Johann Joachim Quantz
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 30 de xaneiro de 1697 Scheden, Alemaña (pt) |
Morte | 12 de xullo de 1773 (76 anos) Potsdam, Alemaña |
Lugar de sepultura | Potsdam |
Actividade | |
Ocupación | compositor, frautista, oboísta (pt) , trompetista, fabricante de instrumentos musicais, musicólogo, teórico da música, profesor de música |
Empregador | Orquestra Estatal de Dresden (pt) Frederico II de Prusia |
Xénero artístico | Música barroca |
Movemento | Música barroca |
Profesores | Jan Dismas Zelenka (pt) , Johann Joseph Fux e Francesco Gasparini (pt) |
Alumnos | Johann Friedrich Agricola |
Influencias | |
Instrumento | Frauta travesa e óboe |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Dicionario Musical Riemann (1901–1904) |
Páxina web | quantz.info |
Johann Joachim Quantz, nado en Oberscheden (Baixa Saxonia) o 30 de xaneiro de 1697 e finado en Potsdam o 12 de xullo de 1773, foi un compositor e frautista alemán, ademais de mestre de frauta do rei Frederico II de Prusia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou a demostrar o seu talento musical moi cedo. Aos 8 anos xa tocaba o contrabaixo en festivais locais. En 1708, ao morrer o seu pai, ferreiro de profesión, foise vivir a casa do seu tío Justus Quantz, membro da orquestra da cidade de Merseburg, co que comezou os seus estudos musicais. Trala morte do seu tío, o xenro deste, Johann Adolf Fleischhack tomou a Quantz como alumno. Ao rematar os seus estudos sabía tocar os principais instrumentos de corda e todos os de vento usuais, a excepción da frauta travesa.
En marzo de 1716 ingresou na orquestra municipal de Dresde, un ano máis tarde viaxou a Viena onde estudou composición con Jan Dismas Zelenka e Johann Joseph Fux. En 1718 foi nomeado oboísta na capela polaca de Augusto II en Varsovia. Especializouse no estudo da frauta traveseira baixo a dirección de Pierre Buffardin.
Estudou contrapunto en Roma con Francesco Gasparini e durante as súas viaxes por Europa coñeceu persoalmente a Scarlatti e a Händel.
En 1728 converteuse en frautista da capela de Dresde. Alí, durante un concerto coñeceu o príncipe Frederico de Prusia, máis tarde chamado Frederico o Grande, quen o tomou como mestre particular de frauta.
Cando o príncipe chegou a ser proclamado rei, Quantz pasou ás ordes directas do novo monarca e impartiulle clases diarias de frauta e composición. Mesmo lle acompañaba nas súas campañas militares. Quantz permaneceu como compositor da corte e músico de cámara de Frederico o resto da súa vida, interpretando as súas propias composicións, así como as do rei. Só el tiña o privilexio de criticar o rei, en sentido positivo ou negativo.
A súa obra
[editar | editar a fonte]Foi un compositor moi prolífico e un excepcional frautista. A súa obra comprende máis de 200 sonatas, 300 concertos, para unha ou dúas frautas, música de cámara e algunhas arias. O seu estilo é barroco, influenciado polo estilo italiano, especialmente de Antonio Vivaldi, aínda que as súas últimas creacións inclínanse cara ao clasicismo.
Tamén publicou varios tratados moi completos sobre a interpretación da frauta no final do Barroco, e en particular o seu Versuch einer Anweisung die Flöte traversiere zu spielen (1752), referencia fundamental para coñecer a interpretación musical (e non só a frautística) a mediados do século XVIII. Paralelamente construíu frautas e proporcionou melloras técnicas e sonoras ao instrumento. Johann Sebastian Bach e Georg Philipp Telemann coñeceron estes instrumentos e adaptaron algunhas das súas composicións ás súas novas posibilidades técnicas.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Información sobre a asociación Quantz (en inglés)