Queimador Bunsen
Un queimador Bunsen é un instrumento utilizado en laboratorios científicos para quentar ou esterilizar mostras ou reactivos químicos.
Foi inventado polo químico alemán Robert Bunsen en 1857 e proporciona unha transmisión moi rápida de calor intenso no laboratorio.
É un queimador de gas do tipo de premestura, e a chama é o produto da combustión dunha mestura de gas e aire. Os gases comunmente usados son o gas natural, que é na súa maior proporción gas metano (de máis dun 90%) e, en menor medida, o etano. A forma máis común de prender o queimador é mediante a utilización dun fósforo ou un prendedor a chispa.
O queimador ten unha base pesada na que se introduce a subministración de gas. De alí parte un tubo vertical polo que o gas flúe atravesando un pequeno orificio no fondo do tubo. Algunhas perforacións nos laterais do tubo permiten a entrada de aire no fluxo de gas (grazas ao efecto Venturi) proporcionando unha mestura inflamábel á saída dos gases na parte superior do tubo, onde se produce a combustión. O queimador Bunsen é unha das fontes de calor máis sinxelas do laboratorio, e utilízase para obter temperaturas non moi elevadas.
Consta dunha entrada de gas, normalmente sen regulador, unha entrada de aire e un tubo de combustión. O tubo de combustión está aparafusado a unha base por onde entra o gas combustíbel a través dun tubo de goma, cunha chave de paso. Presenta dous orificios axustábeis para regular a entrada de aire.
A cantidade de gas e, polo tanto, de calor da chama pode controlarse axustando o tamaño do burato da base do tubo. Se se permite o paso de máis aire para a súa mestura co gas, a chama arde a maior temperatura (aparecendo cunha cor azul).
Se os orificios laterais están pechados o gas só se mestura co oxíxeno atmosférico no punto superior da combustión, ardendo con menor eficacia e producindo unha chama de temperatura máis fría e cor avermellada ou amarelada, a cal se denomina "chama segura" ou "chama luminosa".
Esta chama é luminosa debido a pequenas partículas de feluxe incandescentes. A chama amarela considérase "sucia" porque deixa unha capa de carbón sobre a superficie que se está quentando. Cando o queimador se axusta para producir chamas de alta temperatura, estas (de cor azulada) poden chegar a seren invisíbeis contra un fondo uniforme.
Se se incrementa o fluxo de gas a través do tubo mediante a apertura da válvula agulla, crecerá o tamaño da chama. Porén, a menos que se axuste tamén a entrada de aire, a temperatura da chama descenderá porque a cantidade incrementada de gas mestúrase coa mesma cantidade de aire, deixando á chama con pouco oxíxeno. A chama azul nun queimador Bunsen é máis quente que a chama amarela.
Outros queimadores, similares ao Bunsen, usados nos laboratorios, son o Tirril e o Meckert. Son semellantes no seu fundamento, pero difiren no seu aspecto, axuste e control.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Queimador Bunsen |