Norma de protección de datos da Fundación Wikimedia
This policy is approved by the Wikimedia Foundation Board of Trustees. It may not be circumvented, eroded, or ignored by Wikimedia Foundation officers or staff nor local policies of any Wikimedia project. |
Porque cremos que non deberías ter que dar datos persoais teus para participar neste movemento de coñecemento libre, podes:
- Ler, corrixir ou usar calquera web da Wikimedia sen creares unha conta.
- Rexistrar unha conta sen dares un enderezo de correo electrónico ou un nome real.
Porque queremos entender como se empregan os webs da Wikimedia para melloralos, gardamos algúns datos cando:
- Fas contribucións de xeito público.
- Creas unha conta ou actualizas a túa páxina de usuario.
- Empregas os webs da Wikimedia.
- Envías correos electrónicos, ou participas nunha enquisa ou achegas comentarios con valoracións.
Comprometémonos a:
- Describir nesta norma de protección de datos como podemos usar ou divulgar os teus datos persoais.
- Tomar medidas sensatas para gardar os teus datos persoais de xeito seguro.
- Non vender nunca os teus datos persoais nin pasárllelos a terceiros con fins comerciais.
- Divulgar os teus datos persoais só en circunstancias concretas, como por exemplo mellorar os webs da Wikimedia, cumprir coa lei ou garantir a túa protección e a doutras persoas.
- Gardarche os datos durante o menor tempo posible (que asemade nos permita manter, comprender e mellorar os webs da Wikimedia e seguir as obrigas que nos fixa a lei).
Ten en conta:
- Todos os contidos que engadas ou todas as correccións que fagas nun web da Wikimedia serán públicos e estarán sempre á vista de calquera.
- Se engades contido ou fas modificacións nun proxecto da Wikimedia sen rexistrarte, ese contido ou modificación váiselle atribuír publicamente e para sempre ao enderezo IP que usaches nese momento, no canto de asocialo a un nome de usuario.
- A nosa comunidade de editores e colaboradores voluntarios é un órgano que se goberna a si mesmo. Algúns administradores dos webs da Wikimedia, que son elixidos pola comunidade, empregan ferramentas que lles permiten un acceso limitado a datos non públicos sobre as contribucións recentes; deste xeito, poden protexer os webs da Wikimedia e facer cumprir as normas.
- A norma de protección de datos non se lles aplica a todos os proxectos da Wikimedia, pois hai proxectos da Wikimedia que teñen norma de protección de datos de seu (como por exemplo a tenda da Wikimedia) ou as webs e os servizos xestionados por terceiros (coma os proxectos de desenvolvedores externos nos servizos da Wikimedia na nube).
- Como parte do noso compromiso coa educación e a investigación en todo o mundo, de cando en cando liberamos información pública, así como datos agregados ou non individualizados, ao público xeral a través de baleirados de datos e paquetes de datos.
- Para protexer a Fundación Wikimedia e as demais persoas usuarias, se non estás de acordo con esta norma de protección de datos non debes usar os webs da Wikimedia.
Recibe a nosa benvida!
A Fundación Wikimedia é a organización sen fin de lucro que acolle webs colaborativos de coñecemento libre, como a Wikipedia, a Wikimedia Commons ou o Galizionario.
Esta norma explica como recollemos, usamos e divulgamos os teus datos persoais.
- Gardamos moi poucos datos persoais de ti.
- Non lles alugamos nin lles vendemos os teus datos persoais a terceiros.
Ao utilizares os webs da Wikimedia estás a aceptar esta norma.
O movemento Wikimedia baséase nun principio simple, mais poderoso: podemos facer máis xuntos do que calquera de nós podería facer só. Non podemos traballar colectivamente sen recompilar, compartir e analizar información sobre os nosos usuarios, se queremos dar con novos xeitos de facer os nosos webs máis sinxelos de usar, seguros e beneficiosos.
Consideramos que a recompilación de información e o seu uso deberían ir da man da transparencia. Esta norma de protección de datos que aquí tes explica como a Fundación Wikimedia, a organización sen fin de lucro que acolle os proxectos da Wikimedia como a Wikipedia, reúne, utiliza e divulga a información que recibimos de ti ao usares os webs da Wikimedia. É esencial entender que, ao usares calquera dos proxectos da Wikimedia, autorizas a colleita, transferencia, procesamento, almacenaxe, divulgación e uso dos teus datos, conforme se describe nesta norma. Por iso é tan importante que leas atentamente esta norma de protección de datos.
Coidamos que non deberías ter que dar datos persoais teus que non é pública para participar no movemento do coñecemento libre. Non tes que proporcionar datos coma o teu nome real, o teu enderezo ou a túa data de nacemento para rexistrares unha conta estándar e achegar contidos nos proxectos da Wikimedia.
Non vendemos nin alugamos os teus datos persoais; tampouco llelos entregamos a ninguén nin os usamos para venderche nada. Empregámolos para descubrir como facer que os proxectos da Wikimedia sexan mellores e máis accesibles, para saber cales son as ideas que funcionan e para conseguir que a aprendizaxe e a colaboración sexan máis divertidas. Dito en poucas palabras: empregamos esa información para facer que os proxectos da Wikimedia sexan mellores para ti.
Despois de todo, son persoas coma ti, defensoras e promotoras do coñecemento libre, as que fan posible que os proxectos da Wikimedia non só existan, senón que tamén medren e prosperen.
Definicións
Ben sabemos que só unha minoría está familiarizada cos termos técnicos como "píxeles de rastrexo" ou "rastros" que se usan nesta norma de protección de datos.
Tanto se dás os primeiros pasos na terminoloxía sobre a protección de datos como se xa es un ou unha experta que só queres acordar os coñecementos, o noso Glosario de termos chave pode serche útil.
