Saltar ao contido

Prítane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na democracia ateniense, a partir da revolución isonómica de Clístenes, os prítanes (οἱ πρυτάνεις hoi prytáneis), seleccionados de entre os cincocentos elixidos da Bulé, exerceron un papel político central, aínda que o seu poder era limitado. Asumían as misións de organización e de marco de funcionamento das institucións.

Composición

[editar | editar a fonte]

A Bulé estaba composta de 500 buleutas, 50 por tribo. Os 50 delegados de cada tribo exercían colectivamente durante un dos dez meses do ano ateniense (trinta e seis días) a maxistratura dos prítanes (οἱ πρυτάνεις): a pritanía (ἡ πρυτανεία hē prytanéia) da súa tribo.

Vida cotiá

[editar | editar a fonte]

Os prítanes vivían día e noite acomodados, aloxados e alimentados pola cidade, nun edificio contiguo ao Buleuterion: o Pritaneo (τό Πρυτανεῖον to Prytanéion). Atopábanse así en disposición de entrar na sesión en calquera momento. Este edificio público estaba aberto tamén aos cidadáns que a cidade desexaba distinguir con honras, así como convidados ilustres (embaixadores por exemplo).

Atribucións

[editar | editar a fonte]

Os prítanes exercían, xunto á Bulé (o Consello) e a Ekklesía (a asemblea de cidadáns), un conxunto de papeis administrativos e relixiosos:

  • Os prítanes convocaban en sesión á Bulé para discutir e redactar os probuléumata (προβουλεύματα), proposicións de lei para someter á Ekklesía.
  • Preparaban e organizaban a sesión da Ekklesía (polo menos debía ter lugar unha sesión por pritanía):
    • Convocaban aos cidadáns (dispersos polo territorio da Ática).
    • Controlaban o acceso á Pnyx (o outeiro dedicado ao goberno).
    • Supervisaban o desenvolvemento dos debates.
    • No século -V, realizaban o reconto dos sufraxios (no século -IV, este papel finalmente foi atribuído aos proedros, que eran elixidos a sorte entre os membros das outras nove tribos).
  • Mantiñan o lume sacro da cidade no Tholos (ἡ θόλος hē thólos), unha chama que xamais debía apagarse. A vixilancia deste edificio confiábase cada día aos membros dunha tritís.

Un dos prítanes, elixido a sorte, exercía durante un día a función de epístata (ὁ ἐπιστάτης ho epistátēs), é dicir, presidente do Consello (na práctica o xefe do Estado, vendo os arcontes o seu poder minguado) e Garda dos selos (selo da cidade, chave do tesouro, chave dos templos). Dirixía os traballos da Bulé e presidía a sesión da Ekklesía. Esta función non era puramente honorífica, posto que unha grafē parà nómōn (ἡ γραφὴ παρὰ νόμων) podía ser interposta contra o epístata (véxase Bulé).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Humbert, M. Michel (2003). Histoire des institutions politiques et sociales de l'Antiquité (en francés). Editions Dalloz. ISBN 2-247-05113-8. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]