Saltar ao contido

Xugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Detalle da unión do xugo e a cabezalla (vista posterior).

O xugo[1] é un apeiro agrícola que permite xunguir un ou, normalmente, dous animais de tiro a un carro ou outro instrumento que deba ser movido, coma o arado. Tradicionalmente están feitos de madeira de carballo, cerdeira, freixo ou outras madeiras resistentes abondo.

En Galiza utilízase para xunguir bois ou vacas, animais utilizados para o traballo do campo ata a aparición do tractor ou do camión. Noutras zonas emprégase tamén para xunguir bestas. A parella xunguida denomínase xunta ou xugada.

Orixe do nome

[editar | editar a fonte]

O vocábulo galego xugo procede directamente do latín iugum, que á súa vez xorde da raíz indoeuropea *yak'om, de *yug-[2] ou *yeug- [3], "unir". Os seus derivados atópanse en todas as linguas fillas, como no sánscrito yugá, grego zygon, antigo alto alemán juch e anglosaxón geoc (alemán actual Joch, inglés actual yoke), antigo eslavo eclesiástico igo, armenio luc, hitita yugam, galés iau etc.[2]. Algúns cognados en galego son: xugular, subxugar, cigoto, axustar, xustapor, xustapoñer, xunta, xuntar, xunto, axuntar, arrexuntar, ceugma ou ioga. O feito de que se atope tanto nas linguas indoeuropeas occidentais como nas orientais mostra que se trata dun termo común e moi antigo, un verdadeiro fósil, que indicaría que era un instrumento coñecido polos pobos indoeuropeos antes da súa dispersión.

Estrutura

[editar | editar a fonte]
Xugo de canga, cos nomes das súas pezas

O xugo común, de dúas vacas, componse dun pau horizontal máis ou menos recto, ás veces con dous arcos na cara inferior para adaptarse mellor ós pescozos dos animais, e mais os elementos de suxeición destes, que poden ser dous pares de cangallas (paus rectos que atravesan o xugo), un par de cancís (paus en forma de U nos que se mete a cabeza do animal) ou un conxunto de correas, corneiras, coas que se atan os seus cornos ó xugo. A estes elementos básicos engádense outros auxiliares que se describen a seguir.

No centro do xugo vai un estrobo, loro, timoeiro ou sobeo, que serve para enganchar o xugo á cabezalla do carro ou ó temón do arado. Para asegurar esta suxeición, o xugo vai tallado por riba cuns entrantes (mosas) e saíntes (castelos, castelares, camallóns) para atar mellor o estrobo [4], e por baixo cun rebaixe no que se adapta a cabezalla. Este estrobo pode estar feito de coiro ou dunha corre de carballo retorta. En calquera caso, para que non se deslice ó longo da cabezalla, inclúese na atadura a chavella, peza de madeira que atravesa verticalmente o extremo anterior da cabezalla [5].

É habitual que o xugo vaia decorado con tallas diversas ou figuras feitas con cravos, sobre todo na parte central e frontal. Esta decoración pode ser simplemente estética pero ás veces serve para identificar o propietario ou como signo protector contra o meigallo (mediante o tallado de cruces ou estrelas).

Tipoloxía dos xugos en Galiza

[editar | editar a fonte]
Xugo en Lérez (Pontevedra) cos arbitrios de rodaxe do carro.

Segundo o seu emprego podemos falar de tres tipos de xugo:

  • Xugo de sachar: máis longo có normal (ó redor de 1,5 m), para deixar entre os dous animais que puxan del un maior espazo e que non pisen o millo, as patacas etc.
  • Xugo do carro: xugo de dimensións normais (ó redor de 1 m) que deixan un espazo menor xa que só precisan dar cabida á cabezalla.
  • Xugo dunha soa vaca: para xunguir un único animal. É utilizado para traballos lixeiros.

Existen tamén outros tipos de xugo, moi pouco comúns, como o xugo dobre ó que se xonguen dous animais a un lado e un só ó outro; este xugo utilízase para domear un novo animal a ser xunguido, afacéndoo ó traballo ó colocalo entre dous animais xa acostumados. Outro tipo de xugo sería o xugo mixto, utilizado cando hai que xunguir nun mesmo tiro un bovino e unha besta.

Segundo a estrutura do xugo existen tres grandes tipos, denominados xugo de canga, xugo de cancís e xugo de molida [6]. A descrición que segue corresponde ás formas típicas, pero poden atoparse numerosas variedades nos elementos que o conforman.