Todas as persoas (non só os e as avogadas) deberían poder entender facilmente como e por que recollemos e empregamos os teus datos. Por iso imos utilizar unha linguaxe sinxela e sen termos demasiado formais ao longo desta norma. Para estarmos seguros de que se comprenden algúns termos chave en particular, velaquí hai unha táboa coas traducións:
Cando dicimos... | ...queremos dicir: |
---|---|
"a Fundación Wikimedia" / "a Fundación" / "a Wikimedia" / "nós" / "nosoutros" / "os nosos" / "as nosas" | A Fundación Wikimedia, Inc., a organización sen fin de lucro que xestiona os proxectos da Wikimedia. |
"proxectos da Wikimedia" / "webs da Wikimedia" / "os nosos servizos" | Os webs e os servizos da Wikimedia (sexa cal for a lingua en que estean), incluíndo os proxectos principais, como a Wikipedia e a Wikimedia Commons, así como as aplicacións móbiles, as interfaces de programación (API), os correos electrónicos e os avisos; agás, porén, os webs e os servizos que aparecen listados na sección "O que non cobre esta norma de protección de datos". |
"ti" / "o teu" / "a túa" / "eu" | Ti, independentemente de que sexas unha persoa física, un colectivo ou unha persoa xurídica, e independentemente de se estás a usar os proxectos da Wikimedia ou os nosos servizos para ti ou en nome doutra persoa. |
"esta norma" / "esta norma de protección de datos" | Este documento, titulado "Norma de protección de datos da Fundación Wikimedia". |
"contribucións" / "achegas" | O contido que engades ou as modificacións que fas en calquera dos proxectos da Wikimedia. |
"información persoal" / "datos persoais" | Información que nos facilitas ou información que recollemos de ti que podería empregarse para identificarte persoalmente. Falando ao dereito, aínda que non sempre apañamos todos e cada un dos seguintes tipos de información, consideramos que os seguintes tipos son "datos persoais" se non se fixeron públicos doutro xeito e se se poden empregar para identificarte:
|
"terceiros" / "externos" | Persoas, entidades, webs, servizos, produtos e aplicacións que a Fundación Wikimedia nin controla, nin xestiona nin opera. Isto comprende outros usuarios da Wikimedia e entidades e grupos independentes que axudan a promover o movemento Wikimedia, coma os capítulos da Wikimedia, as organizacións temáticas e os grupos de persoas usuarias, así como os voluntarios, os empregados, os xefes, os técnicos, os bolseiros e as empresas contratadas desas entidades e grupos. |
O que esta norma de protección de datos cobre e o que non.
Agás nos casos explicados embaixo, esta norma de protección de datos refírese á adquisición e ao tratamento dos datos que, sobre ti, recibimos como resultado de usares algún dos proxectos da Wikimedia. Esta norma aplícase tamén a calquera información que recibamos dos nosos colaboradores ou de terceiros. Para entender máis sobre o que cobre esta norma de protección de datos, bótalle un ollo ao texto que vai a continuación.
Exemplos do que cobre esta norma de protección de datos
|
---|
Para que non quede dúbida, esta norma de protección de datos cobre, independentemente da lingua en que estean:
|
Esta norma de protección de datos, porén, non cobre algunhas situacións en que podemos recoller ou procesar información. Por exemplo, algúns usos poden estar cubertos por normas propias de protección de datos (como a da tenda da Wikimedia) ou noutros casos trátase de webs ou servizos xestionados por terceiros (como os proxectos de desenvolvedores nos servizos na nube da Wikimedia). Para entender máis sobre o que non cobre esta norma de protección de datos, le o texto que vén a continuación.
Máis cousas sobre o que esta norma de protección de datos non cobre
|
---|
Esta sección é parte da norma de protección de datos e está destinada a explicar en detalle aquelas situacións que non están cubertas pola nosa norma de protección de datos.
Ás veces, os voluntarios poden colocar unha utilidade de recolección de datos, coma un script, un gadget, un píxel de rastrexo ou un botón de compartir nun web da Wikimedia sen o noso coñecemento. Esta norma non cobre como terceiros xestionan a información que reciben por usar esa ferramenta. Se atopas algunha desas utilidades de terceiros e cres que incumpre esta norma, podes eliminala ti mesmo ou darnos recado no enderezo privacywikimedia.org para que fagamos unha pescuda. |
Cando as normas das comunidades rexan os datos persoais, como a norma relativa aos verificadores de usuarios, cada comunidade pode engadirlles regras e obrigas ás que xa se establecen nesta norma. Non obstante, non se poden crear excepcións novas nin reducir o limiar de protección que ofrece esta norma.
Tipos de información que recibimos de ti e como a obtemos
As túas contribucións públicas
Calquera pode ver e utilizar todo o que publiques nos proxectos da Wikimedia.
Cando fas unha contribución en calquera proxecto da Wikimedia, incluídas as páxinas de usuario ou as de conversa, estás a deixar un rexistro permanente e público de cada cachiño do contido que engades, borras ou editas. O histórico da páxina ha mostrar cando fixeches o engadido ou o borrado, así como tamén o teu nome de usuario (se estás rexistrado) ou o teu enderezo IP (se non o estás). Podemos empregar as túas contribucións públicas, xa sexa de xeito agregado xunto coas colaboracións doutras persoas ou de forma individual, para crear para ti novas funcionalidades ou produtos baseados en datos, ou para descubrir como se empregan os proxectos da Wikimedia: isto explícase mellor máis abaixo na sección "Como usamos a información que nos chega de ti" desta norma de protección de datos.
