Saltar ao contido

Revolución dos Crisantemos

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Revolución dos Crisantemos
Soldados revolucionarios en Budapest coa flor que representou o alzamento
Contexto do acontecemento
Data30 de outubro de 1918
LugarBudapest, Hungría, Imperio Austrohúngaro
ImpulsoresPoboación de Budapest.
MotivosDescontento da primeira guerra mundial, desexo de reformas políticas, económicas e sociais.
Goberno previo
GobernanteJános Hadik, representante do Goberno imperial de Viena.
Forma de gobernoMonarquía
Goberno resultante
GobernanteMihály Károlyi
Forma de gobernoRepública Popular.

A Revolución dos Crisantemos (húngaro: Őszirózsás forradalom) é o nome que recibiu a revolta incruenta dalgunhas tropas fieis ao consello de soldados de Budapest que, a noite do 30 de outubro de 1918, tomaron certos edificios públicos, bancos e a central de correos e, ante a pasividade da gornición local, forzaron o emperador Carlos a cesar o recentemente nomeado primeiro ministro János Hadik e entregar o goberno ao dirixente do consello nacional, Mihály Károlyi.

O alzamento contra o Goberno imperial, desencadeado polo consello de soldados e apoiado polas masas da capital, levou o consello nacional ao poder, a pesar de que este non controlou o levantamento.[1] A revolución levou á independencia de Hungría do Imperio Austrohúngaro e á proclamación dunha república popular, que tratou sen éxito de manter a unidade territorial do reino e de aplicar diversas reformas políticas, sociais e económicas. O seu fracaso cinco meses máis tarde produciu un novo cambio político, proclamándose unha república soviética.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Logo da renuncia o 23 de outubro de 1918 do gabinete de Sándor Wekerle,[2] que se opuxera ás reformas propostas polos políticos austríacos para tratar de salvar o Imperio Austrohúngaro, o emperador inclinouse por nomear un novo primeiro ministro próximo ao conde Andrássy para o cargo.[3] Karólyi, que forzara a Tisza a admitir a derrota na guerra o día anterior e ameazaba con tomar o poder se non era nomeado para encabezar o Goberno, foi soslaiado polo monarca.[2]

Manifestación a favor do Consello Nacional Húngaro e de Mihály Károlyi xunto ao Parlamento húngaro, o 23 de outubro de 1918.

Mentres, a situación deteriorábase rapidamente, desintegrándose o Exército na fronte e pasando o poder real ás rúas da capital maxiar.[3]

Mihály Károlyi, presidente do Consello Nacional e rival de Hadik para a presidencia de Goberno, acabou derrocando a Hadik grazas ao apoio dos soldados e foi nomeado primeiro ministro polo emperador tres días despois de que o soberano tivera concedido o cargo a Hadik.
János Hadik, político próximo a Andrássy e candidato da oligarquía á presidencia do Goberno. O seu nomeamento o 29 de outubro polo emperador Carlos desencadeou a revolución que entregou o poder ao Consello Nacional.

O mesmo día 23 de outubro, os dirixentes do partido de Mihály Károlyi, do Partido Socialdemócrata e do Partido Radical, decidiron formar un Consello Nacional,[2] que se estableceu dous días máis tarde.[4][5][6][7] No seu manifesto do 25 de outubro de 1918, que contaba con doce puntos coma o que se proclamara durante a revolución húngara de 1848,[8] reclamaba a independencia de Hungría do Imperio, o fin da alianza con Alemaña, a celebración de eleccións con sufraxio universal secreto para toda a poboación (incluídas as mulleres),[5] a democratización da política do país, a liberación dos presos políticos e o respecto polos dereitos civís.[9][5][6][8] Solicitaba tamén a aplicación de medidas para evitar a fame, unha reforma agraria e o embargo parcial do capital.[5] Reclamaba así mesmo a aplicación dos principios do presidente Wilson para as minorías, aínda que defendía a unidade dos territorios da Coroa de Santo Estevo.[5][6][8] A abolición da censura militar o día anterior permitiu a publicación do manifesto sen dificultade.[6]