Xugo de canga

[editar | editar a fonte]
Xugo de canga, do Sobrarbe, Aragón, España

O xugo de canga denomínase así polas dúas varas laterais (cangas ou cangallas [7]) que atravesan o xugo e pasan a cada lado do pescozo do animal. O simple nome canga substitúe, nalgunhas comarcas, á palabra xugo. Neste tipo de xugo, como no seguinte, os animais fan tracción co pescozo e a cruz, de onde lle vén o nome de xugo xugular.

As cangas son, normalmente, rectas pero tamén hai modelos que as presentan lixeiramente curvadas para abrazar mellor o pescozo. O extremo inferior presenta unhas escotaduras, apeaceiras, nas que se ata unha correa de coiro ou corda coa que se pecha o espazo aberto (as piogas ou apeares [8]. Habitualmente, os extremos superiores das cangallas interiores están unidos por unha cadea, arame ou corda, a trenla, ladrizo ou piogón, que axuda a manter vertical o aparello ó engancharse na chavella.

Xugo de cancís

[editar | editar a fonte]

Neste tipo, as cangallas son substituídas por cadanseu pau curvado en forma de U, extraíble, e no que se mete o pescozo do animal; hainos tamén de ferro. O cancil suxéitase ó xugo cunha caravilla por riba deste, a espicha ou bío. Como no tipo anterior, a tracción exércese co pescozo.

Xugo de molida

[editar | editar a fonte]

O xugo de molida está deseñado para que o animal efectúe a tracción coa testa ou fronte, para o cal posúe uns saíntes nos extremos que se atan ós cornos mediante unha corda ou correa, as cornás ou corneiras. De aí a designación alternativa de xugo cornal. Este xugo caracterízase por levar unha especie de almofada entre o xugo e a caluga do bovino, chamada molida ou molido, feita de pel e con la ou pelo no interior. A molida ten como función evitar o roce do xugo coa pel do animal.

Outras pezas accesorias deste tipo de xugo son as cubertas ou cuberteiras, feitas de pel e que cobren e protexen as corneiras do sol e da chuvia. Adoitan rematar nun flocos, milfeiras, que, ó se mover segundo camiña o animal, espantan as moscas.

Nalgunhas zonas, este tipo de xugo únese á cabezalla mediante un aro de madeira que pende do centro do xugo, polo que pasa a cabezalla. A este aro chámanlle arcoxo.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Distribución dos tipos de xugos en Galiza

[editar | editar a fonte]
Distribución dos tipos de xugos en Galiza

Xaquín Lorenzo e, posteriormente, Manuel González estudaron a distribución dos diferentes tipos de xugo en Galiza. O xugo de canga ocupa boa parte da Galiza occidental: norte e occidente de Lugo, toda a provincia da Coruña e mais o norte da de Pontevedra. Xaquín Lorenzo considerou que este era un tipo de xugo endóxeno, polo que o denominou xugo galego.

O xugo de cancís ocupa un territorio menor que, en forma de cuña, esténdese desde a metade sur da provincia de Pontevedra e a zona noroccidental da de Ourense ata o norte da de Lugo, cubrindo a parte central desta. A área de distribución esténdese por Portugal, e Xaquín Lorenzo considerou que era orixinario deste país, dándolle o nome de xugo portugués.

O xugo de molida aparece a oriente dunha liña que desde o sur do concello de Ribadeo baixa verticalmente ata cerca da provincia de Ourense para abrirse seguindo, máis ou menos, o curso do Miño, quedando a maior parte de Ourense dentro da área de distribución. Esta continúase cara a Castela, polo que Xaquín Lorenzo lle deu o nome de xugo castelán.

Dun xeito xeral, pódese dicir que na Galiza máis montañosa predominaba o xugo de molida ou cornal, xa que os animais fan máis forza coa cabeza. Consecuentemente, nas zonas de confluencia onde se solapan estas tres áreas poden coexistir xugos de máis dun tipo.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Simboloxía do xugo

[editar | editar a fonte]

A imaxe do xugo simboliza a unión das forzas nunha tarefa común. Así, en heráldica, o xugo foi o emblema de Fernando II de Aragón, presentado xunto coas setas que representaban á súa dona Isabel I de Castela. No século XX, o símbolo do xugo e as setas foi adoptado pola Falange Española. O escudo de España adoptado trala guerra civil, en vigor ata 1981, tamén incluía estes símbolos.

O mesmo concepto de unión, de xunguir dúas entidades nunha soa, aparece tamén noutros contextos. Así, en diversas rexións, incluída Galicia, existiu o ritual matrimonial de unir á parella de noivos cun pano ou estola sobre os ombros. O mesmo acto do casar dúas persoas (e unirse dúas familias) denomínase tamén como xunguir.