Datos que se poden comsultar de forma pública
|
---|
Non sendo que esta norma sinale o contrario, debes contar con que os datos que lles achegas aos proxectos da Wikimedia, incluíndo os teus datos persoais, son públicos, están á vista de calquera e poden atoparse mediante motores de busca. Como a maioría do que hai na internet, calquera cousa que compartas pode ser copiada e divulgada de novo na rede por outras persoas. Por favor, non publiques información que prefiras que non quede pública para sempre, coma o teu nome real ou o lugar en que resides, nas túas edicións. Debes ter presente que os datos específicos que publicas ti ou os datos agregados que publicamos nós poden ser utilizados por calquera para analizalos e para inferir outros datos, como o país de procedencia, as afiliacións políticas ou o sexo das persoas usuarias. |
Información sobre a conta e rexistro
Non necesitas crear unha conta para usar os proxectos da Wikimedia.
Se creas unha conta, non tes que darnos o nome nin o enderezo de correo electrónico (malia que podes facelo se queres, por exemplo, para a funcionalidade "Enviar un correo electrónico a este usuario/a" )
Se non creas unha conta, as túas contribucións hanlle ir atribuídas, de xeito público, ao teu enderezo IP.
Queres crear unha conta? Boa idea! Non queres crear unha conta? Pois ben tamén!
Non é necesario que crees unha conta para ler ou colaborar nos proxectos da Wikimedia, agás nalgunha circunstancia pouco frecuente. Con todo, leva conta de que se fas achegas sen te rexistrar as túas contribucións hanse ligar publicamente co enderezo IP asociado ao teu dispositivo.
Se queres crear unha conta estándar, na maioría dos casos unicamente necesitamos un nome de usuario e un contrasinal. O único é que, se optas por non indicarnos un enderezo de correo electrónico, non te poderemos axudar a recuperar o contrasinal se o esqueces.
Máis cousas sobre os nomes de usuario
|
---|
O teu nome de usuario ou usuaria verase de xeito público, así que leva coidado para non revelares o teu nome propio ou outros datos persoais se non queres. O contrasinal só cho usamos para comprobar que a conta é túa. O enderezo IP chéganos de xeito automático, e gardámolo de xeito temporal para protexer o contido do proxecto Wikimedia e mais os seus usuarios e usuarias. Se se producise un abuso, os enderezos IPs poden vincularse con nomes de usuario como parte dunha pescuda. Non cómpren outros datos persoais: nin o nome, nin o enderezo de correo, nin a data de nacemento, nin o número da tarxeta do banco. Unha vez creadas, as contas de usuario non se poden eliminar por completo (aínda que normalmente si é posible eliminar a información da túa páxina de usuario se decides facelo). Isto débese a que as contribucións públicas deben estar asociadas ao seu autor (ou sexa, ti!). Nalgúns casos as comunidades da Wikimedia poden axudar as persoas usuarias a eliminaren dos proxectos información adicional relacionada coas súas contas persoais. |
Para comprender mellor a composición demográfica das persoas que usan os nosos webs, para traducir os nosos servizos e para saber como podemos melloralos, podemos pedirche máis información persoal, coma o sexo ou a idade. Nese caso habemos dicirche se a información está destinada a facerse pública ou se será privada, para que decidas se nola desexas proporcionar. Sempre será opcional que nos deas ou non esta información. Se non queres, non tes que dala; así de sinxelo.
Información sobre localización
GPS e outras tecnoloxías de localización
Algunhas das funcionalidades que ofrecemos traballan mellor se sabemos en que parte do planeta estás.
Se nos dás permiso, podemos utilizar o GPS (e outras tecnoloxías que se usan habitualmente para determinar a localización) para mostrarche contidos que sexan máis relevantes para ti. Protexemos confidencialmente os datos que obtemos mediante estas tecnoloxías, agás nas circunstancias que se explican nesta norma. Podes saber máis botándolle unha ollada á listaxe de exemplos de uso destas tecnoloxías na sección de preguntas frecuentes.
Os metadatos
Ás veces podemos recibir datos de xeolocalización automaticamente desde o teu dispositivo. Por exemplo, se queres publicar unha fotografía mediante a aplicación para móbiles de Wikimedia Commons, podemos recibir automaticamente metadatos desde o teu trebello: por exemplo, o lugar e a hora en que tiraches a fotografía. Leva conta de que, a diferenza da información de localización recollida por medio de sinais GPS, que che explicamos antes, a configuración por defecto do teu dispositivo móbil normalmente engade os metadatos ao publicares unha fotografía ou un vídeo nas webs da Wikimedia. Se non queres enviar os metadatos e que se fagan públicos tes que mudar a configuración do teu dispositivo.
Os enderezos IP
Por último, cando visitas calquera dos webs da Wikimedia, chéganos automaticamente o enderezo IP do dispositivo (ou do servidor proxy) que esteas a empregar para accederes á internet; esta información pode usarse para deducir a túa localización xeográfica.
Información verbo do uso que fas dos webs da Wikimedia
Usamos algunhas tecnoloxías para apañar información sobre o uso que fas das webs da Wikimedia.
Ao igual que fan outras webs, cando visitas os webs da Wikimedia chégannos automaticamente algúns datos teus.
Tamén utilizamos unha serie de tecnoloxías habituais, coma os rastros, para recollermos información sobre como usas os webs da Wikimedia, para facer que os nosos servizos sexan máis seguros e doados de utilizar, e para axudar a crear unha experiencia de usuario mellor e máis adaptada ao que ti queres.
Queremos que os proxectos da Wikimedia sexan mellores para ti, e para iso necesitamos saber como os usas. Por exemplo, a frecuencia con que visitas os webs da Wikimedia, as cousas que che gustan, aqueloutras que che resultaron útiles, como chegas ata os webs da Wikimedia e se utilizarías máis a miúdo unha funcionalidade se cha explicásemos de maneira diferente. Tamén queremos que esta norma e o xeito de facermos as cousas reflictan os valores da nosa comunidade. Por iso gardamos de xeito confidencial a información relacionada co uso que fas dos proxectos da Wikimedia, agás nas circunstancias que se explican nesta norma.
Que información nos chega automaticamente?
