Frauta

instrumento musical da familia dos Instrumentos de vento-madeira

A frauta[1] é un tipo de instrumento musical da familia dos Instrumentos de vento-madeira. A diferenza dos instrumentos de vento con palletas, unha frauta é un instrumento de vento que consta dun tubo cilíndrico que produce o seu son a partir do fluxo de aire, insuflado polo instrumentista, que entra a través dunha abertura ou bisel que vibra grazas ao contacto contra o bordo da embocadura. Segundo a clasificación de instrumentos musicais Hornbostel-Sachs atópase na categoría dos aerófonos, instrumentos que en si non vibran, e que non teñen cordas ou membranas que o fagan.

Frauta
Información
Clasificación
Tesitura
Instrumentos relacionados
Músicos notables

Ao músico que toca a frauta adóitaselle chamar frautista.

Historia

editar
 
Frauta feita co óso dun oso das cavernas. Trátase do instrumento de música máis antigo achado ata o momento.
 
Frauta do período Auriñaciense, feita con óso, atopada no sitio arqueolóxico de Geissenklösterle, Alemaña. Réplica exposta no Parque da Prehistoria de Treverga, Principado de Asturias.

Agás a voz, pola sinxeleza da súa construción, poida que sexa un dos instrumentos máis antigos, pois con diversas formas atópase en todas as culturas. As primeiras frautas asemellábanse a chifres, pois só tiñan un orificio (buraco), e os romanos déronlle os nomes de tibia, fístula e cálamo porque adoitaban facerse do óso chamado tibia ou dunha cana vexetal ou metálica. Acháronse en antigas ruínas non poucas destas frautas gregas e romanas de óso e de bronce como se poden ver nas coleccións dos Museos Británico de Londres e Nacional de Nápoles. Atópanse a miúdo nas escavacións de cidades romanas uns cilindros ocos de sección de morna cun orificio lateral a xeito de frauta reducida que parece deberon servir de chifres. Máis antigas que todas elas son, sen dúbida, as frautas exipcias de cana e de óso e de sinxelas formas que garda o mencionado museo de Londres entre outros. A frauta máis antiga descuberta pode ser un fragmento dun fémur dun oso das cavernas xuvenil, con dous ou catro buracos, atopado en Divje Babe preto de Cerkno (Eslovenia) e datado en hai aproximadamente 43.000 anos. Con todo, todo isto é moi disputado[2][3] pois en 2008 atopouse unha frauta que dataron entre 40.000 e 35.000 anos atrás na rexión do Xura de Suabia de Alemaña.[4] Esta frauta furada con cinco buracos ten unha embocadura en forma de v e está feita do óso da á dun voitre. Os investigadores implicados no descubrimento publicaron as súas conclusións oficialmente no diario Nature, en agosto de 2009.[5] O descubrimento é especialmente importante porque representa o achado do instrumento musical máis antigo da historia e permite pór data á produción de música por parte da especie humana.[6] Esta frauta foi un dos instrumentos atopados na cova Hohle Fels, descuberta preto da Venus de Hohle Fels que é a escultura feminina máis antiga que se coñece.[7] Ten tres buracos e, do mesmo xeito que as frautas modernas de tres buracos, suxeriuse que modificando a presión de aire podería producir melodías de notable complexidade.[8] Ao anunciar o descubrimento, os científicos suxerían que o achado demostra a presenza dunha tradición musical ben establecida no tempo en que os humanos modernos colonizaron Europa.[9] Estas frautas demostran que xa había unha tradición musical desenvolvida desde os primeiros tempos da presenza dos humanos modernos en Europa.[10] Os científicos tamén suxeriron que o descubrimento desta frauta pode axudar a explicar a probable diferenza cognitiva e comportamental entre os Neanderthais e os primeiros humanos modernos.[6]

