Saltar ao contido

Olfacto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sentido do olfacto»)
Zona cortical: gusto e olfacto.

O olfacto é o sentido encargado de detectar e procesar os olores. É un sentido quimiorreceptor no que actúan como estimulante as partículas aromáticas ou odoríferas desprendidas dos corpos volátiles, que ingresan polo epitelio olfactorio localizado no nariz, e son procesadas polo sistema olfactivo.

O olfacto humano distingue entre máis de 10.000 recendos diferentes. O olfacto é o sentido máis forte ao nacermos.

Características

[editar | editar a fonte]

As substancias odoríferas son compostos químicos volátiles transportados polo ar. Os obxectos olorosos liberan á atmosfera pequenas moléculas que percibimos ao inspirarmos. Estas moléculas alcanzan a mucosa olfactiva, que consta de tres tipos característicos de células: as células olfactivas sensoriais, as células de apoio e as células basais, que se dividen aproximadamente unha vez ao mes e substitúen ás células olfactivas moribundas. Os 20 ou 30 millóns de células olfactivas humanas conteñen, no seu extremo anterior, unha pequena cabeza con preto de 20 pequenos filamentos sensoriais (cilios). O moco nasal acuoso transporta as moléculas aromáticas aos cilios coa axuda de proteínas fixativas; os cilios transforman os sinais químicos dos distintos aromas en respostas eléctricas.

As prolongacións nerviosas das células olfactivas chegan ao bulbo olfactorio a través de microorificios no cranio; o bulbo é unha porción anterior do cerebro, que se ocupa da percepción dos olores. Estas prolongacións nerviosas terminan nos glomérulos, pequenas terminacións de células olfactivas de forma esférica onde se procesan os sinais aromáticos que logo son conducidos por células receptoras especiais. A información chega primeiro ao sistema límbico e ao hipotálamo, rexións cerebrais ontoxeneticamente moi antigas; responsábeis das emocións, sentimentos, instintos e impulsos, estas rexións almacenan tamén os contidos da memoria e regulan a liberación de hormonas. Por este motivo, os olores poden modificar directamente o noso comportamento e as funcións corporais. Só máis tarde parte da información olorosa chega ao córtex cerebral e se volve consciente.

Glándulas pituitarias

[editar | editar a fonte]

Os receptores químicos do olfacto son:

  • A pituitaria vermella: Atópase na parte inferior das fosas nasais e está recuberta por numerosos vasos sanguíneos que quentan o ar.
  • A pituitaria amarela: Atópase na parte superior das fosas nasais e ten tres capas:
  1. Células de apoio
  2. Células olfactorias
  3. Células basais

As células olfactorias son células nerviosas receptoras de estímulos químicos provocados polos vapores. Na pituitaria amarela atópanse as glándulas mucosas de Bowman, que liberan un líquido que mantén húmido e limpo o epitelio olfactorio.

Para estimular os quimiorreceptores da pituitaria amarela cómpre que as substancias sexan volátiles, é dicir, teñen que desprender vapores que poidan penetrar nas fosas nasais, e que sexan solúbeis en auga para que se disolvan no moco e cheguen ás células olfactorias. Estas transmiten un impulso nervioso ao bulbo olfactorio e dende este aos centros olfactorios da codia cerebral, que é onde se interpreta a sensación de olor. Existen 7 tipos de células olfactorias, cada unha capaz de detectar un tipo de molécula, é dicir, un tipo de olor. Estes son:

  • Alcanforado: cheiros similares ao naftaleno.
  • Almiscrado: cheiro a almiscre.
  • Floral: cheiro a flores.
  • Mentolado: cheiro a menta.
  • Etéreo: cheiro a éter etílico.
  • Picante: cheiro áspero e molesto.
  • Pútrido: cheiro a podre.

No ano 1991 descubríronse os primeiros xenes das proteínas receptoras do olor. Estas moléculas receptoras residen na membrana de células sensoriais, que reteñen un aroma e envían a mensaxe correspondente ao cerebro a través dunha cadea de reaccións químicas. En 1996 foi caracterizado o primeiro receptor olfactivo humano.

Doenzas do olfacto

[editar | editar a fonte]
  • Hiposmia é a redución da capacidade de detectar olores.
  • Anosmia é a perda do olfacto. Un dos primeiros síntomas na súa detección é que as persoas que a padecen non senten o sabor das súas comidas e a notan insípida (sen sabor) pola conexión que existe entre o sentido do gusto co olfacto. Adoita estar producida por trastornos químicos e, xeralmente, por traumatismos craniais ou intervencións cirúrxicas.

Existen tres grandes grupos de danos ao olfacto: danos químicos, cambios no tecido e danos físicos. Os danos químicos débense a factores esóxenos, neste caso a produtos químicos que poden producir efectos temporais ou permanentes, como sería o caso de respirar vapores corrosivos. Os cambios no tecido prodúcense por factores endóxenos como doenzas ou atrofia. Os factores físicos inclúen o dano mecánico producido por intervencións cirúrxicas ou traumatismos. Os factores que desencadean unha doenza no olfacto son principalmente infeccións nos seos paranasais, trastornos hormonais e problemas dentais, ademais da exposición a axentes químicos. Existe un concepto interesante chamado fatiga olfactiva que consiste en que, logo de certo tempo en presenza dun tipo de olor, deixamos de percibilo. Isto pode supor un perigo, por exemplo, no caso dos tioles que leva o gas para poder ser detectado, pois tras uns minutos afacémonos á súa presenza e deixamos de detectalo aínda que é sinal de toxicidade e perigo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]