa.
O Príncipe de Orange conservou os seus dereitos ás terras dos Nassau (Dillenburg, Dietz, Beilstein, Hadamar, Siegen) no centro de Alemaña. Por outra banda, o rei de Prusia Frederico Guillerme III —cuñado e primo de Guillerme I— tratara de converterse en gobernante de Luxemburgo, que consideraba unha herdanza da duquesa Ana de Luxemburgo, morta máis de tres séculos antes. No Congreso de Viena, os dous cuñados aceptaron un intercambio: Frederico Guillerme III recibiu as terras alemás dos Nassau e Guillerme I quedaba con Luxemburgo, ambas as concesións estaban máis próximas aos seus reinos.
En 1830 Bélxica, conformada polos territorios ao sur do reino dos Países Baixos, declarou a súa independencia e Guillerme comezou unha desastrosa guerra ata 1839, cando se viu obrigado a asinar a paz. Furioso pola derrota e co seu reino dividido, decidiu abdicar en 1840. O poder da monarquía foi reformado e limitado durante o reinado do seu fillo Guillerme II, mediante unha constitución que o propio monarca supervisou para evitar que o descontento revolucionario se estendese ao seu país.
Guillerme III e a ameaza da extinción da dinastía
[editar | editar a fonte]Guillerme II morreu en 1849. Foi sucedido polo seu fillo, o rei Guillerme III, un home conservador e até reaccionario, que era radicalmente oposto á constitución de 1848 e constantemente intentou formar os seus propios gobernos á marxe do parlamento holandés. En 1868 intentou vender o Gran Ducado de Luxemburgo a Francia, o que provocaría un enfrontamento entre Prusia e Francia, así como o descontento dos propios luxemburgueses.
Guillerme III tivo un matrimonio infeliz con Sofía de Wurttemberg e os seus tres fillos varóns morreron antes que el, o que parecía crear a posibilidade de extinción da dinastía de Orange-Nassau. Tras a morte de Sofía en 1877, o rei Guillerme casou con Emma de Waldeck-Pyrmont en 1879. Un ano despois a raíña deu a luz a unha filla e herdeira, Guillermina. Á morte de Guillerme en 1890 a casa de Orange-Nassau extinguiuse por liña masculina.
Como as mulleres non podían gobernar en Luxemburgo debido á existencia da Lei sálica, o Gran Ducado pasou á Casa de Nassau-Weilburg, unha liñaxe colateral. A casa de Orange-Nassau perpetuouse en 1909 co nacemento de Xiana, pero a casa real holandesa seguiría sendo pequena até que naceron os catro fillos de Xiana nas décadas de 1930 e 1940.
A monarquía moderna
[editar | editar a fonte]Guillermina foi raíña dos Países Baixos durante 58 anos, desde 1890 a 1948. Como só tiña dez anos en 1890, a súa nai, a raíña Emma, actuou como rexente até que cumpriu os 18 anos en 1898. Foi un símbolo da resistencia neerlandesa durante a segunda guerra mundial, e durante o seu goberno restaurouse a autoridade moral da monarquía. Logo de cincuenta anos decidiu abdicar na súa filla Xiana. A raíña Xiana mostrouse menos estrita que a súa nai e baixo o seu goberno a monarquía recibiu o alcume de "monarquía en bicicleta", pois os membros da familia real a miúdo viaxaban en bicicleta polo país. Produciuse un breve incidente político en 1966 cando a futura raíña Beatriz decidiu casar con Nicolás von Amsberg, un diplomático alemán. Debido ao pasado de von Amsberg como membro das Mocidades hitlerianas e na Wehrmacht a monarquía tivo que pedir permiso ao goberno neerlandés para que a princesa puidese casar. Con todo, co paso do tempo, o Príncipe Claus converteuse nun dos membros máis populares da monarquía neerlandesa e a súa morte no ano 2002 foi moi sentida en todo o país.
O 30 de abril de 1980 a raíña Xiana abdicou na súa filla Beatriz, que se mostrou máis profesional que a súa nai. O 28 de xaneiro de 2013, a raíña Beatriz anunciou a súa abdicación en favor do seu fillo, logo de 33 anos de reinado. "É tempo para unha nova xeración", declarou á nación a raíña Beatriz, que abdicou o 30 de abril de 2013 no seu fillo Guillerme Alexandre de Orange-Nassau.
O rei Guillerme Alexandre, nacido o 27 de abril de 1967, é o primeiro monarca varón desde 1890. No ano 2002, casou coa arxentina Máxima Zorreguieta, a parella real tivo tres fillas: Catarina Amalia, Alexia e Ariadna.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Blok, Petrus Johannes (1898). History of the people of the Netherlands. New York: G. P. Putnam's sons.
- ↑ 2,0 2,1 Israel, Jonathan I. (1995). The Dutch Republic: Its Rise, Greatness and Fall, 1477-1806. Oxford University Press. ISBN 0-19-873072-1.
- ↑ Motley, John Lothrop (1855). The Rise of the Dutch Republic. Harper & Brothers.
- ↑ Motley, John Lothrop (1860). John Murray, ed. History of the United Netherlands from the Death of William the Silent to the Synod of Dort. Londres.
- ↑ Geyl, Pieter (2002). Orange and Stuart 1641-1672. Arnold Pomerans (trans.) (reprint ed.). Phoenix.
- ↑ Rowen, Herbert H. (1978). John de Witt, grand pensionary of Holland, 1625-1672. Princeton University Press.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa de Orange-Nassau |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arblaster, Paul (2006): A History of the Low Countries. Nova York: Palgrave Essential Histories Series. Palgrave Macmillan. ISBN 978-1-4039-4828-3.
- Echevarria, Miguel Ángel (1998): Flandes y la monarquía hispánica, 1500-1713. Silex. ISBN 978-84-77-37068-0.
- Herrero Sánchez, Manuel e Crespo Solana, Ana (2002): España y las 17 provincias de los Países Bajos: una revisión historiográfica (XVI-XVIII). Universidad de Córdoba. ISBN 978-84-7801-661-9.
- Israel, Jonathan (1995): The Dutch Republic: Its Rise, Greatness, and Fall 1477-1806. Oxford University Press. ISBN 978-0-1987-3072-1.
- Kossmann-Putto, J. A. e E. H. Kossmann (1987): The Low Countries: History of the Northern and Southern Netherlands. Intellect Ltd. ISBN 978-1-8415-0001-1.
- Queipo de Llano, Gonzalo e Alcalá-Zamora, José (2001): España, Flandes y el mar del Norte (1618-1939). Centro de Estudios Constitucionales. ISBN 978-84-25-91144-6.
- Wilson, Charles (1968): Los Países Bajos y la cultura europea en el siglo XVII. Guadarrama. ISBN 978-84-250-3034-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Guillerme I de Orange-Nassau
- Guillerme II de Orange-Nassau
- Guillerme III de Orange-Nassau
- Guillerme IV de Orange-Nassau
- Guillerme V de Orange-Nassau
- Guillerme Alexandre dos Países Baixos
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial da Casa de Orange-Nassau Arquivado 25 de marzo de 2011 en Wayback Machine. (en inglés) (en neerlandés)
- Noticias da Casa real de Holanda (en castelán)