Ata o nomeamento dun novo ministerio, o emperador nomeou o arquiduque Xosé representante real,[10] rexeitando a petición de Károlyi de ser nomeado para o cargo.[7] O mesmo día da proclama, a multitude tratou de marchar ao palacio que ocupaba o arquiduque para forzar a aceptación do programa do Consello, mais cando se retiraba pacificamente foi dispersada pola policía, que disparou contra a multitude causando varias ducias de vítimas.[7] Isto reforzou a simpatía cara a Károlyi.[11]

Logo dunha visita do matrimonio imperial a Hungría na que se acumularon as malas novas, o emperador regresou a Viena con Károlyi, sen decidirse a nomear primeiro ministro húngaro a este ou ao candidato de Andrássy, Hadik.[10] Károlyi non desexaba aínda romper as relacións co monarca e pretendía ser nomeado primeiro ministro por este.[5]

O 27 de outubro Károlyi regresou a Budapest, sendo recibido por unha gran multitude que o acolleu cantando «La Marseillaise» e que o consideraba o caudillo dunha revolución inevitable.[7] Rexeitado polo emperador, Károlyi e os demais membros do Consello decidiron planear a toma do poder pola forza.[12]

O 28 de outubro o emperador dirixíase ao presidente norteamericano Woodrow Wilson solicitando unha paz separada e admitindo o dereito dos checoslovacos e iugoslavos á autodeterminación.[10] A nota de Andrássy, daquela ministro de Exteriores, non recibiu a atención de Washington, mais acelerou a disgregación do Estado: o mesmo día o Consello Nacional checo proclamaba a independencia e ao día seguinte o Parlamento de Croacia disolvía a súa asociación co Estado.[13] O consello eslovaco aprobaba a súa unión cos checos o día 30.[13] Os alemáns expresaron a súa intención de pasar a controlar os territorios austro-xermanos o 31.[13]

O mesmo día 28 de outubro, unha gran manifestación en Budapest reclamara o Goberno para o consello nacional,[5] que se formara como gabinete alternativo.[2] Unidades militares, tratando de impedir o acceso ao Castelo de Buda, dispararon contra a multitude, matando tres manifestantes e ferindo moitos outros.[5] Ese mesmo día, o principal adversario e paradigma da política maxiar oligárquica, Esteban Tisza, recomendou o nomeamento de Károlyi para a presidencia do Goberno, coa ilusión de evitar a revolución e lograr mellores condicións dos vencedores da guerra.[14]

A mañá do 29 de outubro, os dirixentes do partido socialdemócrata, ao igual que o consello do que formaban parte, enviaron axitadores aos cuarteis da cidade para tratar de gañar o apoio das tropas.[12] Os carteis que se distribuíron pola capital alertaban da chegada de tropas para esmagar o movemento e solicitaban o apoio dos soldados, chamándoos a formar consellos e poñerse en contacto co consello nacional.[12] Reaccionando con rapidez, as autoridades ordenaron a retirada da 32ª Brigada de Infantaría, a unidade máis afectada pola propaganda do consello.[12] Esa mesma tarde, tropas leais ao goberno asaltaron a sede do consello dos soldados, formado o mesmo día que o consello nacional e considerado perigoso para a moral do Exército, mais os dirixentes non foron capturados ao teren fuxido grazas a un aviso.[12]

O mesmo 29 de outubro de 1918, o emperador por fin decidiu nomear primeiro ministro a Hadik, descartando a Károlyi.[13] A Hadik, con fama de home duro,[5] outorgóuselle o control de tropas da capital para restablecer o control.[5] Para entón a administración civil e boa parte da poboación respaldaba o consello nacional.[13] A policía pasouse ao consello o mesmo día,[15] logo de ter disparado contra os manifestantes o día anterior.[13] Os compoñentes do consello nacional opúñanse á revolución, tratando de encontrar unha saída pacífica á crise.[14]

As tropas da capital contaban con rexementos maxiares e non maxiares, principalmente serbobosnios, ao mando do duro e leal xeneral Géza Lukachich que, con todo, non estaba seguro de poder contar coa obediencia dos soldados.[14] O día 30 de outubro, Kaŕolyi fixo un novo chamamento ás tropas para que desobedecesen ás autoridades imperiais e apoiasen o Consello.[16]

Manifestantes celebrando o triunfo da revolución, lucindo crisantemos, o símbolo da mesma.
Tropas húngaras participantes na revolta do 30 de outubro.

