Tupolev Tu-75
Tupolev Tu-75 | |
---|---|
Tipo | transporte |
Fabricante | Tupolev |
Primeiro voo | 21 de xaneiro de 1950 |
Estado | cancelado |
Unidades construídas | 1 |
O Tupolev Tu-75 foi unha versión de transporte militar do bombardeiro Tu-4, que tamén tivo unha versión de pasaxeiros, o Tu-70. Ámbolos dous usaban unha nova fuselaxe deseñada para o seu novo rol. Foi o primeiro avión militar soviético da súa clase e estaba equipado cunha rampla de carga na parte traseira da fuselaxe. Non entrou en produción porque a Forza Aérea Soviética decidiu que debía ser máis barato modificar os seus Tu-4 ou usar os Lisunov Li-2 e Ilyushin Il-12 para misións de transporte.
Deseño e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]A oficina de deseño de Tupolev comezou a traballar en setembro de 1946 nunha versión de transporte militar do avión de pasaxeiros Tupolev Tu-70, e foi corfirmado no Consello de Ministros do 11 de marzo de 1947. Para axilizar o proceso fíxose un grande uso de compoñentes do Tu-70. Os seus motores foron a versión mellorada Shvetsov ASh-73TKFN ou os TKNV de inxección de combustible. Deseñouse unha fuselaxe nova máis estreita, que incluía un zapón de carga traseiro, unha rampla para vehículos e portas de saída para paracaidistas. Ían adaptarse tres torretas de canóns do Tu-4 (a dorsal, a ventral e a de cola), aínda que non se equiparon no prototipo. Tiña unha tripulación de sete persoas (dous pilotos, tres artilleiros, un operador de radio e un navegante).[1]
O avión planeouse para tres roles: transporte, transporte de paracaidistas e ambulancia aérea. No primeiro deles deseñouse para cargar dous canóns de asalto ASU-76, dous tractores de artillaría STZ NATI, seis ou sete jeeps GAZ-67B ou cinco canóns de 85 mm sen os seus motores principais ou calquera combinación de equipamento ata 12 000 kg. Para facilitar a carga, montouse un torno no teito da bodega cunha capacidade de 3 000 kg. O avión podía levar 120 soldados, 96 paracaidistas totalmente equipados, ou 64 cargas stándar para ser lanzadas con paracaídas. Como ambulancia aérea podería transportar 31 padiolas e catro asistentes médicos.[2]
Historial operacional
[editar | editar a fonte]A construción do primeiro prototipo prolongouse bastante e o avión non estivo rematado ata novembro de 1949, tendo lugar o seu primeiro voo o 21 de xaneiro de 1950. Rematou as probas do fabricante o seguinte maio, pero Tupolev decidiu non sometelo ás probas de aceptación do Estado xa que a Forza Aérea Soviética xa decidira que sería máis barato confiar non seus existintes transportes e modificar bombardeiros Tu-4 para que operasen como cargueiros. O prototipo usouno o MAP (o Ministerio de Industria da Aviación) ata que se esnafrou en outubro de 1954.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gordon, Yefim; Rigamant, Vladimir (2005). OKB Tupolev: A History of the Design Bureau and its Aircraft. Hinckley, Inglaterra: Midland Publishing. ISBN 1-85780-214-4.