Saltar ao contido

Literatura occitana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Guillerme IX de Aquitania foi o primeiro trobador coñecido, miniatura do século XIII conservada na Biblioteca Nacional de París.

A literatura occitana é aquela que se escribe en lingua occitana, tivo a súa orixe na poesía dos trobadores dos séculos XII e XIII que acadou prestixio na Europa Occidental e fixo agromar unha importante literatura noutras linguas vernáculas, influíndo tamén na xénese da literatura galega medieval, que se apropiou das súas formas[1].

Os primeiros textos en occitano con carácter literario datan do século XI ou XII, a Canço de Santa Fe[2] e Boeci sen que se conserven os manuscritos orixinais senón copias posteriores. A Passion de Clermont-Ferrand e a Vie de Saint Léger, tamén do século XI, son textos escritos orixinalmente en francés copiados por un escriba occitano que substituíu formas francesas por occitanas pero sen chegar a escribir realmente en occitano[3]

A época dos trobadores

[editar | editar a fonte]
Representación do trobador provenzal Rambaud de Vaqueiràs, que viviu entre os séculos XII e XIII

O primeiro trobador coñecido é Guillerme IX de Aquitania contra o 1100, pola madurez da súa composición pódese deducir que xa había unha tradición de poesía vernácula en occitano[4], algúns investigadores cren que a poesía árabe de Al-Andalus e en especial o zejel foi unha influencia decisiva na conformación do verso occitano[5][6], que distinguía diversos estilos, o trobar leu, elegante e aristocrático era o máis popular, o trobar clus, baseado na escuridade das súas metáforas, e o trobar ric, baseado na súa sonoridade. Entre os principais trobadores salientan Jaufre Rudèl que canta o amor luènhenc, o amor imposible e sen esperanza; Marcabrú de Poitiers, poeta do amor puro e da muller, inventor das pastorelas e que se especializa no trobar clus. Seguen os seus pasos os gascóns Pèire de Valeria, Alegret, Cercamòn e Bernart Martí.

Da segunda metade do século XII son Raimbaud de Orange (1155-1173), mestre do perigordiano Guiraut de Bornelh (ca. 1170-1221) considerado o formalizador do trobar leu [7] e do cal se conservan 77 pezas de carácter popular; a condesa de Dia (ca. 1160) que escribiu cinco cantigas; Pèire d'Alvernha (1130-1180), mestre de Dante; Richart de Berbezilh, trobador da Charenta; Bernart de Ventadorn (ca. 1155-1180), un dos grandes poetas do amor en lingua d'oc; Arnaut de Maruelh, os perigordinos Bertran de Born (1140-1188?), autor de sirventés guerriros para os Plantagenet de Gascoña, e Arnaut Daniel (ca. 1180), autor dun onirismo pasional, o monxe de Montaudon Pèire de Vic, o tolosano Pèire Vidal (m. 1204) cos poemas Na loba e Na vierna, dedicados á Provenza; Gaucelm Faidit (ca. 1185) autor de 70 pezas que destacan no planh e no amor ao país natal, e a epopea Girard de Rosselhon (1180).

Durante o século XIII a literatura occitana segue a se desenvolver con grande esplendor malia o declive da lírica cortés que se produciu despois da Cruzada dos Albixenses[8], con obras e autores tales como o tratado de falconería Dels auzels cassadors de Daude de Pradas composto en Rodas; o italiano Sordello (ca. 1229-1246); Guiraut Riquier (ca. 1254-1282), considerado un dos últimos trobadores; o catalán Cerverí de Girona (ca. 1252-1258); Guilhèm de Montanhagòl (ca. 1233-1258), defensor do amor cortés; a Canso de la Crosada é un poema épico composto por Guilhèm de Tudèla e un outro autor anónimo; Fierabràs, versión da canción de xesta francesa homónima composta entre 1230 e 1240; a Vida de Santa Enimia; a primeira mostra dun texto teatral longo en occitano, o misterio Espozalizi de Nòstra Dòna Sancta Maria Verges e de Sant Josèp, datado en 1280; Amanieu de Sescars, autor da prosa didáctica Ensenhaments; a famosa novela de cabalaría Flamenca (1240-1250); Matfre Ermengaud, autor de Lo breviari d'amor (1288).

Por outra banda, durante os séculos XII e XIII o occitano foi a lingua administrativa dos condados de Tolosa e Gascoña, así como tamén a lingua da corte das diferentes provincias occitanas, conservándose numerosos documentos públicos e privados redactados en occitano.

