Saltar ao contido

Said Aouita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSaid Aouita

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(ar) سعيد عويطة Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento2 de novembro de 1959 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Kenitra, Marrocos (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
ResidenciaMiami Editar o valor en Wikidata
Altura175 cm Editar o valor en Wikidata
Peso58 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfondista, mediofondista, atleta Editar o valor en Wikidata
Nacionalidade deportivaMarrocos Editar o valor en Wikidata
Deporteatletismo Editar o valor en Wikidata
Disciplina deportiva1500 metros Editar o valor en Wikidata
Participou en
1992Xogos Olímpicos de 1992
1988Xogos Olímpicos de 1988
1984Xogos Olímpicos de 1984 Editar o valor en Wikidata
Premios

IAAF: 14344010 Olympic.org: said-aouita Editar o valor en Wikidata
Cadro de medallas
Atletismo masculino
Xogos Olímpicos
Ouro Os Ánxeles 1984 5.000 m
Bronce Seúl 1980 800 m
Campionato do Mundo de Atletismo
Ouro Roma 1987 5.000 m
Bronce Helsinqui 1983 1.500 m

Saïd Aouita (árabe: سعيد عويطة), nado en Kenitra (Marrocos) o 2 de novembro de 1959, é un ex-atleta marroquí especialista en probas de media distancia. Gañou a medalla de ouro dos 5.000 m nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles, e foi un dos grandes dominadores do medio-fondo a nivel mundial na década dos 80.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

A súa primeira gran competición foi o Campionato do Mundo de Helsinqui en 1983, onde participou nos 1500 metros. A carreira transcorreu a un ritmo lento, por ria de 3:40, o cal non lle viña ben a Aouita, xa que non tiña un final excesivamente rápido. Acabou 3º por detrás do inglés Steve Cram e do estadounidense Steve Scott.

Tras esta experiencia, nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles decidiu participar nos 5.000 m, unha proba onde o triunfo semellaba máis sinxelo. A carreira desenvolveuse a un ritmo moi veloz imposto dende o principio polo portugués António Leitão. Isto favoreceu a Aouita, que só tivo que agardar detrás do portugués para gañarlle na última volta. Ademais da vitoria, bateu o récord olímpico con 13:05. Este récord aínda continúa vixente. A prata foi para o suízo Markus Ryffel e o bronce para Leitão. Esta sería a única medalla de ouro olímpica na súa carreira deportiva.

1985-1987

[editar | editar a fonte]

Na tempada de 1985 consagraríase como o gran dominador do medio-fondo, batendo os récords do mundo tanto en 1.500 m como en 5.000 m.

O 16 de xullo de 1985 foi derrotado en Niza por Steve Cram nunha carreira épica sobre 1.500 m. Nesa carreira Cram bateu o récord mundial con 3:29,67 mentres que Aouita foi 2º con 3:29,71 tamén por debaixo do anterior récord, que estaba en poder de Steve Ovett dende 1983 con 3:30,77.

Trala derrota, Aouita cobrou o desquite nas seguintes semanas. O 27 de xullo bateu en Oslo o récord mundial dos 5.000 m con 13.00.40, só unha centésima menos co récord anterior do inglés David Moorcroft. E o 23 de agosto en Berlín arrebatoulle a Cram o récord dos 1.500 m con 3:29,46, un rexistro que se mantería vixente durante sete anos, até 1992.

Continuou o seu dominio en 1986 e 1987, gañando tódalas carreiras nas que participou, agás unha derrota nos Xogos do Mediterráneo de Latakia en 1987 nos 3000 m valados, unha proba na que non era especialista e onde foi derrotado polo italiano Alexandro Lambruschini.

En 1987 bateu dous récords mundiais, primeiro o dos 2000 m en París (quitándollo a Steve Cram), con 4:50,81, e só seis días máis tarde, en Roma, converteuse no primeiro home en romper a barreira dos 13 minutos nos 5.000 m, con 12:58,39.

Poucas semanas despois, e sobre o mesmo escenario de Roma, proclamouse campión mundial dos 5.000 m no que sería o seu único título mundial ao ar ceibe. Antes dos mundiais "ameazara" con participar en catro probas (800, 1.500, 5.000 e 10.000 m), aínda que finalmente optou polo máis sinxelo e só participou en 5.000 m, onde derrotou o kenyano John Ngugi, campión mundial de cross-country.

Seúl 1988

[editar | editar a fonte]

En 1988 o seu dominio rematou. Na súa procura de novos retos, abandonou a seguridade dos 5.000 m, onde era considerado imbatíbel (non perdera dende case 10 anos atrás), para intentar o dobrete olímpico nos 800 e nos 1.500 m.

Na final dos 800 m dos Xogos Olímpicos de Seúl sufriu unha das súas derrotas máis duras. A carreira desenvolveuse a un ritmo moi rápido, co kenyano Nixon Kiprotich e o brasileiro José Luís Barbosa tirando moi forte. O primeiro 400 pasouse en 49,54. A falta de 200 m tomou a cabeza o brasileiro Joaquim Cruz, mentres Aouita e Elliot lle pisaban os talóns. Semellaba que entre os tres estaría a vitoria. Así a todo o kenyano Paul Ereng, que entrou na recta de meta en 4ª posición, remontou de forma espectacular nos últimos metros para acabar gañando a medalla de ouro con 1:43,45. A prata foi para o brasileiro Cruz (1:43,90) e o bronce para Aouita (1:44,06).

Por se fora pouco a carreira agravou unha lesión anterior, e aínda que participou nas series dos 1.500 m clasificándose para as semifinais, non se presentou á saída nestas. Deste xeito Aouita foi un dos atletas ilustres que saíron derrotados de Seúl, xunto a outros como Edwin Moses ou Daley Thompson.

Última etapa

[editar | editar a fonte]

1989 sería a súa última tempada na elite mundial. A comezos de ano proclamouse campión mundial dos 3000 m en pista cuberta na Haya, e xa no verao, bateu o seu derradeiro récord mundial, o dos 3000 m, con 7:29,45. O récord anterior tivérao o mítico queniano Henry Rono dende 1978.

Ese ano tamén sufriu a súa primeira derrota nos 5.000 m dende 1979, a mans do queniano Yobes Ondieki, na reunión atlética de Sevilla.

Aouita non competiu na tempada de 1990, e cando regresou ao ano seguinte xa non era nin a sombra do que fora. Participou nos Mundiais de Toquio 1991, rematando 11º nos 1.500 m.

Na tempada de 1992 comezou de forma prometedora, batendo o récord mundial dos 3000 m en pista cuberta, pero a Federación Internacional non o ratificou por razóns de forma. Unha lesión impediulle acudir aos Xogos Olímpicos de Barcelona, e logo retirouse.

Intentou volver competir en 1995, pero non tivo éxito.

Said Aouita é o único home na historia que baixou simultaneamente de 1:44 en 800 m, 3:30 en 1.500 m e 13:00 en 5.000 m.

Entre setembro de 1983 e setembro de 1990 gañou 115 carreiras sobre 119 disputadas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]