Ao coñecerse a nova do nomeamento de Hadik retomáronse as protestas o día 30.[5] Hadik nin sequera logrou contar coas tropas acantonadas na capital.[17] A noite do 30 de outubro de 1918 soldados ás ordes do consello de soldados —órgano independente do consello nacional pero que indicou actuar no seu nome[5] e que se reunira nunha nova sede—[12] tomaron diversos edificios oficiais, bancos, a central telefónica e a central de correos.[17] As primeiras tropas en amotinarse foran as da 32ª Brigada, que foron desarmadas e detidas.[15] O consello de soldados dubidou entre emprender un alzamento antes de que as unidades que simpatizaban co movemento foran retiradas e substituídas por outras bosníacas fieis ao goberno ou seguir o plan orixinal do alzamento.[15] Unha manifestación de solidariedade formouse ás portas da reunión.[15] De repente, o consello de soldados e a multitude congregada recibiu a noticia de que dúas compañías da 32ª Brigada ían ser enviadas á fronte, decidíndose no acto acudir a liberalas.[15] Arredor de dez mil persoas marcharon á estación de ferrocarril para liberar os soldados que esperaban o seu traslado á fronte.[15] A garda da estación desobedeceu as ordes recibidas e uniuse aos manifestantes, que liberaron os soldados presos.[15] A multitude dirixiuse entón á comandancia militar da cidade, mentres os soldados se arrancaban os símbolos imperiais e colocaban crisantemos, que deron nome á revolta.[15] Logo dun forcexo coa garda, o comandante da gornición capitalina, o xeneral Várkonyi, foi capturado e trasladado á sede do consello nacional, o hotel Astoria.[15] O consello de soldados pediu entón o apoio doutra das unidades presentes na cidade, a 1ª Brigada de Infantaría, á vez que daba orde de ocupar os principais edificios.[15] A prisión militar foi tomada e varios presos, algúns membros do consello de soldados, liberados.[18]

As tropas do xeneral Lukachich permaneceron nos seus cuarteis ou se uniron á mañá seguinte ás celebracións pola revolución incruenta.[17] O xeneral tratara de reprimir a revolta pero encontrouse co motín das súas tropas e da policía da capital, que non apoiaron o seu intento.[5]

A noite do 30 de outubro, o consello nacional esperou na súa sede do hotel Astoria ser detido en calquera momento pola policía da capital ou as tropas de Lukachich, sinal da súa falta de control sobre os acontecementos.[5][19][18] A sede do consello encontrábase indefensa e os seus membros temían ser arrestados en calquera instante, como lles auguraba o comandante da gornición.[18] O dirixente radical Oszkár Jászi declarou máis tarde a preocupación do consello ao recibir a noticia do levantamento, mentres que o seu colega socialista Zsigmond Kunfi estaba convencido de que serían aforcados á mañá seguinte.[19][18] O emperador, con todo, ordenara a Lukachich evitar un baño de sangue o que, xunto á desmoralización das tropas, evitou a represión do golpe.[19][18] O xeneral telefonara ao emperador ás 3:00 a.m. para describir ao monarca o éxito dos alzados e o desesperado da situación e solicitar instrucións.[18] A continuación falara con el o propio Hadik, solicitando permiso para dimitir e aconsellando o nomeamento de Károlyi.[18] Carlos aceptou a recomendación de Hadik e falou co arquiduque para que comezase as conversas con Károlyi.[20]