Por como funcionan os navegadores chégannos automaticamente algúns datos ao visitares os webs da Wikimedia. Estes datos inclúen o tipo de dispositivo que estás a utilizar (mesmo os números de identificación únicos do dispositivo no caso dalgunhas versións beta das nosas aplicacións móbiles), o tipo e a versión do teu navegador, a escolla de lingua do navegador ou o tipo e a versión do sistema operativo do dispositivo; nalgúns casos, o nome do teu provedor de internet ou da operadora de telefonía móbil, a web que te levou ata os webs de Wikimedia, as ligazóns que clicaches e as páxinas que visitaches, así como a data e hora de cada clic que fixeches nos webs dos proxectos da Wikimedia.
En poucas palabras, utilizamos esta información para mellorar a túa experiencia cos webs da Wikimedia. Por exemplo, usamos eses datos para xestionar os proxectos, para ofrecer unha maior seguridade e combater o vandalismo; para optimizar as aplicacións móbiles, para personalizar o contido e establecer escollas de lingua, para probar funcionalidades, para ver o que funciona e o que non e mellorar o rendemento; para entender como as persoas usuarias manexan os webs da Wikimedia, para rastrexar e estudar o uso das diversas funcionalidades, para comprender mellor as particularidades demográficas dos diferentes proxectos da Wikimedia e para analizar tendencias.
Que información recollemos?
Empregamos diversas tecnoloxías habituais, coma os rastros, para entendermos como usas os webs da Wikimedia, para facer que os nosos servizos sexan máis seguros e doados de usar, e para axudar a crear unha experiencia de usuario mellor e máis axeitada ao que queres.
Facemos por recoller algúns datos en concreto con tecnoloxías habituais. Estas técnicas inclúen xeralmente os píxeles de rastrexo, JavaScript e outras tecnoloxías diversas de "almacenaxe local de datos", coma rastros e a almacenaxe local. Somos conscientes de que algunhas destas tecnoloxías non son os mozos máis riquiños da aldea e que poden utilizarse para fins pouco nobles. Por iso queremos indicar o máis claro que se poida os motivos que nos levan a usar estes métodos e o tipo de información que recollemos con cada un deles.
En función da tecnoloxía que empreguemos, os datos almacenados localmente poden ser tanto texto, imaxes e artigos completos (como se explica máis adiante) como datos persoais (por exemplo, o teu enderezo IP) e información sobre como usas os webs da Wikimedia (por exemplo, o nome de usuario ou a hora en que nos visitas). Mira embaixo máis información.
Utilizamos esta información para facer que a túa experiencia nos webs da Wikimedia sexa mellor e máis segura, para comprender mellor as preferencias das persoas usuarias e de como interaccionan coas webs da Wikimedia, así como para mellorar a calidade xeral dos nosos servizos. Nunca utilizaremos rastros de terceiros, agás que teñamos o teu permiso para facelo. Se algunha vez atopases unha ferramenta de obtención de datos persoais de terceiros que ti non a autorizases (por exemplo, se algún usuario ou administrador a colocou por erro), dínolo por favor no enderezo [email protected].
Amplía información sobre os datos que se almacenan localmente.
|
---|
Os datos almacenados localmente, o JavaScript e os píxeles de rastrexo serven para cousas como:
|
Queres saber máis aínda? Podes ler máis acerca dalgúns dos rastros específicos que empregamos, cando caducan e para que os utilizamos nas preguntas frecuentes.
Coidamos que esta colleita de datos axuda a mellorar a túa experiencia de usuario, pero podes eliminar ou desactivar todos ou algúns destes datos que se almacenan localmente mediante a configuración do navegador. Podes atopar máis información sobre algunhas das opcións que tes nas preguntas frecuentes. Malia que os datos almacenados localmente non teñen por que ser necesarios para utilizar os nosos webs, quizais algunhas funcionalidades non traballen correctamente se eliminas ou desactivas os datos que se almacenan localmente.
Como estamos vendo, algúns datos teus que apañan as ferramentas de recolección de datos gárdanse de maneira confidencial (os dos exemplos sinalados anteriormente, por exemplo). Non obstante, debes ter en conta que determinadas informacións sobre o que fas baixo o teu nome de usuario quedan á vista de todo o mundo en rexistros públicos, do mesmo xeito ca outras accións que fan outros usuarios. Por exemplo, pode ser que un destes rexistros públicos inclúa a data en que creaches a conta nun dos webs da Wikimedia, incluía no medio dun conxunto de datas de creación de contas nese web.
Como usamos a información que nos chega de ti
Xeral
Tanto nós coma os nosos provedores de servizos usamos os teus datos co obxectivo lexítimo de perseguir a nosa misión sen fin de lucro, e iso inclúe:
Xestionar os webs da Wikimedia, divulgar as túas contribucións e distribuír os nosos servizos.
|
---|
Facemos estas cousas para xestionarmos a nosa relación contigo, porque temos un interese lexítimo e/ou para cumprir a nosa obriga legal. |
Proporcionarche servizos adaptados a ti
|
---|
Adaptaremos os servizos a ti co teu consentimento, nalgunhas ocasións; ou en liña cos nosos intereses lexítimos. |
Enviarche correos con novas e con mensaxes sobre cousas que cremos que che poden interesar.
|
---|
Mandarémosche correos deste tipo só co teu consentimento, agás que a lei correspondente permita outra cousa. Non vendemos, alugamos ou empregamos o teu enderezo de correo para promocionar produtos ou servizos de terceiros. Podes xestionar os tipos de avisos que recibes e a frecuencia con que os recibes na sección de Configuración de avisos e perfil de usuario. Se queres saber máis sobre o correo electrónico, os avisos e como mudar as túas escollas podes consultar as preguntas frecuentes. |
Enviar enquisas voluntarias e pedir opinión sobre o funcionamento.