O século XIV e o Gai Saber

[editar | editar a fonte]

En 1323 un grupo de burgueses crean en Tolosa o Consistori del Gai Saber, co obxectivo de manter o estilo e as formas poéticas dos antigos trobadores, para tal fin deu en organizar unha competición poética anual coñecida como os Xogos Florais, e para mellor arbitrar a calidade das obras presentadas Guilhém Molinièr compilou as Leis d'Amor, que incluía normas estilísticas e lingüísticas. Arnaud Vidal foi un dos primeiros floreados en 1324 por un poema á Virxe María. Autores importantes do período son Guilhèm d'Alamand, Pèire Duran, Pèire de Landils e Bertrand Boysset, autor de Lo roman d'Arles (1370), así como a obra épica anónima Roland a Saragosse e Ronsasvals (1398) e o poema didáctico dun xudeu occitano, Esther (1322). Tamén é de subliñar a literatura dos cristiáns valdenses, con obras piadosas como La Noble Leiçon, Lo Novel Sermon, Lo Paire Eternal, L'Avangèli de Li Quatre Semenç e Lo Despreci del Mond. Dentro da tradición catálica destacan as vidas de santos, Vida del gloriós Sant Francés, Vida de Sant Auziás e Santa Delfina (1378), Vida de Santa Doucilina e Barlaam e Josafat a Albi. Entre 1370 e 1475 desenvólvese o teatro en occitano con misterios, xogos e paixóns como os Misteris Rouergats e o Jóc de Santa Agnés.

Os séculos XV e XVI

[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento da lingua virá marcado pola lei de Villers-Cotterêts do 15 de agosto de 1539, que contén a prohibición do uso nos escritos xudiciais e administrativos da calquera lingua que non sexa o francés, o que pon fin tradición de oficialidade da que gozaba o occitano no seu territorio lingüístico. O século XV foi o da invención da imprenta, o primeiro libro occitano impreso foi en 1492 un tratado de matemáticas Compendion de l'Abaco de Francés Pellós, e foi tamén o da introdución das formas e modas italianas, como o soneto que pouco a pouco substitúe as formas e os temas da época dos trobadores. A interferencia do francés provocou a decadencia das letras occitanas, malia todo aparecen grandes poetas como Belaud de la Belaudièra (1543-1588), Miquèu Tronc (1580?-1600), Pèire Pau (1554-1615), Augièr Galhard (n. 1540) autor de Libre Gras (1581) e Lou Banquet (1587) e Pèir de Garròs (1525-1581), cunha clara conciencia lingüística, que está considerado o pai do gascón moderno.

A decadencia

[editar | editar a fonte]

Durante os séculos XVII e XVIII a maioría dos escritores das terras de lingua de oc escriben en francés, entre a escasa produción da época destaca destaca a obra de Pèire Godolin en Tolosa, Le Ramelet Moundi que se publica entre 1617 e 1648, e que logrou nun momento no que o francés se estaba a impoñer como a lingua literaria no sur crear un movemento epigonal que mantivo o occitano con autores como Joan Giraud d'Astros e Guilhem Ader. Outros autores relevantes do século XVII son Bertrand Larada, Glaudi Brueis, Isaac Despuech Sage e Francès de Cortète.

No século XVIII o grande autor foi Joan Baptista Fabre, autor da novela Histoira dé Jean l'an prés. O occitano sobreviviu sobre todo en composicións de Nadal, obras teatrais populares como as de Joan Antoni Verdièr, ou en poesías realistas e populares como as de Claudi Peiròt.

As primeiras décadas do XIX supuxeron unha lixeira reactivación da produción literaria, con obras populares como o poema didáctico Leis Magnans (1819) de Joseph Marius Diouloufet, La Nemaïda (1823) de Rancher, Estreas bearnesas (1834), poesía realista e política de Xavièr Navarròt, Las Papilhòtas (1834) poemas populares de Jansemin que acadaron recoñecemento internacional.