Aínda que esta é a mellor conservada das que atoparon neste lugar, tamén se lle atoparon outras feitas cun cabeiro de mamut, unha delas con tres buracos. Unha antigüidade de entre 30.000 e 37.000 anos é a que se atribúe á frauta ou chifre feita cun cabeiro de mamut que se atopou na cova de Geißenklösterle, en Alemaña , preto de Ulm[11] en 2004. Aproximadamente da mesma época datan outras dúas frautas, estas feitas con óso de cisne, que se descubriron unha década antes na mesma cova alemá, e ás que se atribúe unha antigüidade duns 36.000 anos. Estas atoparíanse entre os instrumentos máis antigos que se coñecen, o que permite afirmar que a frauta (ou o chifre) sería o instrumento máis antigo da humanidade. Outras frautas igualmente do paleolítico con antigüidades entre os 20.000 e 25.000 anos xa consideran as dúas grandes tipoloxías de embocadura, segundo o bisel estea practicado no extremo do tubo sonoro ou no interior deste. Entre os primeiros, progresivamente, fóronse desenvolvendo diversos tipos de bisel segundo tivera ou non tivese unha marca, que podería ter formas diversas (rectangular, ovoide, triangular...). Son posteriores os tipos de frauta con burato lateral.[12][13] No período Auriñaciense estes instrumentos, agora cunhas perforacións laterais, empezáronse a prodigar máis, e proliferaron uns 5.000 anos máis tarde, no madaleniano.

A frauta travesa apareceu con posterioridade aos chifres e frautas rectas. A máis antiga conservada é un chi (篪|) que foi descuberto na tumba do marqués Yi de Zeng, en Suizhou, na provincia chinesa de Hubei. Data do 433 antes de Cristo, durante a dinastía Zhou. Está feita de bambú e decorada con lacados, ten os dous extremos tapados e ten cinco buracos. As frautas chi aparecen mencionadas no Shi Jing, que foi recompilado e editado por Confucio.

Nas grandes civilizacións da antigüidade, as frautas -tanto rectas como travesas- aparecen en Mesopotamia cara ao 2500 a.C., con nomes como ti gi a, tigi ou tigtigi, con funcións rituais nos templos. En Exipto, onde se coñeceu co nome de seba, mantivo unha función similar. Tiña tres buracos e soprábase polo bordo do extremo do tubo, de xeito similar ao ney e o kaval. Non sería ata a Grecia clásica que se practicaron ata seis ou máis buracos nas frautas.

Un tipo arcaico de frauta travesa é o que se desenvolveu sobre todo na China durante a dinastía zhou e que se coñece co nome de Ti; tivo un número crecente de buracos, un dos cales tapábase cunha fina fibra vexetal que vibraba ao vibrar a columna de aire e modificaba o timbre do instrumento; alcanzou o seu desenvolvemento máximo durante a dinastía Ming. Outro tipo de frauta travesa é o que se desenvolveu na India e que se coñece como bansuri.

A frauta da Grecia clásica era o syrinx, aínda que ás veces tamén recibía o nome de aulos, aínda que en realidade era un instrumento de lingüeta. Algo parecido ocorría no mundo romano entre a fístula e a tibia. O termo árabe xenérico para a frauta era sabbâba que influíu sobre o termo castelán medieval ajabeba, aínda que este referíase a unha frauta travesa, aquel aplicábase a todo tipo de frautas.

 
Representación de dúas frautas travesas nunha miniatura das cantigas de Afonso X o Sabio

Aristóteles fixo a seguinte declaración sobre a frauta: "Nós escoitamos unha canción na frauta con máis pracer do que na lira, pois o canto da voz humana e a frauta mestúranse ben por causa da súa correspondencia e simpatía, unha e outra anímanse polo vento!"[14]

A frauta do deus Pan ou syrinx, que consta dunha serie de tubiños xustapostos e de magnitude decrecente, áchase debuxada en antigos relevos gregos e en pinturas romanas con idéntica forma á que ten hoxe en día.

 
Pintura de Edouard Manet, na que se representa a un raparigo tocando un frautín

A Biblia, no Xénese, capítulo 4, versículo 21, cita a Jubal[15] como pai de todos os que tocan o Ugab (frauta vertical de varios tubos) e o kinnor (lira portátil). O primeiro termo refírese ás veces a algúns instrumentos de vento en concreto e, outros, a algúns en particular; e o segundo a instrumentos de corda. Como tal, na tradición xudeu-cristiá, Jubal é tido como o inventor da frauta, un termo que se emprega nalgunhas traducións da Biblia.

Durante a Idade Media desenvolvéronse varios modelos de frautas dobres, ás veces tratábase de dous instrumentos separados que eran tocados xuntos e, noutros casos, dun instrumento construído xa como tal con dous tubos que nuns casos eran paralelos -como no caso do diple - e outros en ángulo, como o que toca un dos anxos músicos no retablo de Ferrer Bassa. De feito, xa na Grecia clásica existiran aulos dobres, en ángulo, segundo se pode ver en multitude de representacións pictóricas sobre cerámica.