|
---|
Cando cadre que che pidamos a túa opinión, sempre che explicaremos como imos usar as túas respostas e mailos datos persoais que nos proporciones. As enquisas e as preguntas de opinión que che fagamos son sempre voluntarias. Só che mandaremos este tipo de peticións co teu consentimento, agás que a lei correspondente permita outra cousa. Podes xestionar os tipos de avisos que recibes e a frecuencia con que os recibes na sección de Configuración de avisos e perfil de usuario. Se queres saber máis sobre o correo electrónico, os avisos e como mudar as túas escollas podes consultar as preguntas frecuentes. |
Mellorar as webs dos proxectos Wikimedia e facer que a túa experiencia de usuario sexa máis segura e mellor.
|
---|
Facemos estas cousas para afondar nos nosos lexítimos intereses e/ou para cumprir as obrigas legais. |
Outros
Información sobre localización
GPS e outras tecnoloxías de localización
Como sinalamos antes, podemos usar tecnoloxías habituais de localización para amosarche contido que sexa máis relevante para ti. Por exemplo, as nosas aplicacións móbiles poden identificar artigos dos proxectos de Wikimedia sobre lugares de interese que estean preto de onde ti estás. Lembra que podes aceptar e/ou desactivar o noso acceso a esas tecnoloxías de localización cando queiras, por exemplo a través das posibilidades de configuración que veñen de serie co sistema operativo do teu trebello móbil, e aínda así seguir a usar os webs da Wikimedia.
Os metadatos
Como xa sinalamos antes, podemos recibir automaticamente do teu trebello información sobre onde te atopas. Por exemplo, se publicas unha foto coa app para móbiles de Wikimedia Commons, ten en conta por favor que a configuración por defecto do teu trebello móbil a miúdo fai que os metadatos que veñen asociados á imaxe se inclúan na publicación. Lembra que se non queres que nos cheguen os metadatos das imaxes e que se publiquen a canda elas, muda por favor a configuración no teu dispositivo.
Os enderezos IP
Ao visitares calquera dos webs da Wikimedia recibimos automaticamente o enderezo IP do dispositivo (ou do servidor proxy) que usas para conectarte á internet, que pode empregarse para deducir a túa localización xeográfica. Gardamos os datos dos IPs de xeito confidencial, agás nos casos que se explican nesta norma. Se estás a visitar os webs da Wikimedia co teu trebello móbil pode que usemos o teu enderezo IP para proporcionarlles aos provedores de servizos información agrupada, ou desprovista de datos identificadores, sobre o volume de uso de determinadas zonas.
Utilizamos os datos de onde estás para facer que a túa experiencia de uso dos webs da Wikimedia sexa máis segura e mellor, para entender mellor as preferencias das persoas usuarias e a súa interacción cos webs da Wikimedia e, en xeral, para mellorarmos os servizos. Por exemplo, utilizamos estes datos para proporcionar unha maior seguranza, para optimizar as aplicacións móbiles e para saber como expandir e darlles un mellor apoio ás comunidades Wikimedia. Tamén utilizamos a información persoal como se describe nas seccións "Por obriga legal" e "para Protexerte a ti, a nosoutros e os demais" desta norma.
Cando pode ser que divulguemos os teus datos?
Usamos e divulgamos os teus datos persoais cando nos dás permiso explícito para facelo, por obriga legal e nas circunstancias que se describen aquí embaixo.
Co teu permiso
Se estás de acordo, podemos divulgar os teus datos cunha finalidade concreta. Por exemplo, se che concedemos unha bolsa pode que che pidamos os datos para pasarllos á agrupación local coa que vas traballar. Podes atopar máis información na listaxe de exemplos que hai nas preguntas frecuentes.
Por obriga legal
Só lles habemos revelar os teus datos persoais ás autoridades ou a outras persoas en resposta a un procedemento legal oficial se cremos que este procedemento é legalmente válido. Podes consultar tamén os nosos Guieiros e procedementos para solicitudes de datos de persoas usuarias. Avisarémoste das solicitudes que nos fagan cando sexa posible. Isto facémolo para afondar nos nosos lexítimos intereses e/ou para cumprir coas obrigas legais.
Empregaremos, gardaremos, revelaremos e/ou accederemos aos teus datos persoais se cremos que cómpre facelo para obedecer un requirimento, unha citación, unha orde dos xulgados, unha lei ou un regulamento, ou calquera orde xudicial ou administrativa que sexa legalmente válida. Con todo, se cremos que unha petición concreta para revelar información dun usuario non é legalmente válida ou é un abuso do sistema legal, e o usuario ou usuaria afectada non pretende oporse persoalmente a esa divulgación, faremos o que poidamos para sermos nós os que nos opoñamos a ela. Comprometémonos a notificarche por correo electrónico no prazo de dez (10) días naturais, cando sexa posible, antes de divulgar os teus datos persoais en resposta a unha solicitude legal. Non obstante, só podemos darche aviso se temos o teu correo electrónico, se non nos prohibiron legalmente poñernos en contacto contigo, e se ao facelo non creamos ou aumentamos un risco real para a túa persoa.
Ningunha disposición desta norma de protección de datos está destinada a limitar as proteccións legais ou os recursos que poidas presentar logo de solicitudes de terceiros (sexan civís, penais ou administrativas) para que lles revelemos os teus datos. Recomendámosche que procures asesoramento legal inmediatamente se te ves involucrado nunha solicitude nese sentido.
Para máis información, consulta a nosa páxina de respostas sobre requirimentos.
Se a nosa organización cambia de mans (algo moi pouco probable!)
No improbable caso de que muden os propietarios da Fundación, avisarémoste e darémosche un prazo de 30 días antes de transferirlles calquera dato persoal teu aos novos propietarios ou de que os datos pasen a estar rexidos por unha nova norma de protección de datos.
