Saltar ao contido

Guanosín trifosfato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Trifosfato de guanosina»)
Guanosín trifosfato
Identificadores
Número CAS 86-01-1
PubChem 6830
ChemSpider 6569
MeSH Guanosine+triphosphate
ChEBI CHEBI:15996
Ligando IUPHAR 1742
Imaxes 3D Jmol Image 1
Propiedades
Fórmula molecular C10H16N5O14P3
Masa molar 523,18 g mol−1

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

O guanosín trifosfato, trifosfato de guanosina ou guanosín-5'-trifosfato (abreviadamente GTP) é un nucleótido de base purínica. Está formado por un azucre ribosa, unido por enlace N-glicosídico á base nitroxenada adenina, que se establece entre o carbono 1 da ribosa e o nitróxeno 9 da base, e tres grupos fosfato unidos esterificados no carbono 5' do azucre e unidos por enlace anhidro entre si.

Os enlaces entre os seus fosfatos poden liberar moita enerxía cando rompen, polo que exerce un papel como fonte de enerxía libre e activador de substratos en moitas reaccións metabólicas, pero, a diferenza do ATP, actúa en reaccións máis específicas. Úsase como fonte de enerxía na síntese proteica.

O GTP é moi importante na transdución de sinais na célula, especialmente coas proteínas G, en procesos nos que intervén un segundo mensaxeiro, nos que se converte en GDP (guanosín difosfato) pola acción dunha GTPase.

Funcións

[editar | editar a fonte]

Transferencia de enerxía

[editar | editar a fonte]

O GTP está implicado na transferencia de enerxía na célula. Por exemplo, xérase unha molécula de GTP por fosforilación a nivel de substrato nunha das reaccións do ciclo de Krebs. Isto é o equivalente de xerar un ATP, xa que pode facilmente ceder o seu fosfato ao ADP na reacción: GTP + ADP → GDP + ATP.[1]

Tradución de proteínas

[editar | editar a fonte]

Durante a fase de elongación da tradución, o GTP utilízase como fonte de enerxía para unir un novo aminoacil-ARNt (un aminoácido unido ao ARNt) so sitio A do ribosoma. O GTP tamén se usa como fonte de enerxía na translocación do ribosoma en dirección 3' sobre o ARNm en tradución.[2]

Síntese do ARN

[editar | editar a fonte]

Durante a síntese (transcrición) do ARN, o GTP que chega á zona da síntese perde os seus dous fosfatos en forma de pirofosfato (PPi) e únese ao ARN en formación como GMP.

Dinámica dos microtúbulos

[editar | editar a fonte]

Durante a polimerización dos microtúbulos, cada heterodímero formado por unha unidade de alfa e beta tubulina leva dúas moléculas de GTP, e o GTP hidrolízase a GDP cando o dímero de tubulina se engade ao extremo + do microtúbulo en crecemento. Esta hidrólise do GTP non é obrigatoria para a formación do microtúbulo, pero parece que só as moléculas de tubulina unidas a GDP poden despolimerizarse. Deste modo, a tubulina unida a GTP serve como unha carapucha no extremo do microtúbulo que o protexe da despolimerización; e unha vez que este GTP é hidrolizado, o microtúbulo empeza a se despolimerizar e decrecer rapidamente.[3]

  1. Berg JM, JL Tymoczko, L Stryer (2002). WH Freeman and Company, ed. Biochemistry (5th ed.). pp. 476. ISBN 0-7167-4684-0. 
  2. Solomon EP, LR Berg, DW Martin (2005). Biology (7th ed.). pp. 244–245. 
  3. Microtubule structure Arquivado 15 de febreiro de 2010 en Wayback Machine.© text copyright 1996 Gwen V. Childs, Ph.D.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

outros artigos

[editar | editar a fonte]