Unha vez a tía Ádega e o seu sobriño foron invitados a un casamento aldeán. Xunguíanse dúas casas labregas de moita riqueza e a lupanda tiña que ser sonada.
CASTELAO: Os dous de sempre

Pero tamén simboliza a opresión, o sometemento da vontade dunha persoa ou dun pobo á vontade allea. Así, escribe Castelao:

O noso pobo foi vítima do maquiavelismo castelán, pois era capaz de levantare contra os seus señores i endexamais pudo sacudir o xugo con que el mesmo axudou a someter á súa patria.
CASTELAO: Sempre en Galiza
[editar | editar a fonte]
Detalle do xogo entre o pértego e o mango dun mallo

Ademais da pegada que deixou o xugo na literatura oral galega, que se recolle a continuación, cómpre recoller outros casos de trasferencia semántica:

  • xugo: paus cruzados no interior do trobo de cortizo, cuxa función é servir de soporte ás abellas para que constrúan os panais.
  • xugo: madeiro da campá que serve para que esta xire.
  • xugo: pequena peza de coiro no mallo que une as capelizas do pértego e do mango.
  • xugo: nas paredes de pedra, a pedra que atravesa de lado a lado para afianza-la estrutura.
  • xugo: pedra ou poste de cemento colocado sobre os esteos, para ata-los arames nos que se prenden as vides.

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
  • Arrenego do sobeo no que non puxa o boi vello.
  • Boi vello faise ó meu subeu e ó teu.
  • Bois vellos con canga nova, embelga torta.
  • Bois vellos con xugo novo, rego torto.
  • Cando a canga espirra, o tempo revira.
  • Cando loras quebran bois descansan.
  • Cando o tempo anda á vira, os canciles espirran.
  • Cando o tempo revira, os bois nos canciles espirran.
  • De coiro alleo, boas piallas.
  • De coiro alleo, correas longas.
  • Do coiro alleo, boas piallas se fan.
  • Do coiro hanche de saír as correas.
  • En calzar abarcas e xoncer á molida pásase o día.
  • ¡Malia do sobeu no que non turra o boi vello!
  • Mentras ande na eira o xugo, que ande na casa o fuso.
  • Mentras ande na leira o xugo, que ande na casa o fuso.
  • Mentras corres creban, bois descansan.
  • Mentras dobras creban, bois non aran.
  • Mentras loras quebran, bois descansan.
  • Mentras sogas quebran, bois folgan.
  • Namentras dobras quebran, bois non aran.
  • Ó boi vello, xugo novo.
  • O que á mulida xongue, alparagatas gasta e de mulleres fai caso, sempre andará descalzo.
  • Ó que pon seu xugo a concello uns lle dirán que é branco e outros lle dirán que é negro.
  • O xugo do carreteiro debe ser de salgueiro.
  • Parella vella con canga nova, embelga torta; e si nova a parella, nin torta nin dereita.
  • Un tira prá canga e outro prá mulida.

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
Eu fun á herba ó prado,
deixei o xugo na presa,
deixei a túa conversa,
deixeina e mais non me pesa.

Adiviñas

[editar | editar a fonte]
No monte nace,
no monte se cría
e vai bailar
cos bois á corneiría.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xugo.
  2. 2,0 2,1 Roberts, Edward, e Pastor, Bárbara: Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española. Alianza, Madrid 2001, px. 197.
  3. Calvert Watkins (2000) The American Heritage dictionary of indo-european roots. Boston: Houghthon Mifflin books ISBN 0-618-08250-6
  4. Normalmente, dous entrantes e tres saíntes.
  5. En ocasións, esta chavella pode ser horizontal.
  6. Por veces, os dous primeiros tipos agrúpanse nun só baixo o nome de xugo de canga.
  7. Outros nomes que reciben estas pezas son os de cancallas, cangallos, cangalleiras, chancís ou brigueiros. Nalgures tamén se chaman cancís.
  8. Tamén, cádigas, brochas ou ladrizas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • GONZÁLEZ GONZÁLEZ, Manuel: "Os tipos de xugo e os seus nomes no territorio da fala galega", en Boletín da Real Academia Galega nº 365, 2004, 135-169.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: "Etnografía: cultura material" en Historia de Galiza II. Ed. Nós, Bos Aires 1962, 730-733.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: "Nomenclatura del carro gallego", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares XII, 1956, 54-113.
  • OTERO CEBRAL, Xosé Luís: O carro en Galicia. Servizo de Publicacións da Deputación Provincial, Lugo 1994.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]