No caso moi, pero que moi improbable de que muden os propietarios de toda ou dunha parte substancial da Fundación, ou de que nos vexamos abocados a unha restruturación (como unha fusión, unha concentración ou unha adquisición), conservaremos os teus datos persoais de xeito confidencial, agás nas circunstancias que se explican neste regulamento, deixarémosche aviso nos webs da Wikimedia e mandarémosche unha mensaxe comunicándocho en WikimediaAnnounce-L ou nunha listaxe de distribución semellante polo menos trinta (30) días naturais antes de transferir datos persoais ningúns, ou de que estes queden rexidos por unha norma nova e distinta de protección de datos.
Para protexerte a ti, a nosoutros e os demais
Nosoutros, ou aqueles usuarios que gocen de determinados permisos de administración, podemos empregar e revelar datos persoais que sexan razoablemente necesarios para:
- perseguir ou investigar posibles infraccións das normas polas que se rexen as comunidades ou a Fundación Wikimedia;
- protexer a organización, a infraestrutura, o cadro de empregados, as empresas subcontratadas ou o público en xeral; ou
- impedir ameazas inminentes ou serias á integridade física ou á vida dunha persoa.
Facémolo deste xeito para xestionar ben a nosa relación contigo, para afondar nos nosos lexítimos intereses e/ou para cumprir a nosa obriga legal.
Nosoutros, ou aqueles usuarios que gocen de determinados permisos de administración (que se describen aí embaixo), temos que usar e compartir os teus datos persoais se razoablemente cremos que é necesario para combater ou investigar posibles infraccións dos nosos termos de uso, desta norma de protección de datos ou de calquera norma da Fundación Wikimedia ou das normas das comunidades de usuarios. Quizais tamén necesitemos acceder e compartir datos persoais para investigar e defendernos de ameazas ou accións legais que veñan contra nós.
Os webs da Wikimedia son colaborativos, e son as persoas usuarias as autoras da maioría das normas polas que se rexen e as que elixen, de entre elas, as que van contar con determinados permisos de administración. Estes permisos poden incluír o acceso a unha cantidade limitada de información non pública sobre as contribucións recentes e a actividade doutros usuarios. Estes usuarios con permisos especiais empregan este acceso privilexiado aos datos para axudar na protección contra o vandalismo e os abusos, para combater o acoso a outras persoas usuarias e, xeralmente, para minimizar o comportamento disruptivo nos proxectos da Wikimedia. Estes grupos de persoas administradoras escolleitas polos demais usuarios teñen as súas propias normas de protección de datos e de confidencialidade, pero deben comprometerse a cumprir a nosa norma de acceso á información non pública. Estes grupos de persoas administradoras escolleitas polo resto de usuarios son responsables ante os demais a través dun sistema de transparencia e contrapesos: as persoas elíxense mediante un proceso guiado pola comunidade e o seu labor supervísano os seus compañeiros a través dun repositorio histórico que rexistra todas as súas accións. Porén, a Fundación Wikimedia non coñece os nomes legais destas persoas usuarias.
Agardamos que isto nunca chegue a pasar, pero podemos revelar os teus datos persoais se cremos que é razoablemente necesario para previr un grave e inminente dano físico a unha persoa (mesmo a morte), ou para protexer a nosa organización, o cadro de empregados, as empresas contratadas, os usuarios ou o público xeral. Tamén podemos revelar os teus datos persoais se cremos que é razoablemente necesario para detectar, impedir ou avaliar e tratar o correo non desexado, o software pernicioso, a fraude, abusos, actividades ilegais e problemas de seguranza ou técnicos. Se queres máis información sobre isto, consulta a listaxe de exemplos nas preguntas frecuentes.
Aos nosos provedores de servizos
Divulgámoslles datos persoais aos nosos provedores de servizos ou ás empresas subcontratadas para axudar no funcionamento e na mellora dos webs da Wikimedia e para proporcionar servizos que axuden na nosa misión.
Usamos provedores de servizos externos ou empresas subcontratadas para axudar no funcionamento ou mellora dos webs da Wikimedia para ti e os demais usuarios. Dámoslles acceso aos teus datos persoais a estes provedores externos na medida en que lles cómpren para nos prestaren os servizos ou para usaren as súas ferramentas e servizos. Implementamos unha serie de requisitos, como acordos de confidencialidade, para garantir que estes provedores de servizos tratan os teus datos de xeito coherente cos principios desta norma, e nunca de maneira menos garantista ca esta norma. Se queres saber máis, por favor, consulta as preguntas frecuentes.
Se visitas os webs da Wikimedia desde o teu dispositivo móbil, empregaremos o teu IP para proporcionarlles aos provedores de servizos información agrupada, ou que non conteña datos individuais, sobre o volume de uso en determinadas zonas.
Algúns provedores de servizos que traballan para nós pídennos poñer ligazóns ás súas normas de protección de datos; podes revisar a listaxe destes provedores con cadansúa ligazón ás normas respectivas.
Para comprender e experimentar
- Aos desenvolvedores voluntarios e aos investigadores dámoslles acceso aos sistemas que conteñen os teus datos persoais para que poidan protexer, desenvolver e colaborar nos proxectos de Wikimedia.
- Tamén divulgamos datos non persoais, ou información conxunta ou non individualizada, con terceiros que están interesados en estudar os proxectos Wikimedia.
- Cando divulgamos datos persoais de usuarios con terceiros con estas finalidades pomos bastantes salvagardas técnicas e contractuais para protexer os teus datos, conforme o que se recolle nesta norma e con arranxo aos nosos lexítimos intereses.
O software de código aberto que malla por baixo dos proxectos de Wikimedia depende da colaboración de desenvolvedores de software voluntarios, que botan o tempo escribindo e probando código para axudarnos a mellorar e evoluír canda as necesidades dos usuarios. Para facilitarlles o traballo, dámoslles a algúns desenvolvedores acceso limitado aos sistemas que conteñen os teus datos persoais, pero só na medida en que sexa razoablemente necesario para desenvolveren e contribuíren aos proxectos da Wikimedia.
