Saltar ao contido

Lantánidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os lantánidos[1], ou tamén lantanoides,[2] son un grupo de elementos que forman parte do período 6 da táboa periódica dos elementos. Estes elementos son chamados terras raras debido a que se atopan en forma de óxidos, e tamén, xunto cos actínidos, elementos de transición interna.

Características

[editar | editar a fonte]

O nome procede do elemento químico lantano, que acostuma incluírse dentro deste grupo, dando un total de 15 elementos, dende o de número atómico 57 (lantano) ao 71. Aínda que se acostuma incluír neste grupo, o lantano non ten electróns ocupando ningún orbital f, mentres que os catorce seguintes elementos teñen este orbital 4f parcial ou totalmente cheo.

Estes elementos son quimicamente bastante parecidos entre si xa que os electróns situados en orbitais f son pouco importantes nos enlaces que se forman, en comparación cos p e d. Tamén son bastante parecidos aos lantánidos os elementos itrio e escandio, debido a que teñen un raio semellante e, ao igual que os lantánidos, o seu estado de oxidación máis importante é o +3. Este é o estado de oxidación máis importante dos lantánidos, pero tamén presentan o estado de oxidación +2 e +4.

A abundancia destes elementos na codia terrestre é relativamente alta, en minerais como por exemplo a monacita, na cal se atopan distintos lantánidos e itrio.

Na táboa periódica, estes elementos acostuman situarse debaixo do resto, xunto cos actínidos, dando unha táboa máis compacta que se se colocasen entre os elementos do bloque s e os do bloque d, aínda que nalgunhas táboas periódicas si que poden verse situados entre estes bloques, dando unha táboa moito máis ancha.

O raio dos lantánidos vai diminuíndo conforme aumenta o número atómico; non son variacións grandes, pero vanse acumulando. Isto provoca que os elementos do bloque d da segunda e terceira serie de transición presenten raios semellantes dentro dun grupo: deberían aumentar ao baixar nun grupo, pero ao estar intercalados os lantánidos, este aumento no raio por baixar dentro dun grupo vese contrarrestado pola diminución do raio pola presenza dos lantánidos. Isto coñécese como contracción dos lantánidos.

57
La
58
Ce
59
Pr
60
Nd
(61)
Pm
62
Sm
63
Eu
64
Gd
65
Tb
66
Dy
67
Ho
68
Er
69
Tm
70
Yb
71
Lu
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lantánidos.
  2. "Táboa periódica na web da RAG". Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2021. Consultado o 07 de outubro de 2021.