Cara ao século XIV a frauta travesa aparece en varias fontes mencionada como frauta alemá, sen dúbida debido ao arraigamento que este instrumento tivo naquelas terras, mentres que a frauta de pico ou recta coñecíase como frauta de Inglaterra. Durante a Idade Media, todas as frautas -excepto os modelos de tesituras máis agudas- foron sempre consideradas instrumento de 'música baixa', é dicir de sonoridade suave, doce (pensemos na frauta de pico denominada tamén frauta doce), especialmente adecuadas para a música de interiores, e cun notable predicamento na iconografía relixiosa, especialmente nos abundantes concertos de anxos da pintura gótica e posterior, nos que a Virxe María aparece rodeada de anxos tocando instrumentos.[16]

En Europa, desenvolvéronse moitas tipoloxías de frautas na música tradicional e a folclórica, a inmensa maioría delas sopradas polo extremo do tubo e con canle de aire (ademais dalgunhas zonas que se decantaron máis ben polas frautas de pan). En cambio, no ámbito da música clásica as relacións entre as frautas de pico e as travesas foi bastante diferentes.

No Renacemento e no Barroco conviven ámbolos dous tipos de instrumentos. A frauta de pico, ao longo do século XVI desenvólvese nunha familia integrada por unha serie de instrumentos de características practicamente idénticas, con afinacións diferentes -con predominio das frautas en do e fa- que permiten de tocar música polifónica cun timbre homoxéneo. En cambio, a frauta travesa non chegou a desenvolver unha familia comparable á da envergadura da frauta de pico, aínda que Alexander Agricola no seu tratado música instrumental deudsch do 1528 mostra unha familia de catro frautas travesas de tamaños e tesituras diferentes. Aínda que unha parte da literatura barroca para frauta permite ser tocada con ámbolos tipos de frauta, aínda que se adapte máis ben a unha que á outra, tamén hai mostras de música exclusivamente pensada para unha e non para a outra. Constitúen un exemplo do primeiro caso as sonatas para un instrumento melódico e baixo continuo que Haendel publicou como acompañados cunha serie de instrumentos entre as que se atopan ámbolos tipos de frautas, ademais do violín ou o óboe, o certo é que algunhas son máis indicadas para un destes instrumentos. En cambio, Johann Sebastian Bach acompaña con dúas frautas de pico o concertino no seu segundo concerto de Brandeburgo, pero cunha frauta travesa para o quinto da mesma serie.

No Clasicismo a frauta travesa xa era practicamente a única empregada nos ámbitos da música de concerto e a ópera, só personaxes de baixa extracción social como Papageno en A frauta máxica de Mozart tocan outros tipos de frauta como a frauta de pan. Construída en madeira, deu un salto cualitativo importante no momento en que Theoblad Böhm (1794 - 1881) inventou e aplicoulle un sistema de claves que facilitaba a execución á vez que incrementaba substancialmente as posibilidades; un sistema que máis tarde adaptaría e aplicaría a outros instrumentos de vento-madeira. Posteriormente, a frauta travesa pasaría a construírse en metal. Ao longo do século XIX igual como sucedeu con tantos outros instrumentos de vento, a frauta travesa de orquestra foi obxecto de experimentacións diversas, entre outras a do mesmo Boehm, ou as diferentes formas que se buscaban para construír frautas de tesituras máis graves.

Pola súa banda, a frauta de pico renaceu a unha escala importante ao longo do século XX, en dous terreos diferentes. Por unha banda, para a interpretación da música antiga con criterios e instrumentos o máis próximos posible aos da época en que fora creado o repertorio. Por outra banda, e unha vez feitas algunhas adaptacións como a fabricación industrializada a prezos económicos, a experimentación con plásticos diversos, e a adaptación do sistema de dixitación a unha modalidade máis simple, o instrumento popularizouse no mundo da educación musical na escola.

Exemplo do son dunha frauta. "Londres, British Museum, add.29987, Chominciamento de Gioia, XIIIs"

Unha frauta produce un son cando un fluxo de aire dirixido a través dun buraco de entrada no instrumento crea unha vibración de ar cara ao buraco de saída.[17][18]

A pesar de que os chifres tamén producen o son por medio dun bisel e que tipoloxicamente poden ser considerados como frautas, o certo é que, normalmente, cando se refire á frauta é para aplicalo a instrumentos que teñen unhas posibilidades máis grandes que aqueles para articular sons varios. A frauta posúe un son melodioso, de timbre suave e doce.[19]

O seu son depende esencialmente, por un lado, da natureza e da dirección da onda do ar e, por outro, da lonxitude da columna do ar.