Do mesmo xeito, compartimos datos agregados ou non individualizados con investigadores, docentes, académicos e outras persoas e entidades interesadas que desexen estudar os proxectos de Wikimedia. Divulgarmos estes datos axúdalles a entender o uso, a visualización, e os padróns e estatísticas demográficas. Estas persoas poden compartir os seus achados connosco e coas persoas usuarias dos nosos proxectos para que todos poidamos entender mellor e mellorar os webs da Wikimedia.
Cando lles damos acceso aos datos persoais a desenvolvedores ou investigadores externos establecemos unha serie de requisitos, como salvagardas técnicas e contractuais axeitadas, co fin de asegurarmos que estes provedores de servizos tratan os teus datos conforme os principios recollidos nesta norma e de acordo ás nosas instrucións. Se estes desenvolvedores ou investigadores acaban por publicar o seu traballo ou as conclusións a que chegaron, pedímoslles que non inclúan os teus datos persoais. Ten en conta que, a pesar das condicións que lles impoñemos aos desenvolvedores e investigadores, non podemos garantir que cumpran o acordado, nin tampouco que vaiamos revisar ou monitorizar con regularidade os seus proxectos. Podes saber máis sobre a re-identificación nas preguntas frecuentes.
Porque o publicaches ti
A información que publicas é loxicamente pública e calquera pode vela e utilizala.
Todos os contidos que publiques nos proxectos de Wikimedia son iso: públicos. Por exemplo, se publicas o enderezo da casa na túa páxina de conversa, ese é un dato público e non está protexido por este regulamento. E se editas sen rexistrarte ou sen acceder coa túa conta, o teu enderezo IP quedará gardado de xeito público. Por favor, cavila sobre o nivel de anonimato que desexas ter antes de revelar información persoal na páxina de usuario ou en ningures.
Como protexemos os teus datos?
Tomamos diversas medidas físicas e técnicas, e creamos normas e procedementos, para protexer os teus datos de accesos, usos e divulgacións non autorizados.
Esforzámonos en protexer os teus datos persoais para que non haxa accesos, usos ou divulgacións non autorizados. Así, tomamos diversas medidas físicas e técnicas, e creamos normas e procedementos (como sistemas de control de acceso, devasas de rede e mais técnicas de seguridade física) destinadas a protexer os nosos sistemas e os teus datos persoais. Desafortunadamente, nunca hai seguranza total cando estamos a falar de transmitir ou almacenar datos, e por iso non podemos garantir que a nosa seguridade non se vexa comprometida (tanto mediante accións técnicas como logo da violación das nosas normas e procedementos).
Nunca che pediremos o contrasinal por correo electrónico (mais podemos enviarche un contrasinal temporal a través do correo electrónico se pediches mudalo). Se algunha vez che cadra de recibir un correo electrónico que che pida o contrasinal, cóntanolo, por favor, nun correo electrónico a [email protected], para que poidamos investigar a orixe desa mensaxe.
Durante canto tempo che gardamos os datos?
Unicamente gardamos os teus datos persoais o tempo que cómpre para manter, entender e mellorar os webs da Wikimedia ou para cumprir coa lei correspondente, agás nas circunstancias que se mencionan expresamente nesta norma.
Ao que recibimos os teus datos persoais, gardámolos e conservámolos durante o menor tempo posible que nos permita manter, entender e mellorar os proxectos de Wikimedia, e mais cumprir as nosas obrigas legais correspondentes. Os datos persoais bórranse, agrúpanse ou elimínase a posibilidade de que sexan individualizados logo de pasaren 90 días. A información non persoal pode gardarse indefinidamente, se se cre axeitado. Consulta a lista de exemplos nas nosas preguntas frecuentes.
Lembra, por favor, que cando fas unha contribución calquera a un dos proxectos de Wikimedia, o histórico da páxina vaiche amosar cando fixeches a contribución, o teu nome de usuario (se entras como usuario ou usuaria rexistrada), ou o teu enderezo IP (se editas sen accederes co teu usuario, ou se aínda non te rexistraches). A transparencia das contribucións aos webs e aos históricos de versións son algo crucial para a eficacia dos proxectos da Wikimedia e para que se poida confiar neles. Se queres saber máis sobre como facemos para gardar os datos, consulta os guieiros para a conservación dos datos.
Os teus dereitos
Se queres borrar ou acceder aos teus datos persoais, contáctanos.
Para saberes como pedir que borren os teus datos persoais, ou exercer outros dereitos que quizais teñas con respecto aos teus datos, consulta as preguntas frecuentes. Se o que queres é acceder ou actualizar os datos, ou restrinxir ou opoñerte ao procesamento dos teus datos persoais, ou recibires unha copia dos datos para transmitirllos a outra entidade, contáctanos. Responderémosche a solicitude con arranxo á lei correspondente.
Por favor, ten presente que quizais poidas exercer algúns dos teus dereitos sen a nosa intervención. Por exemplo, se es unha persoa usuaria rexistrada, podes entrar no teu perfil e actualizar algúns datos persoais nas túas preferencias, e tamén descargares os datos da túa conta de usuario. Podes tamén xestionar qué avisos queres recibir e cada canto tempo queres recibilos na sección de Preferencias dos avisos.
Co obxectivo de protexer a Fundación Wikimedia e os demais usuarios, se non estás de acordo con esta norma de protección de datos non debes usar os webs da Wikimedia.
Onde se atopa a Fundación e iso que consecuencias ten para min?
