Saltar ao contido

Parazoos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Parazoos

Esponxa

Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Parazoa
Filo

Os parazoos (Parazoa) (do grego παρα-, para, "xunto a", e ζωα, zoa, "animal") son unha división animal caracterizada pola presenza de tecidos parcialmente diferenciados, pero carente de músculos, nervios e órganos internos, o que os asemella en moitos casos a unha colonia celular máis cá un organismo multicelular propiamente dito.

Características

[editar | editar a fonte]

Se ben posúen células diferenciadas para diversas funcións, o seu corpo está formado por unha matriz xelatinosa, con numerosos poros finos ou ostiolos por onde entra auga. Células en colar (coanocitos) capturan as partículas de alimento, que se dixiren intracelularmente. Posúen un esqueleto interno, formado por espículas.

Outra característica dos Parazoos vén determinada polo seu alto poder rexenerativo: a súa capacidade de disgregación e rexeneración. Se por exemplo, unha esponxa se rompe en anacos, comprobaremos como se volve a refacer de forma xeral todo o corpo grazas ó traballo dos amebocitos.

O gran número de caracteres peculiares poñen de manifesto a súa singularidade e xustifica que se recoñeza ás esponxas como unha rama especial dos metazoos: os parazoos.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

O único filo dos Parazoa, os Porifera ou esponxas, amosan reprodución tanto asexual coma sexual. Son invariablemente acuáticos. Os adultos son sésiles, mentres que as larvas nadan libremente.

O feito de que estes animais se especializaran por vías alleas ás doutros animais, non implica que non tiveran éxito, xa que hoxe hai máis de 5.000 especies de esponxas, que na súa simplicidade son moi eficaces.

Algúns científicos inclúen no subreino Parazoa os Placozoa, un filo que consta só de dúas especies Trichoplax adhaerens e Treptoplax reptans formando este grupo. Outros científicos prefiren incluílos no subreino Agnotozoa xunto cos membros do filo Mesozoa. Outros escollen crear un subreino propio e único para estas especies chamado Phagocytellozoa.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]