Novela policial
A novela policial, ou novela detectivesca, é un subxénero dentro da novela. O seu principal móbil constitúeo a resolución dun enigma, xeralmente de tipo criminal. Adoita tratarse dunha estrutura novelística pechada.
Historia
editarSe ben o xénero ten moi antigos precedentes (como os contos hebreos tradicionais sobre a sagacidade do profeta Daniel incorporados á Biblia no Libro de Daniel, ou a traxedia de Sófocles Edipo Rei, ou a novela picaresca, ou a biografía de criminais, ou os libros de causas célebres). O xénero é fundamentalmente tan moderno como a mesma literatura de ciencia ficción, e tense desenvolvido durante os séculos XIX e XX. Nos seus inicios foi cualificado como "literatura barata" ou "subliteratura" porque o crime era de por si un tema antiestético e non había fondo moral nin artístico.
Pode dicirse que o creador da novela policial é o estadounidense Edgar Allan Poe, cos seus contos The Murders in the Rue Morgue (1841), The Mystery of Marie Rogêt (1842), The Purloined Letter (1844) e The Gold-Bug (1843). Os tres primeiros foron protagonizadas por Auguste Dupin, o primeiro detective de ficción, que serviu de modelo a un dos personaxes arquetípicos do xénero, o detective Sherlock Holmes de Arthur Conan Doyle. Este, xunto a Agatha Christie e outros autores, levaron ó xénero á súa madurez formando a chamada escola inglesa de novela policial, caracterizada por un desenvolvemento case matemático da trama, centrada na resolución do enigma a través de pistas e pezas que deben encaixarse, fórmula intelectualizada e psicolóxica nos seus mellores momentos que é desenvolta case sempre en espazos interiores e en estratos sociais de clase alta.
Novela negra
editar- Artigo principal: Novela negra.
A escola estadounidense de novela policial, pola contra, formada principalmente por Dashiell Hammett e Raymond Chandler na costa oeste (detectives privados en California) e por Chester Himes (policías negros no Harlem neoiorquino), criticou o escaso realismo desas novelas e deixou en segundo lugar a importancia do enigma, subordinándoo ó suspense, sempre coa fin de subliñar os aspectos sociais do crime e a denuncia dunha sociedade corrupta, contribuíndo a crear a chamada novela negra, de ambientación urbana e das rúas e suburbios e onde se devolve o crime ós ambientes miserables onde máis se adoita cometer, de forma que se cuestionen os valores éticos e materialistas da sociedade capitalista de consumo como responsable en última instancia do crime.
A novela negra evolucionou e vulgarizouse grazas ó seu éxito en coleccións populares cara ao subxénero do suspense, onde se mesturan as novelas policiais coas novela de aventuras.