A Fundación Wikimedia é unha organización sen fin de lucro con sé en San Francisco (California), cos seus servidores e centros de datos situados nos Estados Unidos de América. Se decides empregar os proxectos da Wikimedia, xa sexa dentro ou fóra dos Estados Unidos, comprendes que os teus datos persoais se che recollerán, transferirán, gardarán, procesarán, divulgarán e que se lles darán outros usos nos Estados Unidos, conforme o que se sinala nesta norma de protección de datos. Tamén entendes que pode ser que nós lles transfiramos os teus datos desde os Estados Unidos a outros países, onde pode que existan leis de protección de datos diferentes ou menos rigorosas cás que hai no teu país, en relación cos servizos que che proporcionamos.
A nosa resposta aos marcadores de "Non me rastrexes" (DNT ou Do Not Track)
Temos un firme compromiso de non compartir os teus datos con terceiros. Con arranxo a esta norma, podemos compartir os teus datos só en situacións concretas, sobre as que podes atopar máis información na sección "Cando podemos compartir a súa información?" desta norma de protección de datos. En concreto, non compartimos os teus datos persoais para venderche cousas.
Dado que protexemos a todos os usuarios con esta norma, non modificamos o noso comportamento en resposta aos marcadores de "non me rastrexes" (DNT ou Do Not Track) dun navegador web. Para obter máis información sobre os marcadores de "non me rastrexes" (Do Not Track) e sobre que facemos con eles, visita por favor as nosas preguntas frecuentes.
Mudanzas nesta norma de protección de datos
Non se lle realizará ningún cambio substancial a esta norma sen que antes transcorra un período de exposición e alegacións públicas de, cando menos, 30 días.
Dado que as cousas van mudando naturalmente co paso do tempo e que queremos garantir que a nosa norma de protección de datos reflicta con precisión o noso xeito de facer as cousas e mais a lei, pode ser necesario que mudemos esta norma de protección de datos de cando en vez. Reservámonos o dereito de facelo do seguinte xeito:
- En caso de que se produzan modificacións substanciais, presentarémoslles as modificacións propostas aos nosos usuarios en, como mínimo, tres (3) linguas (elixidas por nós) para abrir un período de exposición e alegacións que durará cando menos trinta (30) días naturais. Antes de abrir un prazo de alegacións, avisaremos das modificacións e da conveniencia de debatelas a través dos webs da Wikimedia e mediante un aviso en WikimediaAnnounce-L ou nunha lista de correo similar.
- Para facer pequenas modificacións, como correccións gramaticais, cambios administrativos ou legais ou para aclarar aspectos que non estean correctamente descritos, daremos aviso e un prazo, cando sexa posible, de polo menos tres (3) días naturais a través de WikimediaAnnounce-L ou dunha lista de correo semellante.
Pedímosche por favor que revises a versión máis recente da nosa norma de protección de datos. Que sigas a usar os webs da Wikimedia despois da data de entrada en vigor de calquera versión posterior desta norma significa que aceptas esta norma de protección de datos.
Contacta connosco
Se tes preguntas ou suxestións sobre esta norma de protección de datos ou sobre a información que recollemos con arranxo a ela, por favor, envíe unha mensaxe ao enderezo [email protected] ou contacta connosco directamente. Se resides no Espazo Económico Europeo (EEE) e tes preguntas sobre os teus datos persoais ou se che gustaría acceder a eles, ou actualizalos ou borralos, podes contactar o noso representante en [email protected], ou por correo postal a:
- Bird & Bird GDPR Representative Ireland
- 29 Earlsfort Terrace
- Dublin 2
- D02 AY28
- Ireland
- Persoa principal de contacto: Vincent Rezzouk-Hammachi
Se es un individuo que reside no Reino Unido, e tes preguntas sobre os teus datos persoais ou se che gustaría solicitar o acceso, a actualización ou o borrado dos teus datos podes contactar o noso representante vía correo electrónico en [email protected], ou mediante correo postal en:
- Bird & Bird GDPR Representative Services UK
- 12 New Fetter Lane
- London
- EC4A 1JP
- United Kingdom
- Persoa de contacto principal: Vincent Rezzouk-Hammachi
Só se lle pode consultar ao noso representante para o Espazo Económico Europeo (EEE) e para o Reino Unido verbo da protección de datos.
Dependendo da túa xurisdición, tamén podes ter dereito a presentar unha reclamación perante as autoridades de protección correspondentes no teu país ou rexión.
Grazas!
Grazas por ler a nosa norma de protección de datos. Esperamos que o pases ben cos proxectos da Wikimedia e agradecémosche participación coa creación, co mantemento e co traballo constante de mellora da maior fonte de coñecemento libre do mundo.
Ten en conta que, en caso de existir algunha diferenza de significado ou interpretación entre a versión orixinal en inglés desta norma de protección de datos e unha tradución, a que vai prevalecer é a versión orixinal en inglés.
Esta versión foi aprobada por Amanda Keton o 7 de xuño de 2021, en conformidade coa delegación de elaboración de políticas do Consello, e entrou en vigor o 25 de xuño de 2021. Podes atopar as versións anteriores a continuación:
- Norma de protección de datos (maio de 2018 - xuño de 2021): En vigor do 24 de maio de 2018 ata o 24 de xuño de 2021
- Norma de protección de datos (xuño de 2014 - maio de 2018): En vigor do 6 de xuño de 2014 ata o 24 de maio de 2018
- Norma de protección de datos (novembro de 2008 - xuño de 2014): En vigor do 25 de novembro de 2008 ata o 6 de xuño de 2014
- Norma de protección de datos (agosto de 2008 - novembro de 2008): En vigor do 19 de agosto de 2008 ata o 25 de novembro de 2008
- Norma de protección de datos (xuño de 2006 - agosto de 2008): En vigor do 21 de xuño de 2006 ata o 19 de agosto de 2008
- Norma de protección de datos (abril de 2005 - xuño de 2006): En vigor desde abril de 2005 ata o 21 de xuño de 2006