Manuel de Falla y Matheu, nado en Cádiz o 23 de novembro de 1876 e finado en Alta Gracia (Arxentina) o 14 de novembro de 1946, foi un compositor andaluz do nacionalismo musical. Con Isaac Albéniz, Enrique Granados, Joaquín Turina e Joaquín Rodrigo é un dos músicos máis importantes da primeira metade do século XX en España, e un dos compositores españois máis importantes de todos os tempos.
Pertenceu a unha acomodada familia de comerciantes gaditanos e recibiu formación musical dende a súa infancia, tanto de
piano como de
solfexo. Continuou os seus estudos con varios profesores e, grazas ás amizades familiares, entrou nos círculos culturais da cidade, particularmente na casa de
Salvador Viniegra. Alí coñeceu as obras de importantes compositores. A súa primeira interpretación pública foi coa súa nai no recital para piano de
Die sieben letzten Worte unseres Erlösers am Kreuze (en
galego As sete últimas palabras de Cristo na cruz) de
Joseph Haydn. Posteriormente, trasladouse a Madrid, onde continuou a súa formación en piano con
José Tragó e compuxo obras para piano e
música de cámara. Coñeceu a
Felip Pedrell, quen foi unha notable influencia na súa posterior carreira e espertou o seu interese polo
flamenco e o
cante jondo. Máis tarde, marchou a
París, onde fixo amizade con diversos membros da sociedade cultural da cidade, como
Paul Dukas, Isaac Albéniz,
Claude Debussy,
Ricard Viñes (que o introduciu en
Les Apaches),
Maurice Ravel,
Igor Stravinskii ou
Joaquín Nin. Ao seu regreso a Madrid en 1914, estreitouse a súa relación con
María e
Gregorio Martínez Sierra, e colaboraron nalgunhas das súas obras. Tivo unha destacada presenza na vida cultural e política da cidade e creceu a súa popularidade, e traballou con
Sergei Diagilev e os seus
Ballets Russes. En 1919 marchou a Granada, onde fixo relación con
Antonio de Luna García,
Federico García Lorca,
Miguel Cerón,
Fernando de los Ríos,
Hermenegildo Lanz e
Manuel Ángeles Ortiz, entre outros, e puido coñecer con maior profundidade o flamenco e o cante jondo. En 1939, e finalizada en España a
guerra civil, trasladouse á Arxentina, onde viviu ata o seu falecemento en 1946.