A produción dos sons, na frauta, como en calquera instrumento de vento cun tubo resoador, vén determinada polas chamadas leis de Bernouilli segundo as cales a frecuencia (e, polo tanto, a altura) do son producido é inversamente proporcional á lonxitude do tubo que vibra, e directamente proporcional á velocidade que ten o fluído (o ar neste caso) que hai dentro do tubo. Doutra banda, os tubos abertos poden producir o ton fundamental e todos os seus harmónicos, mentres que os cercados só producen o fundamental e os harmónicos impares. Finalmente dous tubos da mesma lonxitude, nos cales o ar vibra coa mesma velocidade, pero de forma que un sexa aberto e o outro cercado, o son fundamental que produce o tubo pechado ten unha frecuencia que é a metade que o outro, é dicir, que soa unha oitava inferior. Finalmente, cabe engadir que os tubos que teñen un diámetro especialmente pequeno en relación á súa lonxitude facilitan moito a produción de harmónicos (e resulta difícil producir o son fundamental). De acordo con isto, a produción dos sons de diferentes alturas nunha frauta pódese facer de xeitos moi diversos:

  • Modificando a presión da columna de ar que se fai incidir sobre o bisel: a unha presión maior corresponde un son algo máis agudo, de forma que a variación continua de presión pode producir un son que flutúa na súa altura, producindo un tipo de glissando de ámbito máis ben reducido. Esta variación tamén se pode facer de xeito descontinuo, para obter sons separados e articulados de altura diferente.
  • Modificando a presión da columna de aire pero nunha magnitude máis grande que no caso anterior: o aumento da presión e, polo tanto, da velocidade do aire dentro do tubo sonoro forza a variar o modo de vibración desta, de forma que deixa de soar a nota que soaba ata entón e pasa a soar un harmónico superior.
  • Modificando a lonxitude do tubo sonoro. A altura do son producido é inversamente proporcional á lonxitude do tubo sonoro. Na maioría de frautas esta alteración é descontinua dado que a lonxitude da columna de aire dentro do tubo se modifica tapando e destapando buracos, pero nas frautas de pistón ou de émbolo esta modificación é continua e produce un efecto de glissando.

O son fundamental da frauta é o Dó3, a partir do cal a extensión do instrumento é de 3 oitavas, grazas aos harmónicos 2 e 4 (oitava e dúo oitavo), cuxa emisión é obtida pola modificación da presión do sopro.[20]

Tipos de frautas[21]

editar

Os grupos de frautas son os seguintes:

 
Quena.
  • Frautas sopradas polo extremo, tanto se teñen muesca coma se non a teñen. Están moi estendidas. Entre elas, por citar as máis coñecidas en Occidente, a quena, que é tocada en varios países de América do Sur ou o Shakuhachi xaponés. Moitas delas son feitas de cana.
  • Frautas con conduto de aire e un bisel na fiestra, todo iso na embocadura. Son un grupo moi grande e moi numeroso. Aínda que non sexan realmente instrumentos musicais, neste grupo están os chifres (feita excepción dos globulares) e os siurells. As frautas de pico intégranse neste grupo. Tamén as numerosas frautas de tres buracos que se tocan cunha soa man (normalmente a esquerda: tres dedos tapan buracos e os outros dous suxeitan o instrumento, un tubo moi longo e delgado facilita a formación de harmónicos e, xa que logo, a execución dunha escala enteira aínda que só haxa tres buracos) mentres coa outra se toca un tambor. Neste grupo hai numerosos exemplares: o pipe and tabor que interpreta a Morris dance en Inglaterra, o galoubet da Provenza, o flageolets, o txistu do País Vasco, a frauta da Maragatería, o pito rociero de Andalucía etc. Aínda que non teñan tres buracos senón máis, os diferentes tipos de frautíns forman parte deste mesmo grupo.
  • Frautas de recipiente. Teñen a particularidade de que o resoador non ten forma tubular e si globular. Algunhas teñen buracos e poden articular algún tipo de melodía, pero outros son simples chifres. Os chifres metálicos máis habituais son deste tipo. Algúns son feitos de arxila. Hainos que se sopran no extremo, sen portelo, e outros con bisel despois da canle de aire e do portelo. Na cultura azteca foron moi frecuentes, feitas con arxila e representan seres mitolóxicos diversos. Tamén a ocarina forma parte desta tipoloxía, do mesmo xeito que o xun chinés e varias frautas globulares africanas.
 