Rexurdimento

[editar | editar a fonte]
Retrato de Mistral por Félix Auguste Clément. Mistral é a figura clave para enteder a recuperación da tradición literaria occitana e da mesma lingua, o seu dicionario bilingüe Lou Tresor dóu Felibrige (1878-1886), constitúe aínda hoxe un dos dicionarios máis ricos da lingua occitana

A literatura do século XIX vai estar marcada pola figura de Frédéric Mistral e o felibrismo que pretendía unha restauración da lingua e a literatura, ao seu redor dúas figuras capitais no rexurdimento, Joseph Roumanille, autor de Li Margarideto (1847) e Li prouvençalo (1852) e Théodore Aubanel, autor de La mióugrano entreduberto (1861), Li fiho d'Avignoun (1885). A consagración do movemento felibrista veu co éxito do poema de Mistral Mirèio (1859), xurdiron un gran número de epígonos en todo o territorio de lingua de oc, pero a grande influencia da obra de Mistral réstalles orixinalidade a moitos dos autores, entre os máis destacados están Antoine Blaise Crousillat, Paul Giera, Jean Brunet e Rémy Marcellin.

Século XX

[editar | editar a fonte]
Debuxo de Joan Bodon

Malia a escolarización en francés, obrigatoria desde 1880, a decadencia do felibrismo e a progresiva substitución do occitano polo francés como lingua popular, para a literatura occitana o período de entreguerras foi un momento moi creativo, en 1935 publicábanse numerosas revistas literarias, Lou Felibrige, Prouvenço, Lo Cobreto, Oc, Gai Saber, Septimanie, La Revue Lemousine, Aquitania, L'Almanac Occitan e varias ooutras. Os autores principais do período debátense entre a tradición marcada polo felibrismo e o novo occitanismo lingüístico, representado pola Societat d'Estudis Occitans que concibía unha lingua literaria xeral a todas as variedades occitanas respectando a orixinalidade destas e que terá a súa concreción práctica na primeira gramática normativa, a Gramatica occitana segon los parlars lengadocians que publicou Loís Alibèrt en 1935-1937. Sully-André Peyre é o gran representante do mistralismo , tanto literario como lingüístico, na época da entreguerra, moi crítico co movemento occitanista [9]. A partir de 1945 coa creación do Institut d'Estudis Occitans e a figura de Robert Lafont o felibrismo quedou superado pola orixinalidade da obra dos autores occitanistas[10], con todo hai autores felibristas cunha obra máis ambiciosa e orixinal como Marcéu Bonnet, Mas-Felip Delavouét, Fernand Moutet, Carles Galtier, Péire Millet, Jan Calendau Vianès ou prosita e poeta Jóusè d'Arbaud autor de La bèstio dóu Vacarès (1926).

Jòrgi Reboul é autor dunha obra poética dunha afervoada fe na humanidade, na vida e na lingua, de obreiro da linguaxe no espazo[11] como se reflicte en Terraire nòu (1937). Renat Nelli, estudoso do catarismo, recupera a tradición mítica e sensual do trobadorismo combinándoa co surrealismo, Entre l'espèr e l'absencia (1942), Arma de Vertat (1952), Oda a Montsegur (1977) son algúns dos seus poemarios máis celebrados. Max Roqueta, poeta, dramaturgo e prosista, é un escritor de transición, nel finaliza o discurso tradicional felibre e comeza o realismo social do novo occitanismo literario[12], colaborou na maioría das revistas literarias occitanas desde 1927, entre os seus libros salientan os sete volumes aparecidos desde 1961 de Verd Paradís que recollen gran parte da súa obra narrativa, e os seus poemarios Sòmis dau matin (1937), Sòmis de la nuòch (1942) e La Pietat dau matin (1963). Bernat Manciet, autor gascón das Landas cualificado de estraño[13], antifelibrista e antimediterráneo, segundo Robert Lafont a súa obra está no centro da produción occitana un pouco como un negativo necesario e violento[14], entre a súa produción poética, marcada pola desorde e o desartellamento sistemático das simetrías e a súa escuridade, destacan os poemarios Accidents (1955) e Gésta (1972) e o poema longo L'enterrament a Sabres (1989), as novelas Lo gojat de novémer (1964), Pluja (1976) e Lo camin de tèrra (1976). Marcela Delpastre, labrega, poeta e prosista limusina, comezou escribindo en francés pero o contacto co poeta Jean Mouzat foi determinante para comezar a escribir en limusín[15], é autora de poemarios La lenga que tant me platz (1964), Saumes pagans (1974), libros de prosa poética Paraulas per 'questa terra (1997), e escolmas de contos populares Los contes dau Pueg Gerjant (1970), Proverbis lemosins (1974). O poeta provenzal Sergi Bec emprega tanto a grafía mistraliana como a clásica nos seus poemarios Cants de l'èstre fòu (1957), Memòria de la carn (1960), Siéu un païs (1980), Cant dei nòstres pòbles encabestrats (1981), La nuech fendasclada (1994), Suito pèr uno eternita (2002), Saume dins lou vènt (2006). Ives Roqueta, a súa é unha poesía politicamente comprometida[16] e controvertida[17] debe moito ao espírito do 68 , L'escriveire public (1958), Messa pels pòrcs (1970), Los negres siám pas sols (1972), L'Escritura, publica o pas (poémas 1972-87) (1988), na narrativa introduce á clase obreira na literatura occitana La Paciéncia (1968), Made in France (1970), Lengadòc roge : los enfants de la bona (1984), Marion dels arbres (1996). Robèrt Lafont é a figura central do novo occitanismo cultural, a súa novela Vida de Joan Larsinhac (1951) supuxo a renovación da prosa narrativa occitana moderna[18] outras obras súas de narrativa son L'Icòna dins l'Iscla (1971), Tua culpa (1974), La festa (1983), L'enclaus (1992) ou Lei miraus infidèus (2002), tamén é autor de poemarios, Dire (1945-1953), Aire Liure (1974), Lausa per un solèu mòrt e reviudat (1984) e obras teatrais Ramón VII (1967), La croissade (1983). Joan Bodon é un dos narradores máis destacadas da literatura occitana[19], é autor de contos Contes del meu ostal (1951) e novelas La grava sul camín (1956), Lo libre de Catòia (1964), Lo libre dels grands jorns (1964). Leon Còrdas, autor das pezas teatrais La font de Bonas Gràcias (1954), Menèrba 2010 (1983), das novelas Los Macarèls, (1973) e La batalha del teules (1979).