O 31 de outubro de 1918 , o arquiduque, en nome do emperador, que indicara o seu permiso por teléfono,[5] nomeaba primeiro ministro a Mihály Károlyi,[16] que había de formar un novo gabinete cos partidos do consello nacional.[17][19] O propio Hadik telefonárao para pedirlle que acudira xunto a el para tratar a súa propia dimisión e o nomeamento de Károlyi.[16][20] Károlyi esixira o acuartelamento das tropas leais ao Goberno e ser recoñecido como presidente do consello, ao que o arquiduque accedeu.[20] Os traballadores decretaron unha folga para apoiar o novo Goberno que aínda se estaba negociando no despacho do primeiro ministro[18] que encheu as rúas da capital de manifestantes axitando crisantemos, o símbolo da revolta.[17][19] A oficina do presidente do Goberno foi rodeada por tropas rebeldes e traballadores a primeiras horas da mañá.[20] Ás 8:00 a.m. confirmouse a vitoria da revolución ao anunciar o arquiduque o nomeamento de Károlyi á fronte do novo gabinete.[1]

O mesmo día, o veterano político Esteban Tisza, que se convertera en símbolo da guerra perdida,[1] foi asasinado por un grupo de soldados amotinados do exército húngaro.[21] Foi unha das escasas vítimas da revolución e pareceu aliviar a tensión da poboación.[22]

A tarde do 31 de outubro, Károlyi e os seus ministros acudiron ao palacio real para xurar os seus cargos ante o arquiduque Xosé, o que conduciu á primeira crise de Goberno ao día seguinte, cando se constatou o estendido do desexo de que se proclamase unha república.[23]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Ao xúbilo bastante estendido pola capital e o alivio no resto do país polo fin da guerra e a próxima independencia acompañouno unha inconsciencia de que o fin do antigo réxime oligárquico habería de traer o desmembramento do país.[5]

O espírito revolucionario, bastante estendido na capital, non chegou ás provincias, que receaban tradicionalmente da capital.[19] Axiña se transformou en defensa dunha nova orde republicana.[24] O 1 de novembro de 1918 e co consello do arquiduque que temía unha radicalización da revolución, o emperador liberou do seu xuramento de lealdade a Károlyi e o resto do seu gabinete[24] para evitar unha dimisión en pleno, aínda que se pospuxo a proclamación da república.[23] Un día máis tarde, o arquiduque e o seu fillo xuraron fidelidade voluntariamente ao consello nacional, considerado desde o día anterior órgano soberano.[20]

Continuou a presión popular durante os primeiros días de novembro para que se proclamase a república sen necesidade de votacións.[22] O Goberno, que non desexaba establecer a república sen a aquiescencia do rei, enviou unha delegación para lograr a súa abdicación.[25] O 13 de novembro de 1918 , Carlos aceptou renunciar a participar nos asuntos de Estado húngaros e a forma deste que o país decidira adoptar.[25] Finalmente, o 16 de novembro de 1918 , proclamábase a República de Hungría fronte ao parlamento ante unha enorme multitude.[25] As dúas cámaras do parlamento húngaro, que non se reuniran dende o estoupido da revolución, aceptaron disolverse.[25] A capital, emocionada ante a proclamación, precipitouse a xurar lealdade á república, aínda que a ilusión polo novo Estado durou pouco.[24] Pronto o Goberno republicano con Károlyi á fronte houbo de enfrontarse aos problemas da posguerra, incluíndo a desmobilización do Exército[26] e a asunción das consecuencias da derrota militar, que acabaron facendo caer a república en marzo de 1919 e a proclamación dunha República Soviética Húngara. Poucos meses máis tarde, a invasión dos Exércitos veciños apoiada pola Entente[27] acababa con esta e permitía a instauración dun réxime reaccionario que restaurou a monarquía en forma de rexencia co antigo almirante austrohúngaro Miklós Horthy á cabeza, que duraría ata finais da segunda guerra mundial.[28]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]