Diagrama dunha frauta travesa.

Galería de imaxes

editar
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para frauta.
  2. Tenenbaum, David (2000). University of Wisconsin, Board of Regents, ed. "Neanderthal jam". The Why Files (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2006. Consultado o 8 de abril de 2012. 
  3. Historia da frauta, UCLA. 8 de abril de 2012 (en inglés).
  4. BBC. "Is this bone a Neanderthal flute?" [É esta unha frauta de óso de Neanderthal?] (en inglés). 
  5. Nicholas J. Conard, Maria Malina, and Susanne C. Münzel (2009). "New Flutes Document the Earliest Musical Tradition in Southwestern Germany". Nature 460 (7256): 737–40. Bibcode:2009Natur.460..737C. ISSN 0028-0836. PMID 19553935. doi:10.1038/nature08169. 
  6. 6,0 6,1 BBC World News, ed. (2009-06-25). "'Oldest musical instrument' found". Consultado o 26-6-2009. 
  7. MSNBC, ed. (2009-06-24). "Music for cavemen". Arquivado dende o orixinal o 26-06-2009. Consultado o 15-09-2012. 
  8. Artigo de divulgación sobre o achado e gravación do son que pode producir unha reprodución desta frauta Arquivado 30 de agosto de 2010 en Wayback Machine.(en castelán)
  9. The New York Times, ed. (24-6-2009). "Flutes Offer Clues to Stone-Age Music". Consultado o 29-09-2012. 
  10. Wilford, John N. (xuño 24, 2009). "Flutes Offer Clues to Stone-Age Music". The New York Times 459 (7244): 248–52. Bibcode:2009Natur.459..248C. PMID 19444215. doi:10.1038/nature07995. Consultado o 18 de marzo de 2012. . Citation on p. 248.
  11. ‘Earliest musical instruments were first produced in Europe 40,000 years ago’ Arquivado 12 de outubro de 2012 en Wayback Machine. Universidade de Oxford (consultado o 6 de outubro de 2012)(en inglés)
  12. Gran Enciclopèdia de la Música. Barcelona, GEC
  13. Andrés, Ramon (1995): Diccionario de Instrumentos Musicales. Barcelona, Bibliograf
  14. "Frase de Aristóteles". frazz.com.br (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2009. Consultado o 18 de marzo de 2012. 
  15. "Los Orígenes de las Primitivas Bandas". Histomúsica (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2013. Consultado o 27 de outubro de 2012. 
  16. Rodríguez Suso, Carmen (1988): Un ejemplo de iconología musical: María Lactans y los Angeles en la Cataluña bajomedieval. Musiker: cuadernos de música, ISSN 1137-4470, Nº. 4, 1988, pags. 7-34 (en castelán)
  17. Flute acoustics, UNSW. (en inglés) Consultado o 13 de maio de 2012.
  18. Wolfe, Joe. UNSW Music Acoustics, ed. "Introduction to flute acoustics" (en inglés). Consultado o 13 de maio de 2012. 
  19. "Frauta Doce e Frauta Transversal: Cal a diferenza?". mundomax.com.br (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2013. Consultado o 17 de febreiro de 2012. 
  20. "Instrumentos -Frauta". agnazare.ccems.pt (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2012. Consultado o 17 de febreiro de 2012. 
  21. Musical Instruments of the World. Diagram Group. 1976

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Andrés, Ramon (1995): Diccionario de Instrumentos Musicales. Barcelona, Bibliograf.
  • Corominas, Joan: Diccionari etimològic i complementari de la llengua catalana. Barcelona, Curial. Vol. 4. P. 24.
  • Gran Enciclopèdia de la Música. Barcelona, GEC.
  • Musical Instruments of the World (1976). Diagram Group.
  • Tranchefort, François-René (2002): Instrumentos musicales en el mundo. Madrid, Alianza.
  • Maersch, Klaus; Rohde, Ulrich; Seiffert, Otto; Singer, Ute (1996): Atlas de los instrumentos musicales. Madrid, Alianza.
  • The Story of the Flute (1928) de H. Macaulay Fitzgibbon Ed. W.Reeves Londres

Outros artigos

editar