  1. Anxo Gómez e Mercedes Queixas Historia xeral da literatura galega. A Nosa Terra, 2001, páxina 10
  2. Robert Lafont considérao en Nouvelle histoire de la literature occitana (1970) o texto literario máis antigo en occitano, Martí de Riquer dátao entre 1054 e 1076 considerándoo pola contra o texto máis antigo en catalán en Història de la Literatura Catalana (1964)
  3. Peter Rickard A history of the French language.Routledge, 1993, páxina 28
  4. Frank M. Chambers An introduction to old Provençal versification. DIANE Publishing, 1985, páxina 16
  5. Frank M. Chambers Versification en Akehurst e Davis A Handbook of the Troubadours.University of California Press, 1995, páxina 103
  6. Abu-Haidar Hispano-Arabic literature and the early Provençal lyrics. Routledge, 2001
  7. Linda Paterson Troubadours and eloquence. Clarendon Press, 1975, páxina 101
  8. Eugeen Roegiest Vers les sources des langues romanes: un itinéraire linguistique à travers la Romania. Academische Coöperatie, 2006, páxina 204
  9. María Ángeles Ciprés Palacín Un acercamiento a la poesía provenzal contemporánea[Ligazón morta]. Revista de Filología Románica, 1992
  10. Manuel Alquézar La correspondència entre Loïs Alibert i Josep Carbonell i Gener: materials per a l'estudi de la codificació de la llengua occitana. Institut d'Estudis Catalans, 1992, páxina 595
  11. Felip Gardy Cincuenta anys de poesia occitana (1940-1990)
  12. Fritz Peter Kirsch Écrivains au carrefour des cultures: études de littérature occitane, française et francophone. Presses Universitaires de Bordeaux, 2000, páxina 221
  13. Fritz Peter Kirsch, ob. cit., páxina 195
  14. Robert Lafont Nouvelle histoire de la literature occitana, tomo II, 1970, páxina 791
  15. Jean-Pierre Cavaillé, Marcelle Delpastre (1925-1998). Relégation au local et aspiration à l’universel , Les dossiers du Grihl, 2008: [1]. Consultado o 13 de outubro de 2009.
  16. Alex Hughes e Keith Reader Encyclopedia of Contemporary French Culture, CRC, 1998 páxina 459
  17. Robèrt Lafont califícaa en Nani Monsur (1979) de populista e de baixa calidade, recoñecendo non obstante na súa Nouvelle histoire de la littérature occitane que é o escritor clave da súa xeración.
  18. Carmen Alén Garabato O occitano, lingua europea. USC, 2003, páxina 69
  19. Carmen Alén Garabato ob cit, páxina 71

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]